Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2012 Páx. 35947

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 181/2012, do 6 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto construtivo do novo trazado da zona fluvial dos Caneiros (proxecto Mandeo), no concello de Betanzos.

O Concello de Betanzos, en sesión que tivo lugar o día vinte e nove de outubro de dous mil dez, aprobou o proxecto construtivo do novo trazado da zona fluvial dos Caneiros (proxecto Mandeo), e na sesión do vinte e nove de novembro de dous mil once acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan os técnicos municipais e o Concello, o proxecto Mandeo ten como obxectivo o desenvolvemento local e urbano sustentable arredor da bacía do río Mandeo, utilizando o propio río como elemento potenciador e dinamizador da área, afectando dez concellos (Aranga, Bergondo, Betanzos, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne e Sobrado), dando lugar á aparición de novas actividades produtivas, xerando renda e emprego e freando o proceso de despoboación que están a sufrir.

Para a consecución do seu obxectivo o proxecto céntrase en tres liñas de actuación: optimización dos usos da auga; dinamización turística e educación e formación ambiental. En consecuencia, xustifícase a utilidade pública e a urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto construtivo do novo trazado da zona fluvial dos Caneiros (proxecto Mandeo), no Concello de Betanzos, e, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza