Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 3 de setembro de 2012 Páx. 34904

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de agosto de 2012 pola que se amplía a dotación económica, se fai pública a modificación da distribución entre créditos orzamentarios e se amplía o prazo de xustificación previsto na Orde do 4 de maio de 2012 pola que se regulan os criterios de repartición e a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental.

A Orde do 4 de maio de 2012 pola que se regulan os criterios de repartición e a convocatoria de subvencións de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva, destinadas a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, do Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 87, do 8 de maio), detalla no seu artigo 9, relativo ao financiamento destas axudas, a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas.

No artigo 28 da mesma orde, en relación co artigo 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, establécese a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria destinada ao financiamento destas axudas coas cantidades que resultasen sobrantes en calquera das liñas establecidas na propia orde, para o financiamento daquelas entidades que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro da liña competitiva. Por outra banda, considerando a regulación contida na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, resultan elixibles tanto os gastos de investimento como os de custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural.

Para o financiamento das subvencións convocadas en virtude da Orde do 4 de maio de 2012, foi preciso situar créditos no capítulo IV e no capítulo VII, asignando as cantidades iniciais de xeito estimativo, sen que fose posible predeterminar os importes que cada entidade ía solicitar con cargo a cada capítulo. Unha vez revisadas as solicitudes presentadas dentro de ambas as liñas, en concorrencia competitiva e en concorrencia non competitiva, as actuacións que se deben executar para o cumprimento da finalidade do Fondo de Compensación Ambiental e do programa orzamentario previsto exixen a adecuación da natureza económica do gasto, e para tal fin procedeuse á distribución definitiva dos créditos iniciais entre as aplicacións orzamentarias que financian esta convocatoria de subvencións.

Finalmente, no artigo 26 da orde establécese como prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas o 30 de setembro de 2012. Porén, por causas sobrevidas, o prazo establecido resulta de difícil cumprimento, polo que para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión, considerando que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o dito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 4 de maio de 2012 pola que se regulan a convocatoria de subvencións e os criterios de repartición do Fondo de Compensación Ambiental,

Dispoño:

Artigo 1

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece no artigo 9 da Orde do 4 de maio de 2012 pola que se regulan a convocatoria de subvencións e os criterios de repartición do Fondo de Compensación Ambiental, destinada a financiar a liña en concorrencia competitiva.

2. O incremento da dotación será de 334.056,25 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141A.761.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, esta ampliación de crédito non implica a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2

1. A distribución entre créditos orzamentarios da cantidade total destinada a financiar a convocatoria de subvencións, nas liñas en concorrencia competitiva e non competitiva, queda establecida do seguinte xeito:

Descrición

05.03.141A.461.0

05.03.141A.761.0

Importe

Liña en concorrencia non competitiva (artigo 4.1.a)

428.963,70

7.411.313,70

7.840.277,40

Liña en concorrencia competitiva (artigo 4.1.b)

169.296,99

2.715.759,60

2.885.056,59

Totais por aplicación orzamentaria

598.260,69

10.127.073,30

10.725.333,99

2. Segundo o previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, esta redistribución de créditos orzamentarios non precisa de nova convocatoria.

Artigo 3

Modifícase o artigo 26.1 da Orde do 4 de maio de 2012, que queda redactado nos seguintes termos:

«O prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas remata o 30 de decembro de 2012 (inclusive)».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza