Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 3 de outubro de 2012 Páx. 38049

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 27 de setembro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que as/os mariscadoras/es a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de alcanzar a pensión de xubilación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

A normativa reguladora da actividade de marisqueo a pé, que comprende o recollido no título IV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no capítulo III do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de actividade pesqueira e marisqueira, modificado polo Decreto 114/2007, do 31 de maio, así como na Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé, establece que, con carácter xeral, as/os mariscadoras/es a pé deben cesar na súa actividade no mesmo día en que acaden os 65 anos (coa excepción prevista na disposición transitoria quinta do Decreto 425/1993). Serán dados de baixa no censo correspondente e poderán, en tales circunstancias, solicitar a correspondente pensión de xubilación, de conformidade coa normativa vixente en materia de seguridade social.

Non obstante, existe un colectivo de mariscadoras/es que, ao finalizar a súa actividade profesional por acadar a idade anteriormente indicada, non pode gozar da pensión de xubilación por non ter o período mínimo de cotización requirido pola Seguridade Social.

A Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o convenio especial no sistema da Seguridade Social, permite na actualidade dar solución e cobertura ás/aos mariscadoras/es que se atopan nesta circunstancia.

A natureza desta figura fai necesario o establecemento de axudas que, con suxeición ao sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitan colaborar no pagamento das cotizacións para completar, mediante a subscrición dun convenio deste tipo, os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, co obxecto de alcanzar unha pensión de xubilación.

De acordo con todo o exposto, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto, en primeiro lugar, establecer as bases reguladoras das axudas para que as/os mariscadoras/es a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, mediante a subscrición de convenio especial, co fin de alcanzar a pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, e, en segundo lugar, establecer a súa convocatoria para o ano 2012.

2. Estas axudas serán aplicables en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O prazo de vixencia desta orde abranguerá desde o 1 de novembro do ano anterior ao da convocatoria ata o 31 de outubro do ano da convocatoria.

Artigo 2. Beneficiarias/os das axudas

a) Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as/os mariscadoras/es que reúnan os requisitos establecidos no artigo seguinte e que no período comprendido entre o 1 de novembro do ano anterior ao da convocatoria e o 31 de outubro do ano da convocatoria teñan o permiso de explotación para o marisqueo a pé en vigor ata o día inmediato anterior á data en que fagan os 65 anos.

b) Igualmente, poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as persoas beneficiarias destas axudas na última convocatoria que sigan cumprindo os requisitos necesarios para ser beneficiarias delas.

Artigo 3. Requisitos das/os beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os deberán:

a) Ter exercido a actividade marisqueira a pé de forma ininterrompida desde o ano 2.000 ata a data en que fagan os 65 anos.

b) Non ter ingresos anuais na unidade familiar superiores a 2,5 veces o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).

c) Estar ao día, con anterioridade a ditarse a proposta e resolución de concesión, nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Segundo o establecido no artigo 51 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, «quedan exentos e exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou ser debedor ou debedora por resolución de procedencia de reintegro, os beneficiarios e as beneficiarias das subvencións seguintes: (...) i) as que non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, «Transferencias de capital», destinadas a familias e institucións sen fins de lucro», entendendo estes 3.000 euros referidos ao cómputo total da axuda.

d) Asinar un convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do réxime especial dos traballadores do mar, ou ter asinado convenio especial de base igual ou superior a aquel.

e) Non ser beneficiaria/o de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e non ser perceptora/or de pensión de xubilación ou incapacidade permanente.

f) Non estar incursa/o en prohibición que lle impida ter condición de beneficiaria/o de subvencións.

Artigo 4. Contía e percepción das axudas

1. As/os beneficiarias/os percibirán unha axuda destinada a aboar o importe do convenio especial que deben subscribir coa Seguridade Social. A contía da axuda será igual ao importe de dito convenio, coa limitación dunha contía máxima de 350 € mensuais durante o período a que corresponda a convocatoria.

2. O período subvencionable abranguerá entre o 1 de novembro do ano anterior ao da convocatoria e o 31 de outubro do ano da convocatoria.

En todo caso, os efectos económicos virán determinados pola data de efectos do convenio especial asinado coa Seguridade Social.

Artigo 5. Dotación orzamentaria

1. As axudas concederanse por importe máximo de 646.000 euros e imputaranse á aplicación 16.31.722A.780.0, proxecto 2011 00832, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente. En caso de que o número de solicitudes supere o crédito dispoñible, procederase ao rateo do importe global máximo previsto entre os beneficiarios da subvención segundo o disposto no artigo 9.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, prevese a posibilidade de ampliar o crédito en virtude do artigo 31 desta mesma Lei 9/2007. Desta maneira, o importe consignado en cada convocatoria poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

As persoas que cumpran o requisito referido no artigo 3.a) con posterioridade á publicación desta orde e reúnan todos os demais requisitos nela exixidos poderán presentar a súa solicitude no prazo dun (1) mes desde a data en que se cumpra tal requisito, e sempre durante a vixencia desta orde.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes para acceder a estas axudas poderán presentarse na oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou nos lugares e formas previstos no punto 4 do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, tamén se poderá presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es

2. As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen no anexo I desta orde e deberán ir acompañadas dos seguintes documentos:

a) Informe da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e informe expedido polo Instituto Social da Mariña ou Instituto Nacional da Seguridade Social en que conste o cómputo total (cotizados + asimilados) de días de cotización para efectos de xubilación.

b) Compromiso de subscribir o convenio especial a que se refire a letra d) do artigo 3 co Instituto Social da Mariña (anexo II), ou copia do convenio especial asinado.

c) Declaración de non ser beneficiario de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e de non ser perceptor de pensión de xubilación ou incapacidade permanente (anexo III).

d) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición que lle impida ter a condición de beneficiario de subvencións (anexo IV).

e) Copia compulsada da declaración do IRPF da unidade familiar do ano inmediatamente anterior ao da convocatoria ou, no caso de non tela presentado, declaración responsable de non ter ingresos superiores a 2,5 veces o IPREM (anexo VII).

f) Anexo V debidamente cuberto.

3. As persoas que percibiron estas axudas na última convocatoria deberán presentar, para se beneficiaren desta convocatoria, unicamente os anexos I, III, IV, V e VII, debidamente cubertos, salvo que se atopasen nalgún suposto de extinción da axuda.

4. No caso de non proceder a exención referida no artigo 3.c) desta orde, de acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que a/o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, a/o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións. Igualmente, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos á/ao interesada/o.

5. As/os solicitantes deberán comunicarlle á consellería toda variación que se produza na súa situación respecto da Seguridade Social, no prazo máximo dos cinco (5) días seguintes a aquel en que esta se produza.

Así mesmo, no caso de falecemento dalgunha ou dalgún solicitante, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros, coa maior brevidade posible e dentro dos dez (10) días seguintes ao do falecemento, debendo presentar o certificado de defunción.

Artigo 8. Emenda

1. Revisadas as solicitudes pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, poderáselles reclamar, en caso de documentación incompleta ou defecto desta, por escrito ás/aos interesadas/os que nun prazo de dez (10) días remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Sen prexuízo do anterior, en calquera momento do procedemento a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá requirir aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 9. Procedemento de concesión e órgano avaliador

1. Polo obxecto e finalidade destas axudas, que se concederán dentro dos límites orzamentarios a todas/os as/os beneficiarias/os que reúnan os requisitos exixibles, non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas; este procedemento non terá a consideración de concorrencia competitiva.

2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento abreviado establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, polo que non intervirá o órgano avaliador a que se refire a citada norma legal.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e comprobado que reúnen os requisitos exixidos na presente orde, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro elaborará a correspondente proposta de resolución, que será remitida ao órgano competente para a resolución destas axudas.

Artigo 10. Resolución e aceptación

1. Segundo o sinalado no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución destas axudas correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar. Ao abeiro do punto 3 deste mesmo artigo, e en consonancia co artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, tal resolución queda delegada no secretario xeral do Mar, tal e como aparece recollido no artigo 2 da Orde do 30 de marzo de 2012 de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do ente público Portos de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco (5) meses, que se computarán desde a data de publicación desta convocatoria, conforme o sinalado no artigo 23.4 da citada Lei 9/2007, e no artigo 1.2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Conforme o sinalado no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

3. A resolución notificaráselles aos interesados, conforme o establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, para que no prazo de dez (10) días comuniquen a súa aceptación ou o rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda, segundo dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Recursos

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, ou recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente da orde contencioso-administrativa, que se interporá no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

1. A axuda liquidarase mensualmente, e para a súa xustificación e pagamento será imprescindible que as/os beneficiarias/os presenten, para o primeiro pagamento, copia compulsada do convenio especial asinado co Instituto Social da Mariña, xunto co anexo VI datado e asinado, xustificante acreditativo dos pagamentos das cotas do convenio realizados ata o momento e, de ser o caso, certificacións de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social e de non ter débedas pendentes, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Para os pagamentos sucesivos bastará o xustificante acreditativo do último pagamento da cota do convenio especial asinado co Instituto Social da Mariña e, de ser o caso, certificacións de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social e de non ter débedas pendentes, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias deberán comunicarlle á consellería calquera modificación das condicións tidas en consideración para a concesión da axuda, no prazo dos (5) cinco días seguintes a aquel en que esta se produza.

2. As persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectúe a consellería, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás que a lexislación vixente lles atribúe a outros organismos da Comunidade Autónoma.

3. Igualmente, someteranse ás obrigas establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Causas de extinción da axuda

A percepción da axuda extinguirase polas seguintes causas:

a) Por quedar a/o beneficiaria/o comprendida/o, pola realización de actividade, no campo de aplicación de calquera réxime dos que integran o sistema da Seguridade Social.

b) Por adquirir a condición de pensionista de xubilación ou de incapacidade permanente en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social.

c) Por falecemento da/o beneficiaria/o.

d) Por cumprir os requisitos necesarios para causar pensión de xubilación.

e) Pola falta de pagamento das cotas do convenio especial asinado pola/o beneficiaria/o co Instituto Social da Mariña.

Artigo 15. Reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da mesma lei.

Disposición adicional primeira

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiaria/o, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das ditas axudas ou subvencións, indicando a relación dos beneficiarios, o importe das axudas e a identificación da normativa reguladora, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para que dite as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file