Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2012 Páx. 35609

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de Cotelas, parroquia da Canda, concello de Piñor (Ourense).

O Concello de Piñor remite expediente de delimitación do núcleo rural de Cotelas, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Piñor non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente de delimitación foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

– O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 43, do 1 de marzo de 2012, e nos xornais La Voz de Galicia, con data do 9 de marzo, e Faro de Vigo, con data do 12 de marzo.

– Certificación do secretario municipal do 12 de abril de 2012 acreditativa de que no dito período non se presentaron alegacións.

– Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo Pleno do concello na súa sesión do 18 de abril de 2012.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo concello e á vista da proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Cotelas, segundo o Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Da documentación remitida dedúcese que a ordenación aplicable corresponde coa relativa ao núcleo rural complexo, segundo tipoloxía dos tipos básicos de solo de núcleo rural establecida pola LOUG no seu artigo 13.3, diferenciando ambos os dous tipos de solo de núcleo rural tradicional e rural común coas determinacións que para cadansúa delimitación e categoría establece o artigo 13.3.c) da LOUG referidas ao grao de consolidación da edificación e demais determinacións do réxime aplicable.

3. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos no ámbito da delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o dito réxime xurídico, o contido da Ordenanza do solo non urbanizable de núcleo rural das vixentes normas provinciais complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

De acordo coa Orde do 11 de maio de 2009, sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Unha vez visto canto antecede,

resólvese:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural complexo de Cotelas, na parroquia da Canda, concello de Piñor (Ourense).

Segundo. Contra esta resolución non caberá interpor recurso en vía administrativa, podendo interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíqueselle esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2012

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file