Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2012 Páx. 35612

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do expediente de delimitación do núcleo rural de Monelos, parroquia de Azúmara, concello de Castro de Rei (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello de Castro de Rei envía este expediente de delimitación, redactado en xullo de 2010 polo arquitecto Mario Iglesias e o enxeñeiro agrónomo Rubén Cobas, da consultora Monsa Urbanismo, S.L., para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional segunda 2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en diante LOUG.

O Concello de Castro de Rei carece de instrumento de planeamento xeral, conta unicamente cunha delimitación de solo urbano dos núcleos de Castro de Rei e Castro Ribeiras de Lea; e réxese, fóra deles, polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial do 3.4.1991 (NSCPP).

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar o seguinte:

Procedeuse á publicación de anuncios no DOG nº 130, do 6 de xullo de 2009, e nos xornais El Progreso do 16 de xuño e La Voz de Galicia de Lugo do 17 de xuño.

Consta acordo de aprobación inicial da delimitación adoptado polo Pleno en sesión do 14.5.2009.

Consta certificación do secretario municipal do 24.8.2009 sobre a exposición pública do proxecto e de que no dito período non se presentou alegación ningunha.

Consta acordo de aprobación provisional da delimitación adoptado polo Pleno en sesión do 13.4.2011.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu informe favorable do 23.2.2010.

Consta informe favorable de Patrimonio Cultural con data do 16 de xuño de 2009.

A Deputación Provincial, titular da estrada DP-4001, emitiu un informe favorable con data do 16.3.2012.

Segundo o indicado, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II. Contido.

Proxéctase a delimitación dun ámbito arredor da igrexa de Azúmara, como núcleo rural histórico-tradicional, cunha superficie duns 6.060 m2 (5.729 m2 de superficie neta).

Trátase dunha entidade mínima, con só dúas vivendas e a igrexa parroquial, lindeira coa estrada provincial DP-1611 (cinto comarcal de Lugo) e dentro da zona de policía do río Azúmara.

O proxecto tramítase por instancia da Comunidade de Montes da Parroquia de Azúmara e do Bispado de Mondoñedo-Ferrol coa finalidade de construír unha edificación dotacional destinada a centro social e relixioso dentro do ámbito delimitado.

O proxecto identifica o trazado das vías existente e cataloga dúas edificacións de valor cultural (igrexa parroquial e Casa de Portas), asumindo a aplicación do réxime do solo de núcleo rural establecido na LOUG, así como as disposicións das NCSPP.

III. Observacións.

A entidade de Monelos conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), así como no censo de poboación e vivendas do Instituto Nacional de Estatística.

A delimitación do núcleo rural tradicional respecta a limitación de distancia –50 m ás edificacións tradicionais– establecida no artigo 13.3.a) da LOUG.

O proxecto xustifica o requisito de consolidación edificatoria mínima establecida no mesmo precepto legal, con base en que a superficie edificada existente representa máis do 50 % da que se podería edificar aplicando o coeficiente establecido no artigo 23.4.c) das NCSPP. A parcela mínima é para os efectos de parcelación e edificación.

Aplicando a superficie de parcela mínima establecida no artigo 23.4.a) das NCSPP (normas a que se remite o punto 2.1.1 do proxecto), teríamos unha relación de 3 parcelas edificadas fronte a 6 edificables, co cal se acadaría tamén unha consolidación suficiente.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Unha vez visto canto antecede e a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do núcleo rural histórico-tradicional de Monelos, na parroquia de Azúmara, do concello de Castro de Rei.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que a interesada sexa unha Administración pública, non caberá interpor recurso en vía administrativa, podendo interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2012

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file