Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 21 de setembro de 2012 Páx. 36937

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do proxecto sectorial da área de usos recreativos PS-5 do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar na ETEA (Vigo), aprobado definitivamente polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de setembro de 2012.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de setembro de 2012 do proxecto sectorial da área de usos recreativos PS-5 do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar na ETEA (Vigo), sometido a información pública mediante Anuncio do 14 de xuño de 2012 (DOG nº 115, do 18 de xuño).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), fanse públicas as disposicións normativas do proxecto sectorial da área de usos recreativos PS-5 do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar na ETEA (Vigo), para a súa entrada en vigor.

Normativa urbanística

6.1. Introdución.

No presente documento inclúese unha regulamentación detallada dos usos pormenorizando o volume, as características técnicas e funcionais, condicións de deseño e de adaptación ao ambiente da dotación obxecto do proxecto sectorial.

6.2. Regulamentación detallada.

O ámbito deste proxecto sectorial defínese en planos de ordenación como PS-5 cunha superficie de 7.625 m2, cumprindo as determinacións e documentación previstas na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e o seu alcance regulador será o propio dun plan especial de infraestruturas e dotacións dos previstos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de acordo co Plan sectorial da ETEA.

O proxecto sectorial ordena o ámbito para a localización de usos relacionados coa potenciación do desfrute e uso público do litoral e a apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía mellorando a súa capacidade estancial, coas instalacións e servizos necesarios para tal finalidade.

A edificabilidade deste ámbito non supera os 2.150 m2 construídos, cunha superficie de ocupación total inferior á actualmente existente.

O proxecto sectorial ten en conta as limitacións e servidumes establecidas pola vixente lexislación de costas e particularmente a servidume de protección.

As edificacións que se conservarán non superan a altura de baixo e adáptanse á súa localización na primeira liña en relación ao litoral, facilitando a permeabilidade peonil e visual e resolvendo o contacto co cantil natural mediante a fragmentación ou permeabilidade dos seus volumes.

Este proxecto sectorial prevé a apertura da praia do Arenal da Punta para o seu uso público acondicionando espazos para o uso público, ordenando e facilitando ao mesmo tempo o acceso desde o barrio da Guía ás novas instalacións e a comunicación pola costa co barrio de Ríos.

O proxecto sectorial resolve dentro do seu ámbito as reservas necesarias para prazas de aparcadoiro localizando sete prazas na zona da antiga panadaría e trece prazas na zona da praia da Punta, polo que se dota a zona do mínimo de vinte prazas exixido no plan sectorial.

6.3. Normativa do proxecto sectorial.

6.3.1. Natureza.

O presente documento urbanístico do proxecto sectorial é o instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto a regulación detallada e pormenorizada da implantación dunha dotación de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal en que se localice, pola súa magnitude, importancia ou especial características, ou que se asenten sobre varios termos municipais.

O proxecto sectorial axustarase nas súas determinacións e documentación ao establecido nos artigos 22 a 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e nos artigos 9 e 10 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Tamén se axustará ás determinacións e documentación que a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como á normativa vixente no momento da súa redacción.

6.3.2. Ámbito.

O ámbito de aplicación da presente normativa é a sinalada nos planos de ordenación das presentes normas urbanísticas.

6.3.3. Alcance.

As determinacións contidas neste proxecto sectorial serán vinculantes para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente en Vigo.

6.3.4. Modificación e vixencia.

O presente documento entra en vigor coa publicación do acordo da súa aprobación definitiva. A súa vixencia é dun ano e a súa modificación realizarase de acordo ao establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

6.3.5. Desenvolvemento e execución.

O presente proxecto sectorial do ámbito PS-5 contén a definición detallada do proxecto técnico de urbanización.

6.3.6. Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non establecidos nesta normativa observarase o disposto, de forma subsidiaria, na normativa urbanística do Plan xeral do municipio de Vigo.

6.3.7. Definicións.

Para os efectos desta normativa, cantas veces se empreguen os termos que a continuación se indican terán o significado que se expresa nas seguintes epígrafes:

Aliñación oficial: entenderase por aliñación oficial as liñas límite das parcelas edificables cos espazos públicos constituídos polas vías e os espazos públicos.

Rasante: son as cotas altimétricas que corresponden co perfil lonxitudinal da vía.

Altura de edificación: é a dimensión vertical dun edificio medida da forma seguinte: desde a cota de rasante da beirarrúa ata a cara inferior do último forxado horizontal ou armazón estrutural do recubrimento, tomado no punto medio da fachada.

Altura máxima da edificación: será a maior altura que poderá alcanzar a edificación, en aplicación desta normativa. Deberá vir expresada en metros e a súa aplicación regularase polos criterios establecidos no punto anterior.

Construcións por riba da altura máxima: sobre a altura máxima permitida non se admitirán outras construcións que a cuberta, cunha altura non superior a catro (4) metros, e as chemineas, antenas, instalacións para enerxía solar e instalacións especiais necesarias para o bo funcionamento da actividade.

Altura de planta ou altura libre de piso: é a distancia entre o nivel de piso, ou pavimento rematado, e o tirante da cimbra de cuberta do edificio, ou superficie inferior do teito da planta.

Ocupación máxima: é a superficie da parcela edificable susceptible de ser ocupada pola edificación. A súa contía pode sinalarse directa ou indirectamente. Indirectamente, como conxunción de referencias de posición, coincidente entón coa área de movemento. Directamente, mediante a asignación dun coeficiente de ocupación, neste caso a ocupación é a máxima proporción da superficie edificable que poderá quedar comprendida dentro de limítes definidos pola proxección, sobre un plano horizontal, das liñas externas de toda edificación, incluso a subterránea. Expresarase en tanto por cento.

Superficie ocupada: é a superficie comprendida dentro dos límites definidos pola proxección vertical sobre un plano horizontal das liñas externas de toda construción, incluso a subterránea. Para o conxunto da superficie ocupada non se terá en conta os beirís, marquesiñas ou elementos.

Superficie edificada: é a superficie comprendida entre os límites exteriores da construción da planta. A suma das superficies edificadas de todas as plantas será a superficie total edificada.

Edificabilidade máxima: é o valor que sinala esta normativa para limitar a superficie edificada total que se pode construír nunha parcela ou nunha área determinada. Pode ser fixada mediante unha cantidade concreta, ou un coeficiente de edificabilidade que relaciona a superficie total edificable e a superficie total da parcela ou área.

6.3.8. Condicións xerais de uso.

Son as condicións que regulan as diferentes utilizacións dos terreos e edificacións segundo a actividade que se produza.

A regulación de usos en determinadas parcelas ou zonas establécese en cada ordenanza.

Esta regulación ten como base as determinacións establecidas na PXOM de Vigo «Título V, Normas xerais de uso», no caso de resultaren incompatibles co dito documento, prevalecerán as do presente proxecto sectorial.

6.3.8.1.Definición e clasificación dos usos do chan e da edificación.

Definición:

Uso característico: é o predominante, do ámbito ou dunha zona de ordenanza segundo a cualificación establecida pola ordenación.

Usos pormenorizados: son os que establece o presente proxecto sectorial para cada unha das zonas de ordenanza a partir dos tipos de usos definidos pola PXOM de Vigo e as clases e categorías de uso.

Uso compatible: é o que pode implantarse substituíndo ou coexistindo co característico para os efectos do cómputo das limitacións de intensidade de usos, en zona ou parcela.

Uso prohibido: todo aquel que non sexa característico ou compatible na zona de ordenanza oportuna, ou que expresamente se prohiba.

Clasificación:

Para os efectos destas normas, e tomando como base o plan urbanístico vixente, os usos permitidos son os seguintes:

Comercial: definido como aquel que corresponde a locais de servizo ao público destinados á compravenda retallista ou cambio de mercadorías, podendo albergar actividades implantadas en edificios exclusivos ou complementarios doutros usos.

Salas de reunións: comprende este uso os locais destinados ao público para o desenvolvemento das relacións sociais.

Servizos públicos: definido como aquel que corresponde tanto ás instalacións de carácter específico como a aquelas actividades de servizos desenvolvidos por organismos públicos.

Equipamento: comprende as superficies destinadas a usos públicos ou colectivos ao servizo directo dos cidadáns. O solo será sempre de dominio público cando corresponda a cesións resultado do plan. Así mesmo, exceptúanse da condición de dominio público de solo as instalacións cuxo uso sexa docente, sanitario-asistencial, sociocultural e relixioso na modalidade de lugares de culto, promovidas por entidades e fundacións acollidas á lexislación de beneficencia, por cooperativas, polas institucións relixiosas e por entidades sen ánimo de lucro, cuxo funcionamento e características, así como o control das súas actividades, estean previstos en leis especiais.

Uso de espazos libres e zonas verdes: comprende os solos cualificados espazos libres e zonas verdes, destinados fundamentalmente a plantacións de arboredo e xardinaría, co obxecto de garantir a salubridade e o descanso da poboación, a protección e illamento de zonas ou establecementos que o requiran e a obtención de mellores condicións ambientais para a área en que están situados.

6.3.8.2. Regulación do uso comercial.

Para os efectos do seu detalle, establécense as seguintes categorías:

Categoría 1ª. Edificio con máis do 60 % da superficie total edificada destinada a usos comerciais e o resto a outros usos, agás a vivenda.

Categoría 2ª. Locais comerciais en planta baixa. Cumprirán as condicións establecidas para o uso comercial do PXOM de Vigo.

Cumprirán, en todo caso, a normativa vixente correspondente á materia.

6.3.8.3. Regulación do uso de salas de reunión.

Para os efectos do seu detalle estableceranse as categorías:

Categoría 1ª. Cafés, bares, tabernas e restaurantes ata 250 m2 de superficie total.

Categoría 2ª. Bares, restaurantes, terrazas e bailes ao aire libre. Cumprirán as condicións establecidas sobre o «Uso de salas de reunións» do PXOM de Vigo.

Cumprirán, en todo caso, a normativa vixente correspondente á materia.

6.3.8.4. Regulación do uso de servizos públicos.

Regularanse conforme a normativa específica que lles sexa de aplicación en función do tipo de instalación e polas necesidades propias do uso pormenorizado.

Distínguense as seguintes clases de usos:

Servizos administrativos: corresponde aos espazos ou locais destinados a actividades propias da Administración estatal, autonómica ou local, así como as desenvolvidas polos seus organismos autónomos e entidades de dereito público. As súas condicións estarán ao determinado para o uso de oficinas.

Seguridade e protección cidadá: corresponde aos espazos, edificios ou locais destinados a institucións ou corpos a tarefa dos cales sexa a preservación da orde pública e a protección dos cidadáns ou dos bens, tales como parques de bombeiros, comisarías de policía, protección civil etc.

Infraestruturas: corresponde este uso aos espazos destinados a centros de produción, almacenaxe e distribución de servizos urbanos de infraestruturas. Intégranse neste uso: as infraestruturas eléctricas tales como subestacións, centros de transformación, tendidos de alta tensión etc.; as infraestruturas de gas, tales como gasómetros e gasodutos, antenas de transporte, redes de distribución etc.; as infraestruturas de abastecemento de auga, depósitos, ETAP etc.; as infraestruturas de saneamento e depuración, como estacións depuradoras, laminadores etc.; instalacións de telecomunicacións, centrais, puntos de enlace etc.; e evacuación de residuos sólidas urbanos, tales como colectores de lixo. Inclúense tamén neste uso os «puntos limpos», definidos como instalacións de agrupamento de residuos en que se levan a cabo as actividades de control de recepción de residuos, clasificación e agrupación das de naturezas compatibles e expedición destes ata as diferentes instalacións de reciclaxe de cada un deles.

Regularanse conforme a normativa específica que lles sexa de aplicación en función do tipo de instalación e polas necesidades propias do uso.

6.3.8.5. Regulación do uso de equipamento.

Clasificaranse de acordo cos seguintes tipos:

1. Sociocultural.

2. Deportivo.

3. Servizos.

Cumprirán de forma subsidiaria as condicións establecidas na epígrafe Sistema xeral de equipamentos públicos do PXOM de Vigo, ademais das condicións establecidas nas disposicións vixentes que lle sexan de aplicación.

6.3.8.6. Regulación do uso de espazos libres e zonas verdes.

Cumprirán de forma subsidiaria as condicións establecidas no capítulo 5.8 do PXOM de Vigo sobre o «Uso de espazos libres e zonas verdes».

Cando lles sexa de aplicación cumprirán as condicións establecidas no Regulamento xeral de policía e espectáculos públicos e actividades recreativas.

As instalacións de equipamentos de uso público cumprirán coas disposicións sobre barreiras arquitectónicas establecidas na Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o disposto no Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento e execución.

6.3.8.7. Regulación como zona de servidume aeronáutica.

A totalidade do ámbito obxecto do Plan sectorial de ordenación territorial encóntrase incluído nas zonas de servidumes aeronáuticas legais correspondentes ao Aeroporto de Vigo. Nos planos que se achegan no presente proxecto sectorial represéntanse as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas do Aeroporto de Vigo que afectan o dito ámbito, as cales determinan as alturas (respecto ao nivel do mar) que non debe exceder ningunha construción (incluídos todos os seus elementos como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos etc.), modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeradores, incluídas as súas pas, carteis etc.), así como o gálibo dos vehículos.

Ao estar o ámbito incluído nas zonas de servidumes aeronáuticas legais, a execución de calquera construción ou estrutura (postes, antenas, aeroxeradores, incluídas as pas etc.) e a instalación dos medios necesarios para a súa construción (incluídos os guindastres de construción e similares) requirirá resolución favorable previa da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 29 e 30 do Decreto 584/1972 na súa actual redacción, circunstancia que deberá recollerse nos documentos de planeamento.

6.3.8.8. Regulación da protección do patrimonio cultural, debe indicar o seguinte:

Aos edificios de panadaría e vestiarios corresponderalles o réxime de protección ambiental regulado no Catálogo de edificios, bens e elementos protexidos da PXOM de Vigo (tomo VI). Esta protección queda recollida en cadansúa ficha de catálogo desta normativa (punto 13 do documento de proxecto sectorial).

As actuacións nos ditos edificios remitiranse a un proxecto posterior que precisará de autorización por parte do órgano competente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2012

Mª Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo