Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2012 Páx. 37368

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (1104/2011).

Encarnación Mercedes Tubío Lariño, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos número 1104/2011 por instancia de Daniel Fraile Maestro contra Transportes Óscar Jartín Sueiro, S.L., sobre despedimento, nos cales se ditou sentenza con data do 23.2.2012 que, copiada nos particulares necesarios, di así:

«Decido que debo aceptar e acepto parcialmente a demanda formulada por Daniel Fraile Maestro, asistido polo letrado Dionisio Luis Martín Casado, contra a entidade Transportes Óscar Jartín Sueiro, S.L., en rebeldía procesual, e, en consecuencia, debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento efectuado ao demandante, condenando a entidade Transportes Óscar Jartín Sueiro, S.L. a que, no prazo de cinco días desde a data de notificación da sentenza, opte entre a readmisión inmediata do demandante, nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, ou ben o aboamento dunha indemnización de 4.199,93 euros, máis, en ambos os dous casos, o aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a notificación desta resolución, que ascende na data da presente resolución á suma de 6.622,71 euros, calculando os días restantes a 45,36 euros diarios.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, ás cales se lles fará saber que esta non é firme e contra ela cabe interpor recurso de suplicación para ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, debendo anuncialo ante este xulgado no prazo de cinco días contados desde a notificación desta sentenza, do cal coñecerá, de ser o caso, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tal como establece o artigo 188 e seguintes do texto refundido da lei, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril; pasados os cales, quedará firme e procederase ao seu arquivamento e, no propio termo, se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta, deberá, ao anunciar o recurso, entregar o xustificante acreditativo de ter consignado a cantidade obxecto de condena na conta de depósitos e consignacións que este xulgado ten aberta no Banesto desta cidade.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que conste, para os efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que sirva de notificación en forma á empresa Transportes Óscar Jartín Sueiro, S.L., expido e asino este edicto.

A Coruña, 19 de abril de 2012

A secretaria xudicial