Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2012 Páx. 33834

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 4 de xullo de 2012 pola que se establecen os prezos privados pola prestación de servizos de profesionalización e desenvolvemento estratéxico ás pequenas e medianas empresas do Instituto Galego de Promoción Económica.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), configura este como ente de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio propios creado como un instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia, para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, que ten entre as súas funcións fomentar a prestación de servizos a empresas, especialmente ás pequenas e medianas (pemes).

É misión da Área de Competitividade lograr a adopción e o desenvolvemento, por parte do tecido empresarial, de prácticas, metodoloxías ou sistemas que melloren o nivel competitivo das empresas galegas, e para iso o Igape está a poñer en marcha o Programa Re-Acciona de prestación de servizos para a mellora da competitividade. O obxectivo é facer accesibles ás pemes servizos de alto valor engadido orientados á adquisición de competencias por parte do capital humano da empresa, como fonte de creación de vantaxes competitivas sustentables.

Co obxecto de optimizar os seus recursos, o Igape pretende ofertar a seguinte prestación de servizos de profesionalización e desenvolvemento estratéxico:

– Servizos de optimización financeira/mellora do circulante.

– Servizos de profesionalización da produción.

– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

– Servizos de implementación de control de xestión/xestión por procesos.

– Servizos de mellora da imaxe e comunicación empresarial.

– Servizos de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.

– Servizos de asesoramento no desenvolvemento de plans de acción.

– Servizos de elaboración de plans e protocolos de empresa familiar.

– Servizos de identificación de redes de cooperación e socios.

– Servizos de asesoramento para a redefinición de negocio.

En consecuencia, resulta imprescindible determinar os servizos que poden ser realizados e a correspondente contraprestación económica por cada un dos servizos prestados, para o que deberán aplicarse prezos privados de acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita lei, no seu artigo 51, sinala a obriga de que os prezos privados sexan fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da Consellería de Facenda, e publicados no Diario Oficial de Galicia. Para cumprir este mandato, vista a proposta formulada polo Igape e tras o preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten como obxecto a fixación dos prezos privados que hai que satisfacer ao Instituto Galego de Promoción Económica pola prestación de determinados servizos que se especifican no anexo a esta orde.

Artigo 2. Suxeitos obrigados ao pagamento

1. Son suxeitos obrigados ao pagamento as persoas físicas ou xurídicas que acepten a realización por parte do Igape dalgún dos servizos establecidos na presente orde.

2. Os organismos da Administración pública da Xunta de Galicia, definidos no artigo 3 da Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, non estarán suxeitos a esta orde.

Artigo 3. Contía dos prezos

1. Os prezos privados pola prestación de determinados servizos, por parte do Instituto Galego de Promoción Económica son os que figuran no anexo da presente orde.

2. Estes prezos veranse reducidos nun 25 % no caso de pequenas e medianas empresas pertencentes a un clúster galego legalmente constituído (non microempresas).

3. Estes prezos veranse reducidos nun 50 %, no caso de microempresas.

4. Os prezos a que se refire esta orde enténdense, se é o caso, sen IVE engadido.

Para a consideración como microempresas e pequenas e medianas empresas, teranse en conta as definicións establecidas no anexo I do Regulamento 800/2008 da Comunidade Europea.

Artigo 4. Actualización de prezos

Os prezos regulados nesta orde actualizaranse o un de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2011), no mes de outubro do ano anterior, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberán facerse públicos mediante resolución da persoa titular da Dirección do Igape, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Forma de liquidación e pagamento

O pagamento dos prezos deberá terse realizado no momento de presentar ante o Igape a aceptación de prestación dalgún servizo -sendo requisito previo e necesario para a prestación do servizo- axustándose ao establecido na normativa recollida na Orde do 29 de xuño de 1994 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO
Prestación de servizos e prezos (en euros)

– Servizo de optimización financeira/mellora do circulante: 1.344,00 €.

– Servizo de profesionalización da produción: 1.900,80 €.

– Servizo de asesoramento para o relanzamento comercial: 1.344,00 €

– Servizo de implementación de control de xestión/xestión por procesos: 2.436,00 €.

– Servizo de mellora da imaxe e comunicación empresarial: 1.568,00 €.

– Servizo de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial: 1.476,00 €.

– Servizo de asesoramento no desenvolvemento de plans de acción: 2.400,00 €.

– Servizo de elaboración de plans e protocolos de empresa familiar: 1.800,00 €.

– Servizo de identificación de redes de cooperación e socios: 756,00 €.

– Servizo de asesoramento para a redefinición de negocio: 1.280,00 €.