Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 3 de setembro de 2012 Páx. 34907

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se aproba o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2012.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 6 de xuño de 2012, a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia (A Coruña) presentou un plan de aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Tambre para o ano 2012, de acordo co previsto no artigo 6.1 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O expediente someteuse ao trámite de información pública durante un prazo de 15 días segundo o disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de información pública estableceuse mediante Resolución do 13 de xuño de 2012 (DOG nº 129, do 6 de xullo). No dito prazo non se presentou ningunha alegación.

Terceiro. O artigo 7.3 do Decreto 130/2011 establece a necesidade de que o plan que se aproba sexa sometido a informe do Comité Provincial de Pesca Fluvial ou do Comité Permanente, da Consellería do Mar, no caso de afectar desembocaduras, e do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de espazos naturais protexidos. Na reunión do Comité Permanente do 3 de agosto de 2012 emitiuse informe favorable por unanimidade. A Consellería do Medio Rural e do Mar emitiu informe favorable con data do 13 de xullo de 2012.

Cuarto. Segundo establece o artigo 7.5 do Decreto 130/2011, cómpre ter en conta, para a aprobación de calquera plan de aproveitamento específico da anguía, os criterios establecidos pola Decisión da Comisión Europea do 1 de outubro de 2010, criterios que se cumpren segundo a proposta de aprobación do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Resolución:

Visto o exposto nos antecedentes, acórdase a aprobación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2012, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2012

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza

ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Tambre para o ano 2012

a) Artes de pesca.

Arte tradicional denominada «nasa voitirón», con rede de malla non inferior aos 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

As ringleiras deberán situarse en dirección paralela á corrente, e non se poderán cruzar nin na canle nin no estuario.

As artes de pesca de cada ringleira deberán estar unidas por unha corda e en cada extremo dela unha boia, dun tamaño mínimo de 20 cm. Na de menor dimensión indicarase o folio da embarcación a que pertence.

Programarase o tendido das artes, de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente, para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

b) Proposta de zonas dentro da conca fluvial.

Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e A Ponte Nafonso.

c) Período de pesca: desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2012.

d) Número previsto de días de actividade.

Os labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, con carácter xeral. O número máximo previsto de días de actividade ao longo da temporada será de 45.

e) Proposta de horas de pesca diarias.

Un máximo de 8, as nasas deben ser levantadas diariamente.

f) Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a dez (10) por tripulante. Ningún tripulante poderá facerse cargo das artes asignadas a outro tripulante.

g) Proposta de cotas de captura diarias ou por tempada de pesca.

Máximo de 15 quilos por día de actividade.

A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas artes.

Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela» e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

h) Relación de embarcacións e de membros da asociación participantes no plan.

Embarcación Benigna, con matrícula 3ªCO-7-2015 e tripulada por:

José Martínez González e Celsa Gil Conejo.

Embarcación Baña, con matrícula 3ªCO-7-2580 e tripulada por:

Jesús Suárez Rey e Enrique Suárez Rey.

i) Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Cada mes, a confraría remitirá ao Servizo de Conservación da Natureza unha declaración das capturas totais, especificando o total mensual de cada embarcación, así como os días traballados.

j) Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia, tendo a obriga de entregar a totalidade das capturas.

Cada mes, xunto cos partes de capturas, remitiranse ao Servizo de Conservación da Natureza o xustificante de venda en lonxa.