Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2012 Páx. 35945

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 180/2012, do 6 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de instalación de colectores xerais e EDAR no Grove.

O Concello do Grove, en sesión que tivo lugar o día vinte e cinco de febreiro de dous mil dez, aprobou o proxecto de obras de instalación de colectores xerais e EDAR no Grove e, na sesión do vinte e nove de setembro de dous mil once, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan os técnicos municipais e o Concello, as obras que motivan esta expropiación consisten basicamente na construción dunha nova planta depuradora e da rede de saneamento cara á EDAR. A ría de Arousa é fonte de gran riqueza marisqueira e posúe unha gran variedade no seu medio natural pola ampla gama de produtos do mar que nela se producen. Ademais, o mantemento das súas praias ten un elevado peso para a comarca na actividade turística. Todo isto pon de manifesto o interese social da estación de saneamento proxectada na zona para reducir a contaminación das augas da ría e asegurar que se adecuan aos parámetros exixidos pola normativa autonómica e europea.

A urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución das obras está xustificada pola necesidade inaprazable de dar unha solución con premura e eficacia aos problemas de contaminación que se están producindo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de instalación de colectores xerais e EDAR no Grove, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza