Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2012 Páx. 32314

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANUNCIO do 24 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a apertura dun prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, nas especialidades de chinés (592004) e xaponés (592013).

Primeiro.

Comunícase que está aberto o prazo para posibles interinidades ou substitucións para o corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, para as seguintes especialidades:

Especialidade

Titulacións por orde preferente*

Formación complementaria

Chinés (592004)

1. Licenciatura ou grao en:

• Filoloxía Chinesa.

• Lingua e Literatura Chinesas.

• Lingüística Chinesa.

• Estudos de Asia Oriental (itinerario China).

• Tradución e Interpretación (chinés lingua B ou C).

Ou as titulacións homólogas ás mencionadas, segundo o Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro (BOE do 17 de novembro).

2. Calquera titulación universitaria superior da área de humanidades.

Certificado de aptitude ou certificado de nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma chinés.

3. Calquera titulación universitaria superior.

Ter cursado un ciclo dos estudos conducentes á obtención das titulacións especificadas no número 1, xunto co certificado de aptitude ou o certificado de nivel avanzado nas ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma chinés.

Xaponés (592013)

1. Licenciatura ou grao en:

• Filoloxía Xaponesa.

• Lingua e Literatura Xaponesas.

• Lingüística Xaponesa.

• Estudos de Asia Oriental (itinerario Xapón).

• Tradución e Interpretación (xaponés lingua B ou C).

Ou as titulacións homólogas ás mencionadas, segundo o Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro (BOE do 17 de novembro).

2. Calquera titulación universitaria superior da área de humanidades.

Certificado de aptitude ou certificado de nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma xaponés.

3. Calquera titulación universitaria superior.

Ter cursado un ciclo dos estudos conducentes á obtención das titulacións especificadas no número 1, xunto co certificado de aptitude ou o certificado de nivel avanzado nas ensinanzas de idiomas de réxime especial no idioma xaponés.

*Aínda que o baremo sexa inferior, as persoas que posúan as titulacións especificadas no punto 1 terán preferencia sobre as persoas coas titulacións dos puntos 2 e 3; así mesmo, as persoas con titulacións do punto 2 e baremo inferior ás do punto 3 terán preferencia sobre elas.

Segundo. Prazo de solicitude

O prazo para presentar a instancia de solicitude, na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou nos seus departamentos territoriais, será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Modelo de solicitude

O modelo de solicitude está á disposición dos interesados na páxina web da consellería, no enderezo http://www.edu.xunta.es/profesorado (xestión de profesorado; interinos e substitutos).

Cuarto. Comisión baremadora

A asignación da puntuación que corresponde aos concursantes efectuaraa unha comisión constituída por funcionarios destinados na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Poderá asistir ás reunións da comisión, con voz e sen voto, un representante por cada unha das organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Quinto. Requisitos dos candidatos e candidatas

a) Estar en posesión da titulación que se sinala no punto primeiro deste anuncio.

b) Ter superado o curso Celga 4 de lingua galega ou validación equivalente.

Non obstante o anterior, poderán presentar solicitudes aquelas persoas que, posuíndo as titulacións sinaladas no punto primeiro, non posúan o curso Celga 4 de lingua galega ou equivalente. Estes candidatos poderán ser seleccionados en defecto de candidatos que si o acrediten. Neste caso, de seren seleccionados, os candidatos deberán superar, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeados, o curso Celga 4 de lingua galega ou equivalente. A superación do devandito curso deberá ser comunicada á Subdirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.

O baremo, de acordo coa addenda asinada cos sindicatos da mesa sectorial docente o 11 de xullo de 2006 (texto refundido publicado na Resolución do 10 de maio de 2010, DOG do 19 de maio), será o publicado na fase de concurso do último concurso-oposición convocado no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2012

P.A.
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria