Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2012 Páx. 33829

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 16 de xullo de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ferrol na parcela de Hispania (antiga fábrica de lápis).

O Concello de Ferrol remite a modificación puntual referida, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ferrol conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente en data 28.12.2000.

2. Os servizos municipais emitiron informes técnicos do 28.3.2007, 11.4.2007, 16.5.2007 e 22.12.2011; e xurídicos do 22.2.2006, 16.5.2007, 28.7.2009, 21.1.2010, 10.5.2010, 31.1.2011, 27.4.2011, 26.12.2011, 27.12.2011 e 20.1.2012.

3. A modificación non se someteu ao informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do disposto no artigo 93.4 da LOUG.

4. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en Pleno en sesión do 30.3.2006; e sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 20.6.2006, e DOG do 26.6.2011). Foron presentadas catro alegacións, segundo certificación da Secretaría municipal emitida o 3.8.2006.

5. O Concello Pleno do 23.5.2007 acordou unha nova aprobación inicial, baseándose no artigo 85.8 da LOUG; que foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 2.6.2009, e DOG do 9.6.2009) e notificada ao concello lindeiro de Narón. Foron presentadas catro alegacións, segundo certificación da Secretaría municipal emitida o 17.7.2009.

6. No expediente constan os seguintes informes sectoriais:

a) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, favorable condicionado, do 14.6.2006. Esta dirección xeral emite informe desfavorable sobre o proxecto modificado con data do 22.2.2010, e favorable en datas 9.7.2010 e 2.12.2011.

b) Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, de data do 19.6.2006, sobre a non produción de efectos significativos na sustentabilidade do seu contorno de afectación.

c) Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de data do 8.9.2009, sobre que non procede o sometemento ao trámite de impacto ou efectos ambientais.

7. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 29.12.2011.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación, redactada polos servizos técnicos municipais, pretende a adecuación do planeamento urbanístico á Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 22.7.2004, pola que se anula o PXOM no ámbito correspondente á parcela de Hispania-antiga fábrica de lápis.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

En cumprimento do artigo 93.4 da LOUG, e en canto que a modificación do PXOM altera a forma da zona verde (dotación local) V-39, incrementando a súa superficie de 638 m2 a 746 m2, o presente documento acadou o preceptivo informe favorable previo da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia en sesión do 20 de xuño de 2012.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do Planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVESE:

1º Outorgar a aprobación definitiva á modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ferrol (A Coruña) na parcela de Hispania (antiga fábrica de lápis) de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do Medio Rural de Galicia.

2º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas