Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 23 de agosto de 2012 Páx. 33696

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 6 de agosto de 2012 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle os obxectivos formulados pola Unión Europea para que as linguas sexan un medio para a construción da cidadanía europea, co fin de favorecer a mobilidade entre as persoas e o intercambio cultural e lingüístico.

Os decretos polos que se establecen os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria outórganlle especial importancia ao desenvolvemento da competencia comunicativa tanto da lingua propia como das linguas estranxeiras.

A Orde do 12 de maio de 2011 regula os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia.

A Orde do 12 de maio de 2011 regula as seccións bilingües en Galicia en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Ao abeiro do Plan de potenciación de linguas estranxeiras e dentro do marco das actuacións que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento do plurilingüismo nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, unha das liñas prioritarias é a dotación de auxiliares de conversa aos centros plurilingües e a aqueles que dispoñen de seccións bilingües. No caso dos ditos centros de titularidade pública, visto que tras o aumento do número de auxiliares segue a darse máis demanda, estes centros recibirán unha nova dotación de auxiliares o vindeiro curso 2012-2013. Por tanto, e debido tamén ao continuo aumento de centros concertados plurilingües ou con seccións bilingües, vólvense convocar axudas á contratación de persoas nativas para o apoio á docencia en lingua estranxeira do alumnado galego.

De acordo co anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados de educación primaria e secundaria para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 15.05.423A.482.0, por un importe máximo de 204.000 €, distribuídos da seguinte forma: 68.000 € con cargo ao orzamento do ano 2012 e 136.000 € con cargo ao orzamento de 2013.

2. A contía da axuda determinarase en función da puntuación obtida no proxecto presentado de acordo cos criterios de valoración establecidos nos artigos 7 e 8 desta orde.

Sección 2ª. Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán ser utilizadas para os seguintes conceptos:

a) A contratación de auxiliares de conversa que realizarán funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro educativo.

b) A compra de material específico que sexa necesario para o desenvolvemento das clases de conversa, de carácter ordinario non inventariable. Para a compra de material non poderá superarse o 10 % da axuda concedida.

Artigo 4. Requisitos do centro e da persoa auxiliar

Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter en funcionamento seccións bilingües ou ser centros plurilingües.

2. Contratar unha persoa auxiliar de conversa que teña como lingua materna a lingua vehicular estranxeira de aula e que posúa unha diplomatura, licenciatura ou equivalentes, ou estudantes universitarios no seu último curso académico.

3. Formalizar un contrato coa persoa auxiliar de conversa cunha duración non inferior a sete meses.

– O contrato pode ser tanto laboral como mercantil.

– A clasificación profesional para a persoa auxiliar de conversa poderá ser a de persoal titulado (BOE do 17.1.2007, V Convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, p. 35576; título II, capítulo I, artigo 10, grupo 3).

Sección 3ª. Solicitude e prazos

Artigo 5. Documentación

As solicitudes faranse no modelo que se xunta como anexo desta orde e acompañaranse da seguinte documentación:

1. Un proxecto en que se faga constar, como mínimo, a seguinte información:

a) Razóns que motivan a contratación.

b) Actividade/s que desenvolverán as persoas auxiliares de conversa.

c) Número de alumnos e alumnas, por curso e nivel educativo, que serán atendidos polas persoas auxiliares de conversa contratadas.

d) Datas de inicio e finalización do contrato. En todo caso, o período de inicio e finalización estará comprendido entre o 1 de setembro de 2012 e o 30 de xuño de 2013.

e) Horario semanal da persoa auxiliar no centro.

2. No caso de que o centro solicite outras axudas co mesmo fin, xuntará á solicitude unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos e a súa contía. No caso contrario, presentará a certificación de non telas solicitadas ou concedidas.

3. Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario.

4. Certificación de estar ao día co pagamento das obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes e demais documentación presentaranse no Rexistro Único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, edificio administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderá presentarse na sede electrónica https://sede.xunta.es/

2. Así mesmo, de conformidade co preceptuado na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os solicitantes consenten que a Administración faga pública nos rexistros regulados neste decreto os datos relevantes referidos ás axudas recibidas. A negativa expresa a esta autorización poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación ou á revogación do acto de outorgamento.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sección 4ª. Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 7. Criterios de valoración

1. Para a baremación da documentación presentada teranse en conta os seguintes criterios:

a) Número total de horas semanais de apoio da persoa auxiliar contratada, ata 6 puntos:

– Ata 12 horas, 2 puntos.

– Ata 24 horas, 4 puntos.

– Máis de 24 horas, 6 puntos.

b) Número de alumnos/as con apoio de auxiliar en todo o centro, ata 5 puntos:

– Ata 25 alumnos, 1 punto.

– De 26 a 50 alumnos, 2 puntos.

– De 51 a 100 alumnos, 3 puntos.

– Máis de 100 alumnos, 5 puntos.

c) Centro plurilingüe, 3 puntos.

d) Seccións bilingües no centro, ata 3 puntos:

– 1 ou 2 seccións, 1 punto.

– De 3 a 5 seccións, 2 puntos.

– Máis de 5 seccións, 3 puntos.

e) Número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro, ata 3 puntos:

– De 10 a 30 alumnos, 1 punto.

– De 31 a 180 alumnos, 2 puntos.

– Máis de 180 alumnos, 3 puntos.

2. En caso de empate, os desempates resolveranse aplicando sucesivamente os seguintes criterios:

a) Alínea a): maior número de horas semanais de apoio.

b) Alínea e): maior número de alumnos/as pertencentes a un grupo de sección bilingüe e/ou aula plurilingüe.

Artigo 8. Dotación económica por puntuación

1. Segundo a puntuación acadada polo proxecto, concederanse as seguintes subvencións:

– Proxectos cunha valoración de 14 ou máis puntos, 6.000 €.

– Proxectos cunha valoración de 13 puntos, 5.500 €.

– Proxectos cunha valoración de 12 puntos, 5.000 €.

– Proxectos cunha valoración de 11 puntos, 4.500 €.

– Proxectos cunha valoración de 10 puntos, 4.000 €.

– Proxectos cunha valoración de 9 puntos, 3.500 €.

– Proxectos cunha valoración de 8 puntos, 3.000 €.

2. Os centros con proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 8 puntos quedan excluídos.

3. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas no artigo 2 desta orde, poden non recibir subvención entidades que alcancen unha puntuación superior á mínima.

4. O máximo da axuda para a contratación dunha persoa auxiliar de conversa non superará os 6.000 €.

5. Nunca se concederá axuda para a contratación de máis dun auxiliar de conversa por centro educativo.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. A valoración das solicitudes realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– Vogais: catro vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

– Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sección 5ª. Resolución

Artigo 10. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es a proposta de resolución provisional, co asignado a cada centro, contra a cal se poderán formular alegacións e achegar os documentos que se consideren pertinentes.

Artigo 11. Resolución definitiva

1. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución poderán interpor recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os solicitantes poderán entender rexeitadas por silencio administrativo as súas solicitudes para os efectos de interpor os recursos que proceda.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 12. Renuncias

1. Os centros poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes ao da publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo, non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Sección 6ª. Pagamentos

Artigo 13. Pagamento bianual

1. O pagamento da axuda farase efectivo en dous prazos, mediante transferencia bancaria na conta corrente do centro educativo. O primeiro pagamento, ata un máximo do 33,33 % da axuda, farase efectivo no ano 2012; e o segundo, correspondente ao resto da axuda concedida e ata un máximo do 66,67 %, farase ao remate do mes de xuño de 2013.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Artigo 14. Documentación

1. Para cada pagamento, o centro concertado terá que presentar:

a) Facturas a nome do centro.

b) Nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas no ano 2012, para o primeiro pagamento, e no 2013, para o segundo.

c) Certificación de titularidade de conta bancaria do centro.

d) Xustificación bancaria de que o pagamento do seu importe foi efectuado á persoa auxiliar.

e) Declaración responsable, por parte das persoas ou entidades seleccionadas, de non estaren incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, na data da xustificación.

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, en que se especifique a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. Se é concedida a subvención, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para o primeiro pagamento, o centro presentará, xunto co citado no punto 1 deste artigo 14 e antes do 21 de decembro de 2012, a seguinte documentación:

a) Un documento acreditativo conforme a persoa auxiliar de conversa ten como lingua materna a lingua vehicular estranxeira de aula e un documento acreditativo dos estudos universitarios da persoa auxiliar de conversa.

4. Para o segundo pagamento, o centro presentará, xunto co citado no punto 1 deste artigo 14 e antes do 8 de setembro de 2013, a seguinte documentación:

a) Unha memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme ao proxecto presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

Artigo 15. Seguimento da actividade da persoa auxiliar de conversa

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará o seguimento do proxecto subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento, a Inspección Educativa realizará como mínimo dúas visitas, unha en 2012 e outra en 2013. Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e, unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe que servirá para a posterior avaliación do aproveitamento da subvención.

Artigo 16. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento nos termos que figuran nos artigos 33 ao 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file