Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 23 de agosto de 2012 Páx. 33734

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela

EDICTO (1080/2011).

Procedemento: familiar de garda, custodia, alimentos filla menor non matrimonio non c. 1080/2011.

Sobre: outras materias.

De: Nélida María Pereira Ramos.

Procurador: José Martínez Lage.

Letrado: Manuel Martínez Nimo.

Contra: Miguel Ángel Sampedro Laranga.

No procedemento de referencia ditouse a resolución do teor literal seguinte:

Sentenza: 362/2012.

Xuízo verbal: 1080/2011.

Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela.

«Sentenza:

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2012.

Vistos por mín, Roberto Soto Sola, maxistrado xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia número 6 desta localidade e o seu partido xudicial, o presente xuízo verbal número 1080/2011, promovido polo procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Nélida María Pereira Ramos, asistida do letrado Sr. Iglesias Nimo, fronte a Miguel Ángel Sampedro Laranga, maior de idade, citado en autos, declarado en rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, en representación dunha filla menor de idade tida en común.

I. Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data 23.9.2011 o procurador Sr. Martínez Laxe, en nome e representación de Nélida María Pereira Ramos, asistida do letrado Sr. Iglesias Nimo, fronte a Miguel Ángel Sampedro Laranga, maior de idade, citado en autos, con intervención do Ministerio Fiscal, en representación dunha filla menor de idade tida en común, deduciu demanda de xuízo verbal interesándose nela de xeito substancial as seguintes medidas definitivas:

1º. Atribución á demandante da garda e custodia da filla común.

2º. Fixación en 400 euros/mes do importe da pensión de alimentos a cargo do demandado a favor da filla común.

Segundo. Admitida a demanda e emprazada a parte demandada, non compareceu nin deduciu contestación á demanda malia instarse inclusive a citación e emprazamento a través do Servizo Consular en Suíza.

En data 30.5.2012 foi declarada a parte demandada en rebeldía procesual.

Sinalado xuízo para o día de hoxe nel a parte demandante instou a estimación da demanda e realizou o interrogatorio de parte da demandante de oficio por este xulgador de conformidade co artigo 752.1º da Lei de axuizamento civil e a testifical do esposo da demandante e máis documental acreditativa dos gastos da menor Catuxa, o representante do Ministerio Fiscal instou a fixación dunha pensión de alimentos non inferior ao mínimo vital de 150 euros/mes.

Terceiro. Na substanciación do presente proceso observáronse as prescricións legais vixentes, inclusive o prazo para ditar sentenza.

II. Fundamentos de dereito:

Primeiro. O procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Nélida María Pereira Ramos, asistido do letrado Sr. Iglesias Nimo, fronte a Miguel Ángel Sampedro Laranga, maior de idade, citado en autos, con intervención do Ministerio Fiscal, en representación dunha filla menor de idade tida en común, deduciu demanda de xuízo verbal interesándose nela de xeito substancial as seguintes medidas definitivas:

1º. Atribución á demandante da garda e custodia da filla común.

2º. Fixación en 400 euros/mes do importe da pensión de alimentos a cargo do demandado a favor da filla común.

Admitida a demanda e emprazada a parte demandada non compareceu nin deduciu contestación á demanda.

Declarada a rebeldía procesual da parte demandada foi sinalado xuízo para o día de hoxe, nel a parte demandante instou a estimación da demanda e realizou o interrogatorio de parte da demandante de oficio por este xulgador de conformidade co artigo 752.1º da Lei de axuizamento civil e a testifical do esposo da demandante e máis documental acreditativa dos gastos da menor Catuxa, o representante do Ministerio Fiscal instou a fixación dunha pensión de alimentos non inferior ao mínimo vital de 150 euros/mes.

Segundo. Garda e custodia. Réxime de estadías e comunicación

A acreditada a través do interrogatorio de parte, testifical do esposo da demandante e non comparecencia do demandado (artigo 304 da Lei de axuizamento civil), ausencia sen xustificación de contacto entre a menor Catuxa e o seu pai desde 2009 con total e absoluto abandono e desatención deste material e espiritual ou afectiva durante máis de tres anos (a salvo tres aboamentos puntuais de 100, 150 e 200 euros en xullo, setembro de 2010 e xaneiro de 2011 e un regalo dunha cámara fotográfica, interrogatorio de parte da demandante) xustifica sobradamente non só a expresamente peticionada atribución á demandante da garda e custodia da filla común Catuxa, senón inclusive a atribución a esta do exercicio exclusivo da patria potestade sobre a menor Catuxa (artigo 154 e ss. do Código civil) e a ausencia de fixación de calquera réxime de estadías e comunicación a favor do demandado para coa menor Catuxa, sen prexuízo do cal o actual demandado inste unha ulterior modificación de medidas definitivas de variar substancialmente as circunstancias ponderadas nesta sentenza.

En materia de patria potestade a xurisprudencia declarou que «a patria potestade a estar configurada como conxunto de dereitos que a lei confire aos pais sobre as persoas e bens dos seus fillos non emancipados para asegurar o cumprimento das cargas que lles incumben respecto ao seu sostemento e educación» (vid. sentenzas do Tribunal Supremo do 5 de outubro de 1987, 30 de abril de 1991 e 20 de xaneiro de 1993). Agora ben, a medida de privación da patria potestade é de carácter sumamente grave e por esta circunstancia debe ser apreciada restritivamente e con cautela, sen poder fixarse criterios xerais senón que debe valorarse cada caso en concreto e tendo en conta o interese dos fillos, conforme o principio Favor filii.

Neste sentido a Sentenza do Tribunal Supremo do 12 de xullo de 2004, no seu fundamento xurídico segundo, especificou: «O artigo 170 do Código civil vincula ao incumprimento dos deberes que integran o contido da patria potestade a privación total ou parcial desta, respecto do pai ou nai incumpridor. A dita privación, non obstante, non constitúe unha consecuencia necesaria ou inevitable do incumprimento, senón só posible, en función das circunstancias concorrentes en cada caso e sempre en beneficio do menor (Sentenza do 31 de decembro de 1996). Ese carácter discrecional da medida, que reduce o ámbito do control casacional da súa aplicación polos tribunais de instancia (sentenzas do 11 de outubro de 1991, 20 de xaneiro de 1993 e 5 de marzo de 1998), non é, non obstante, absoluto xa que a norma establece uns límites que a decisión debe respectar. Dun lado, a medida debe adoptarse en beneficio dos fillos. Así o establece o artigo 39.2 da Constitución española, en canto impón aos poderes públicos unha actuación que asegure a protección integral daqueles. O propio fan os artigos do Código civil 154, en canto exixe un exercicio da patria potestade en interese destes, e 170.2, que condiciona a recuperación da patria potestade ao beneficio deles. Doutro lado, a privación da patria potestade, total ou parcial, non constitúe unha sanción perpetua, senón condicionada (tampouco necesariamente) á persistencia da causa que a motivou, como establece o artigo 170.2 do Código civil ao regular a recuperación daquela».

No presente caso é evidente que non se acreditou a concorrencia de causas que xustifiquen a privación da patria potestade á demandada, mais si consta que actualmente a parte demandada desde o ano 2009 que non se preocupou dos problemas familiares, en particular derivados da atención da filla común Catuxa, como se desprende así mesmo da súa posición de rebeldía procesual.

Por estas razóns considérase necesario suspender o exercicio da patria potestade por parte do demandado, conferindo exclusivamente o seu exercicio á demandante, atendendo ao interese da menor e a que a demandante é o único proxenitor que polo menos desde finais de 2009 se preocupa da citada menor. En todo caso debe indicarse que esta medida non supón a privación da patria potestade ao demandado xa que este poderá recuperar o exercicio conxunto desta se se produce un cambio de circunstancias e a través do correspondente proceso de modificación de medidas.

Terceiro. Efectos económicos

I. Como expresa a Sala Primeira do Tribunal Supremo en Sentenza do 1 de marzo de 2001: «a obriga de prestar alimentos baséase no principio de solidariedade familiar e ten o seu fundamento constitucional no artigo 39.1 da Constitución española, que proclama que os poderes públicos deben asegurar a protección social, económica e xurídica da familia» e, ao mesmo tempo, que unha cousa é a asistencia debida aos fillos durante a súa minoría de idade, dimanante da patria potestade, xeradora tanto de dereitos como de obrigas paterno-filiais (artigos 110 e 154.1 e concordantes do Código civil), e outra moi distinta é a institución dos alimentos entre parentes (artigos 142 e seguintes do Código civil), que prescinde para a súa regulación de toda noción de limitación de idade, sustentada sobre a base de presupostos tales como a relación conxugal ou de parentesco, a necesidade do alimentista e a dispoñibilidade pecuniaria por parte do alimentante, tendo o seu fundamento na solidariedade familiar dentro da escala fixada no artigo 143 do Código civil (SAP Málaga Sección 6 do 29 de outubro de 2008 ROJ: SAP MA 1419/2008. Recurso: 335/2008. Relator: María Inmaculada Suárez-Barcena Florencio).

II. A parte demandante insta a fixación en 400 euros/mes da pensión de alimentos a cargo do demandado cifrando en 2.000 euros os seus ingresos laborais.

O representante do Ministerio Fiscal instou a fixación da pensión de alimentos nunha contía superior ao mínimo vital de 150 euros/mes.

A consulta da base de datos da OAP, exercicios 2010 e 2011, non revela dato ningún fidedigno sobre os ingresos salariais do demandado.

A demandante encóntrase en desemprego (TXSS, interrogatorio de parte e testifical do seu esposo).

A non comparecencia nin xustificada do demandado xustifica de conformidade co número 3 do artigo 779 da Lei de axuizamento civil estimar acreditada a situación patrimonial e económica deste descrita na demanda.

Aínda admitindo que o demandado dispón duns ingresos salariais netos de 200 euros/mes en Suíza, debe ponderarse que os gastos por alugamento e subministracións e en xeral o custo da vida en Suíza é superior ao de España; ademais debe significarse que a demandante é titular de varios terreos (consulta do catastro), goza dun subsidio de desemprego de 426 euros/mes consulta Inem) e comparte gastos co seu actual esposo e que a filla común acode a un centro educativo público e non xustificaron gastos especiais inherentes á súa educación e saúde, polo cal procede cifrar en 350 euros/mes a contía da pensión de alimentos a cargo do demandado a favor da filla común, a dita pensión aboarase en doce mensualidades ao ano de xeito anticipado nos cinco primeiros días de cada mes na conta corrente que designe a demandante, cantidade que se actualizará co IPC anual que publique o INE ou organismo que o substitúa en data 1 de xaneiro de cada ano.

Cada proxenitor aboará por metade os gastos extraordinarios da referida filla común. Merecerán a consideración de gastos extraordinarios os percibidos polas actividades extraescolares da filla menor e similares; en particular, merecerán a consideración de gastos extraordinarios, entre outros, os derivados da atención da filla en sanidade privada por enfermidades, o custo pola adquisición ou uso de prótese, o custo doutras actividades médicas ou cirúrxicas non cubertas pola Seguridade Social e os gastos farmacéuticos inherentes a estas, o custo de actividades extraescolares, ou calquera outro similar, incluída a matrícula, de ser o caso, e nun futuro en universidades privadas etc. e, por fin, calquera de análoga natureza aos antes descritos.

A realización destes gastos ou outros similares eximirá da previa liquidación destes (artigos 776.4º da Lei de axuizamento civil) para instar a súa execución de título xudicial.

De comunicarse previamente (salvo obviamente supostos de urxencia e necesidade imperiosa) de xeito fidedigno (incluído email, SMS etc.) pola proxenitora gardadora ao proxenitor non custodio a realización de actividades extraescolares ou de similar natureza ou calquera outro gasto de carácter extraordinario dos mentados fillos, a falta de contestación de oposición expresa deste nun prazo de cinco días entenderase como consentimento tácito del, e queda eximida a demandante da tramitación do incidente previo de liquidación de tales gastos (artigo 776.4º da Lei de axuizamento civil) para instar a preceptiva execución de título xudicial en caso de falta de aboamento deles.

Dado o acordo ao respecto das partes mantense a asunción polo demandado da amortización íntegra do préstamo concertado para a adquisición da vivenda privativa, así como o aboamento do IBI desta e as cotas extraordinarias da comunidade de propietarios onde radica o inmoble.

Cuarto. Dada a especial natureza deste tipo procesual non procede efectuar un especial pronunciamento en materia de custas procesuais.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Que estimando parcialmente a demanda de xuízo verbal interposta polo procurador Sr. Martínez Lage, en nome e representación de Nélida María Pereira Ramos, asistida do letrado Sr. Iglesias Nimo, fronte a Miguel Ángel Sampedro Laranga, maior de idade, citado en autos, declarado en rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, en representación dunha filla menor de idade tida en común, procede acceder á adopción das seguintes medidas definitivas:

A) Titularidade da patria potestade: atribuída a ambos os dous proxenitores con exercicio ordinario exclusivo pola demandante.

B) Garda e custodia da filla menor Catuxa: atribuída á demandante.

C) Suspensión de todo réxime de estadías e comunicación do demandado coa filla común Catuxa, sen prexuízo dunha futura modificación de medidas definitivas de acreditarse a ausencia de todo risco ou prexuízo para a filla común menor de idade.

D) Pensión alimenticia para a filla menor: o demandado entregará á demandante mensualmente a cantidade de 350 euros, por anticipado e dentro dos primeiros cinco días de cada mes, na conta corrente da entidade bancaria que para tal efecto se designe. Esta cantidade actualizarase anualmente segundo o IPC elaborado polo INE ou organismo que o substitúa.

Os gastos extraordinarios serán aboados por ambos os dous proxenitores por metade.

Non procede efectuar especial pronunciamento sobre as custas do presente proceso.

Esta resolución non é firme e fronte a esta cabe interpor recurso de apelación nos prazos e termos previstos na vixente Lei de axuizamento civil para a súa resolución pola Audiencia Provincial da Coruña (artigos 458 e ss. e 776 da Lei de axuizamento civil), logo de consignación do depósito de 50 euros previsto na d.a. 15 da LOPX.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino, Roberto Soto Sola, maxistrado xuíz titular do Xulgado de Primera Instancia número 6 desta localidade e o seu partido xudicial».

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Miguel Ángel Sampedro Laranga, expídese a presente para que sirva de cédula de notificación.

Faise constar que á parte demandante lle foi concedida a asistencia xurídica gratuíta.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2012

O/a secretario/a xudicial