Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 17 de setembro de 2012 Páx. 36095

II. Autoridades e persoal

c) Substitucións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de setembro de 2012 pola que se dispón que a Secretaría Xeral da Presidencia se encargue do despacho dos asuntos da Secretaría Xeral da Igualdade, da Secretaría Xeral para o Turismo e da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

Por medio dos decretos 182/2012, 183/2012 e 184/2012, do 13 de setembro, disponse o cesamento, por petición propia e con efectos do 17 de setembro, dos titulares da Secretaría Xeral da Igualdade, da Secretaría Xeral para o Turismo e da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia, polo que cómpre prover a súa suplencia, sen prexuízo do posterior nomeamento dos novos titulares, de forma que se asegure o correcto funcionamento dos servizos e a resolución, se é o caso, dos asuntos encomendados aos devanditos órganos administrativos.

Xa que logo, ao abeiro do establecido no artigo 12.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na disposición adicional primeira do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no artigo 3.1 do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Artigo 1

O exercicio das competencias da Secretaría Xeral da Igualdade, da Secretaría Xeral para o Turismo e da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia previstas no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, será asumido polo secretario xeral da Presidencia ata que se produza a incorporación dos novos titulares aos devanditos órganos.

Artigo 2

Sempre que se exerzan competencias de acordo coa suplencia establecida nesta orde, deberá facerse constar así nos actos ou resolucións administrativas correspondentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza