Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 1 de agosto de 2012 Páx. 30487

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento para a solicitude de dilixenciamento do libro-rexistro dos instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático.

A Orde do 27 de abril de 1999 regula o control metrolóxico do Estado sobre os instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático, nas súas fases de verificación despois da reparación ou modificación e de verificación periódica. No seu artigo 5 indica que os posuidores de instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático disporán dun libro-rexistro de reparacións, debidamente foliado, selado e habilitado pola Administración pública competente, para anotar nel todas as actuacións realizadas polos reparadores na reparación ou modificación do instrumento.

Polo que se refire á competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de metroloxía, cómpre sinalar o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas. No seu punto 3.b) da letra B) transfire competencias e funcións, que asume a comunidade autónoma, e identifica os servizos que se traspasan. Establécese que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverá as funcións e servizos do Ministerio de Industria e Enerxía relativos á execución no territorio da comunidade autónoma da lexislación do Estado sobre pesas e medidas e contraste de metais. A isto engádese a declaración do Pleno da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Xunta de Galicia de 2002, que lle recoñece a esta o título competencial suficiente en materia de pesas e medidas e contraste de metais. O ditame da Avogacía do Estado do 16 de xaneiro de 2004, solicitado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía por instancia da Xunta de Galicia, ratifica que, segundo se establece na declaración da Comisión Mixta de Transferencias, lle corresponde á Xunta de Galicia a execución no seu territorio das funcións e servizos relativos a pesas e medidas.

Segundo indica o artigo 28 Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

É por tanto competencia desta dirección xeral definir o formato dos libros-rexistro que serán usados e establecer o procedemento para a súa habilitación.

O dilixenciamento do libro-rexistro dálle exclusivamente validez legal ao documento, non constitúe unha autorización de uso ou unha tácita aceptación da idoneidade do instrumento de pesaxe. Non se pedirán, polo tanto, documentos adicionais aos indicados na solicitude que se xunta. A omisión dalgún dos datos que se solicita consignar no libro-rexistro non impedirá o seu dilixenciamento nin xerará un requirimento de emenda. Tales datos deberán, en todo caso, ser cubertos con posterioridade xa que os libros-rexistro serán obxecto de control administrativo nas verificacións tras a reparación ou modificación ou das verificacións periódicas. En todos os casos, para o seu dilixenciamento, o libro-rexistro deberá ter cubertos os datos do titular así como o nome, modelo e nº de serie do instrumento no momento de dilixenciamento.

Serán servizos competentes para o dilixenciado de libros-rexistro os servizos de Administración Industrial das xefaturas territoriais, o de Metroloxía e Laboratorios Oficiais en servizos centrais, e o de Coordinación Industrial do Servizo Territorial de Vigo. O dilixenciamento dos libros-rexistro poderá solicitarse e realizarse en calquera dos lugares previstos, non necesariamente no departamento territorial correspondente ao enderezo do titular ou da situación do instrumento de pesaxe. A dilixencia poderaa efectuar un funcionario dos servizos antes indicados co nivel mínimo de xefe de sección.

A dilixencia poderá ser realizada en calquera momento a partir de que o instrumento se instale ou comercialice e, en calquera caso se non o foi antes, cando se realice a primeira verificación.

O mantemento dun libro de anotacións para a asignación dos números correlativos dos libros-rexistro non implica para a Administración a levanza dun rexistro oficial dos instrumentos de pesaxe, xa que logo, a posta fora de servizo dun instrumento de pesaxe non requirirá ningunha comunicación á Administración nin a baixa ou devolución do libro-rexistro.

En coherencia coa política de simplificación e axilización dos procedementos administrativos que ven desenvolvendo a Xunta de Galicia e sempre que a dispoñibilidade dos servizos competentes para o dilixenciamento dos libros-rexistro o permita, proverase dun sistema de xestión rápida. Neste caso o interesado dirixirase aos ditos servizos coa solicitude e a documentación anexa, onde se lle dilixenciará o libro-rexistro. De non ser posible o dilixenciamento no momento, instarase o titular a presentar a solicitude e os libros por rexistro. Unha vez dilixenciado o libro-rexistro, o servizo competente porase en contacto co titular ou co seu representante para que proceda á súa retirada.

De acordo coas competencias que veñen atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

1. Aprobar o modelo de solicitude de dilixenciamento de libro-rexistro de instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático que se xunta a esta resolución.

2. Adoitar como libro-rexistro o proposto pola directriz técnica de aplicación da Orde do 27 de abril de 1999, aprobada polo Grupo de Coordinación Técnica de Metroloxía na xuntanza do 29 de setembro de 2004.

3. Dispoñer que os libros-rexistro se distribúan a partir dos servizos de Administración Industrial das delegacións territoriais, do de Metroloxía de servizos centrais e do organismo autorizado de verificación designado pola Resolución do 26 de setembro de 2011 (DOG do 7 de novembro). Neste último caso a venda do libro-rexistro non comportará beneficio ningún para a concesionaria, que reflectirá a venda do libro na factura polos seus servizos polo importe da taxa correspondente.

4. As taxas que aplicarán en este procedemento serán:

a) 33.01.00 Venda de libros oficiais de levanza obrigatoria que non teñan tarifa específica.

b) 30.00.01 Dilixenciamento de libros.

5. Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

missing image file
missing image file