Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2012 Páx. 37757

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2012 pola que se convoca o I Curso de actualidade xurídica de réxime local. A Lei orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. Aplicación ás entidades locais, para o persoal ao servizo das administracións locais de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, de acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 14 de setembro de 2012 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase o I Curso de actualidade xurídica de réxime local. A Lei orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. Aplicación as entidades locais, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O obxectivo é impartir unha formación de carácter eminentemente práctico sobre como implantar e aplicar a Lei orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, no ámbito local para conseguir resolver as dúbidas e problemas que están xurdindo na súa aplicación.

Segunda. Persoal ao que vai dirixido

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal e funcionarios do grupo A1 ao servizo da Administración local de Galicia, que se atopen en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

Para a súa selección aplicaránselle os criterios recollidos na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro).

Cuarta. Desenvolvemento

1. Duración: 17.00 horas.

2. Lugar: Deputación Provincial de Pontevedra, avda. Montero Ríos, s/n.

3. Datas: 29, 30 e 31 de outubro de 2012.

4. Horario: das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 19.00 horas (os días 29 e 30), e das 9.30 ás 13.30 horas (o día 31).

5. Prazas: 100.

Quinta. Contido

– Introdución á estabilidade orzamentaria e á sustentabilidade financeira.

– A LEP: ámbito de aplicación e principios xerais. Obxectivos para as entidades locais e procedementos de control da estabilidade orzamentaria.

– A técnica orzamentaria ante o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

– Metodoloxía de cálculo da estabilidade orzamentaria.

– Plans económico-financeiros e de reequilibrio: proceso de elaboración, tramitación, aprobación e seguimento.

– Medidas preventivas, correctivas e coercitivas.

– O financiamento local en época de crise e no marco da estabilidade orzamentaria.

– Novas responsabilidades de remisión de información e transparencia para os interventores municipais.

– A repercusión do incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria na organización das entidades locais.

Sexta. Valoración

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e corrección, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,50 puntos.

Sétima. Solicitudes e prazos

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos candidatos.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas na letra anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

e) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, deberán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra g) desta base.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de encontrárense varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de outubro de 2012 ás 14.00 horas.

h) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro ao que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.

i) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57, fax 981 54 63 39 ou enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Oitava. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión, será informado da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica quen facilite os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación non foron seleccionadas polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena. Pagamento de matrícula

O importe da matrícula é de noventa euros (90 €) para todos os solicitantes, con excepción dos colexiados do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración local de Pontevedra que teñan esta condición en 1 de outubro de 2012 e dos empregados públicos de Deputación Provincial de Pontevedra.

O pagamento da matrícula deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á comunicación por parte do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra da aceptación do alumno no curso.

Décima. Asistencia aos cursos

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas. A ausencia, aínda que sexa xustificada, superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

b) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatorias das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

Décimo primeira. Realización de probas

Para poder superar o curso o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final deste.

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Décimo terceira. Modificacións

A EGAP e o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración local de Pontevedra poderán suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2012

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública