Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 13 de setembro de 2012 Páx. 35912

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2012 pola que se procede á apertura dun prazo de recepción de ofertas de empresas do sector conserveiro como trámite informativo previo á adquisición de determinados bens de Bernardo Alfageme, S.A.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, na súa xuntanza do 11 de setembro de 2012, aprobou a apertura dun prazo de recepción de ofertas de empresas do sector conserveiro como trámite informativo previo á adquisición de determinados bens de Bernardo Alfageme, S.A. nos termos e condicións que se xuntan como anexo á presente resolución para os efectos do seu xeral coñecemento.

Na súa virtude, ábrese un prazo de quince días hábiles desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para que os posibles interesados poidan presentar no Rexistro do Igape a súa oferta.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2012

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Como consecuencia do aboamento dos avais AV/257, AV/358, AV/440 e AV/582-1, a Xunta de Galicia é acredora de Bernardo Alfageme, S.A., actualmente en concurso de acredores seguido ante o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, autos 69/2010, por un importe conxunto de 32.203.000 € coa cualificación de crédito con privilexio especial.

O dito concurso de acredores atópase actualmente na fase de liquidación. O artigo 148.1 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, establece que, sempre que sexa factible, o plan de liquidación deberá considerar o alleamento unitario do conxunto dos establecementos produtivos de bens e servizos do concursado.

O plan de liquidación proposto pola administración concursal no concurso Bernardo Alfageme, S.A., do 8 de abril de 2011, foi aprobado mediante auto ditado polo Xulgado do Mercantil número 3 de Vigo, do 24 de maio de 2011, e posteriormente tal auto foi impugnado en apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, cuxa Sección Primeira ditou auto do 26 de decembro de 2011 estimando parcialmente o recurso de apelación presentado pola concursada contra o auto aprobatorio do plan de liquidación, nos seguintes termos:

«2. Estimar parcialmente o recurso de apelación deducido pola representación de Bernardo Alfageme, S.A. contra o auto aprobatorio do plan de liquidación, do 24 de maio de 2011, nos seguintes termos:

a) Procedemento de alleamento dos establecementos sitos en Ribadumia (Cambados) e Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), comprendendo todo o seu contido, así como a marca comunitaria Miau e todas as marcas e deseños que inclúan a dita denominación (bens comprendidos nos anexos I, II e III da oferta que se xunta ao plan, formulada por Conservas Consorcio Gallego, S.L.).

O procedemento será o previsto no plan coas seguintes matizacións:

a) O procedemento será o da poxa entre as ofertas que se presenten (e que superen o prezo mínimo de 33.241.261,47 €, adxudicándose ao mellor ofertante.

b) O prazo para a presentación de ofertas será dun mes desde a data da presente resolución.

c) Mantéñense o resto de previsións do plan que non resulten incompatibles con canto acaba de expresarse».

En consecuencia, o plan de liquidación confirmou o alleamento como unidade produtiva dos seguintes bens sobre os cales o Igape ten constituída hipoteca inmobiliaria, en concreto, establecementos sitos en Ribadumia (Cambados) e Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), así como a marca comunitaria Miau e todas as marcas e deseños que inclúan a dita denominación (bens comprendidos nos anexos I, II e III da oferta que se xunta ao plan, formulada con Conservas Consorcio Gallego, S.L.). O procedemento será o da poxa entre ofertas que se presenten e superen os 33.241.261,47 € adxudicándose ao mellor ofertante.

En concreto, o plan establece que as ofertas que se presenten deberán ter os seguintes requisitos para a súa toma en consideración:

1) Prezo e forma de pagamento: toda oferta que se presente deberá expresar claramente o importe ofertado e a forma de pagamento.

2) A asunción, sexa polo camiño do pagamento, ou doutro modo, da totalidade dos custos e gastos vencellados aos bens e dereitos transmitidos, incluíndo cargas que graven os bens, así como custos salariais etc.

3) A asunción por parte do ofertante de todos os gastos e impostos que orixine a transmisión.

Xúntase ao plan de liquidación unha oferta recibida pola administración concursal, en que deberá terse en conta a interpretación neste punto ofrecida pola audiencia provincial. Segundo esta, o plan de liquidación prescribe, por un lado, que o alleamento singularizado dos bens que integran a unidade produtiva restaría valor a estes, podendo aparecer operadores pouco cualificados buscando un prezo vil, perdendo a posibilidade de atopar un «comprador profesional», privando a economía, en xeral, dun operador cualificado (ou xestor da unidade produtiva) e do valor que xera para o mercado en xeral.

Por outro lado, inda que se atopan extinguidas as relacións laborais do concursado, o plan de liquidación sinala que non é menos certo que se pugna pola conservación dos postos de traballo adscritos ás unidades produtivas. Entende así a administración concursal que tal finalidade se ve colmada mediante a asunción dos postos de traballo adscritos á unidade produtiva, así como o pagamento dos créditos contra a masa xerados pola extinción daqueles.

Non se pode esquecer que o Igape ten asignada unha misión que aparece plasmada normativamente, con carácter xeral, no artigo 3 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, ao dicir que é o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego promovendo actividades que contribúan á creación de emprego en Galicia e a un desenvolvemento económico harmónico, equilibrado e xusto, baseado nun tecido industrial moderno e competitivo.

Polo tanto, é do máximo interese para este organismo o cumprimento dos obxectivos marcados pola administración concursal neste punto, isto é, a busca dunha oferta que permita, como é o propio da fase de liquidación, non só a satisfacción dos créditos dos acredores, senón tamén o mantemento, na medida do posible, da unidade produtiva, así como a afección dos postos de traballo necesarios para o desenvolvemento da actividade para a que está destinada.

Co fin de incentivar a presentación de ofertas dentro do plan de liquidación e viabilizar a reapertura das unidades produtivas, tendo en conta que os ditos bens arrastran unhas cargas hipotecarias de 29.373.404,58 €, constituídas a favor do Igape e que garanten o reintegro do importe dos avais xa aboados, proponse articular un sistema para que, previamente á presentación de ofertas no xulgado, o Igape tome coñecemento de posibles empresarios interesados na adquisición dos anteditos bens produtivos, que reúnan as axeitadas condicións de solvencia técnica e económica, e manifesten o importe e condicións en que farían fronte a débeda coa Xunta de Galicia, na cal se subrogarían, de conformidade co artigo 155.3 da Lei concursal.

Prevese tamén a eventualidade de que as ditas ofertas non acaden o importe ao contado de 29.373.404,58 € evitando que por este único motivo non se poidan acadar os obxectivos fixados polo plan de liquidación, isto é, o alleamento unitario da unidade produtiva, coa asunción conseguinte dos postos de traballo adscritos a ela.

Deste xeito, ponse en coñecemento dos ofertantes a posibilidade de que, unha vez adxudicados os bens no ámbito do concurso de acredores, e logo de solicitude do interesado, se poida elevar ao Consello da Xunta de Galicia unha proposta para reducir as ditas cargas e a débeda garantida, mediante o procedemento para o inexercicio de accións de reintegro previsto no artigo 39.3 da Lei 11/2011, do 26 de decembro; isto é, «o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda, poderá acordar, logo da petición fundada dos interesados á consellaría correspondente, e por instancia desta, o inexercicio das accións de regreso que ao abeiro do artigo 10.2 do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Instituto Galego de Promoción Económica, lle corresponden á comunidade autónoma como consecuencia da prestación por aquel de avais ou contraavais, cando, de se faceren efectivas aquelas, afectar grave ou substancialmente o mantemento da capacidade produtiva ou do nivel de emprego ou de renda de calquera dos sectores ou subsectores básicos da economía galega».

Os bens afectados son os seguintes:

a) Predio rexistral 14.661, do Rexistro da Propiedade de Vilagarcía de Arousa, radicado no lugar das Saíñas, parroquia de Vilaxoán-Sobrán, municipio de Vilagarcía de Arousa.

b) Predio rexistral número 8.087, do Rexistro da Propiedade de Cambados, situado no lugar da Barca ou das Estacas, parroquia de Sisán, municipio de Ribadumia.

c) Marca comunitaria Miau, número 101170.

O Igape terá en conta a mellor oferta desde o punto de vista técnico, económico e de condicións de pagamento (importe, prazo, xuros e garantías), para elevar aos órganos competentes, no caso de solicitude do interesado, o inexercicio das accións de regreso segundo o procedemento previsto no artigo 39.3 da Lei 11/2011, do 26 de decembro.

Debe terse en conta que a dita toma de razón non outorga dereito ningún a quen resulte elixido, posto que calquera acordo sobre a dispoñibilidade de bens e dereitos de titularidade da comunidade autónoma terá que seguir a súa tramitación legal.

A valoración das ofertas presentadas limita os seus efectos á tramitación dun posible procedemento de inexercicio de accións de regreso dos previstos no artigo 39.3 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, e enténdese sen prexuízo, en todo caso, da presentación e valoración de ofertas no proceso concursal.

Así mesmo, infórmase de que calquera interesado na adquisición da dita unidade produtiva poderá solicitar o financiamento adicional que a Xunta de Galicia pon á disposición de investidores a través dos seus instrumentos financeiros.

1. Procedemento de selección:

A convocatoria publicarase na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia e remitirase ao Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, á administración concursal de Bernardo Alfageme, S.A. e á asociación Anfaco, para o seu coñecemento.

Nos quince días hábiles seguintes á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, os posibles interesados poderán presentar no Rexistro do Igape a súa oferta en dous sobres cerrados que conterán a seguinte documentación asinada por apoderado con poder bastante:

• Sobre 1. Solvencia técnica e económica.

– Presentación xeral da empresa ou grupo empresarial.

– Copia do poder do asinante.

– Declaración responsable da súa experiencia no sector industrial conserveiro ou do grupo empresarial en que estea integrada. Exixirase unha experiencia mínima de 10 anos.

– Copia dos TC1 e TC2 do mes de xuño de 2012 do seu cadro de persoal ou da suma das entidades que integren o grupo empresarial do que forme parte. Exixirase un mínimo de 100 traballadores.

– Copia das contas anuais depositadas no rexistro mercantil no ano 2011, que reflictan un volume de negocio ou facturación consolidada a nivel do grupo empresarial en que estea integrada (entendéndose por grupo empresarial o referido no artigo 42 do Código de comercio) de, polo menos, 20 millóns de euros anuais. No caso de grupos de sociedades:

i. Se tivesen a obriga legal de formular contas anuais consolidadas, copia das contas anuais consolidadas depositadas no rexistro mercantil no ano 2011.

ii. Se non tivesen obriga legal de consolidar as contas:

– Copia das contas anuais depositadas no rexistro mercantil no ano 2011, de cada unha das sociedades integrantes do grupo.

– Certificado asinado por administrador/apoderado de cada unha das sociedades en que se recolla o importe da facturación externa ao grupo ao exercicio ao cal se refiran as contas achegadas.

– Compromiso de ampliar o seu capital social ata un mínimo de dous millóns de euros (2.000.000 €) antes da adxudicación dos bens.

• Sobre 2. Oferta económica.

Que incorporará:

– Prezo ofertado para a adquisición dos bens expresando se a adquisición é ou non libre de cargas.

– Forma de pagamento, incluíndo expresamente o aboamento ao contado ou o prazo para o reintegro e tipo de xuro polo aprazamento.

– Garantías para o cumprimento do pagamento do prezo e da cláusula penal recollida no punto 2.4 para o caso de incumprimento de condicións.

– Outras precisións sobre a adquisición dos bens.

Á vista das ofertas presentadas, o Igape seleccionará aquela que cumpra os criterios de solvencia mínimos e presente a mellor oferta económica.

2. Compromisos mínimos que se propoñerán ao adxudicatario final que opte por solicitar o inexercicio das accións de regreso derivadas do aboamento dos avais prestados polo Igape:

1) Obriga de mantemento da actividade e limitacións á facultade de dispoñer dos bens adxudicados.

Mantemento da actividade industrial e prohibición de allear os bens e dereitos adxudicados durante os dez anos seguintes á súa adquisición, agás que a Xunta de Galicia o autorice expresamente por causas motivadas na viabilidade da empresa.

2) Obriga de manter un capital social non inferior á 2.000.000 € durante un prazo mínimo de dez anos.

3) Obriga relativa aos traballadores.

a) Contratar e manter durante 5 anos desde a adxudicación dos bens un cadro de persoal de 150 traballadores computados en termos UTA.

Para os efectos de dar cumprimento ao exposto, nun prazo máximo de tres semanas contadas desde o outorgamento da escritura de compravenda dos bens e dereitos obxecto de oferta, a adxudicataria deberá dirixirse aos antigos traballadores de Bernardo Alfageme, S.A., xa sexa directamente ou ben a través da súa antiga representación, para os efectos de trasladarlles unha oferta de emprego.

b) Manter un mínimo de 100 traballadores computados en termos UTA durante 10 anos desde a adxudicación dos bens.

4) Penalización por incumprimento.

O incumprimento de calquera das condicións será causa de exixibilidade dunha penalización de 4.780.000 € equivalente ao valor de taxación actual dos bens adxudicados.

3. Seguimento e control do cumprimento dos compromisos exixidos para quen resulte beneficiario do acordo de inexercicio das accións de regreso derivadas do aboamento dos avais do Igape:

Para os efectos de realizar os labores de seguimento e control dos compromisos que asuma o beneficiario do acordo de inexercicio das accións de regreso, crearase unha comisión formada por un representante da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, nomeado pola persoa titular dela; un representante da Consellería de Economía e Industria, nomeado pola persoa titular dela, e un representante do Igape, nomeado pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria.