Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2012 Páx. 36717

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de setembro de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual do PXOU do Concello de Silleda, na zona do recinto feiral da Semana Verde.

O Concello de Silleda remite a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana, no Recinto Feiral da Semana Verde, para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 85.7 e 94.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Silleda dispón dun Plan Xeral de Ordenación Urbana actualmente vixente, aprobado definitivamente o 4 de xuño de 1981.

2. No ámbito do Recinto Feiral da Semana Verde constan outras dúas modificacións puntuais, aprobadas definitivamente con datas 22.10.1991 e 8.4.2002.

3. Consta decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 23.12.2011 pola que non é necesario someter a presente modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

4. O Concello de Silleda non solicitou a emisión do informe previsto no artigo 85.1 da LOUG, previo á aprobación inicial da modificación puntual, con base no disposto no artigo 93.4 desa mesma lei.

5. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 29 de decembro de 2011. Foi sometida a información pública durante dous meses mediante publicación no DOG do 31.1.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 25.1.2012; e notificados os concellos limítrofes de Vila de Cruces, Lalín, Boqueixón, Forcarei e A Estrada, así como a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

6. Constan informes municipais, técnicos do arquitecto asesor do Concello, con datas 24.11.2011 (previo á aprobación inicial), 25.1.2012 e 10.5.2012 (previo á aprobación provisional); e xurídicos da secretaría xeral, con datas 24.11.2011 (previo á aprobación inicial) e 15.5.2012 (previo á aprobación provisional).

7. Consta informe da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, con data 7.1.2012, sobre a falla de incidencias significativas que afecten as propiedades da comunidade autónoma no ámbito da modificación puntual.

8. Constan, así mesmo, informes sectoriais emitidos en sentido favorable por Augas de Galicia, con data 21.12.2011; e pola Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento, con data 26.3.2012.

9. A modificación puntual aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 15.5.2012.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Silleda, e vista a proposta que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. O obxecto da modificación é ampliar os usos permitidos na ordenanza SC de servizos comunitarios do PXOU de Silleda, soamente no ámbito territorial do Recinto Feiral Semana Verde, engadindo o uso industrial complementario da actividade terciaria alí existente, que apoie e potencie a actividade gandeira.

2. A implantación dun uso complementario da actividade gandeira existente relacionado coa industria complementaria potenciará o plan de viabilidade posto en marcha, revitalizando e impulsando a actividade feiral, contribuíndo ao desenvolvemento do sector agrario galego, reforzando a posición estratéxica de Galicia no sector.

Estas motivacións poden incluírse entre as razóns determinadas no artigo 94.1 da LOUG e, polo tanto, fundamentar o interese público requirido para promover a modificación.

3. A modificación afecta os artigos 49 (usos admitidos nos servizos complementarios, limitados ao ámbito do Recinto Feiral Semana Verde); 51 (condicións complementarias, engadindo as condicións impostas no informe sectorial en materia de servidumes aeronáuticas); e 123 (establecendo un novo grao –o 6º «Industria complementaria da actividade terciaria»– no uso industrial) da normativa do PXOU de Silleda.

4. Coa modificación proxectada promóvese a cooperación público-privada no desenvolvemento de actividades feirais e promocionais no campo agrario, alimentario, industrial e comercial, continuando a senda iniciada na anterior modificación puntual do ámbito, aprobada en abril de 2002, que recoñece a posibilidade de coexistencia de usos públicos e privados no eido do recinto feiral, co ditame favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto todo o que antecede,

RESÓLVESE:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Silleda na zona do recinto feiral da Semana Verde, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2012

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas