Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 1 de agosto de 2012 Páx. 30485

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 31 de xullo de 2012 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona.

O punto 4º do artigo 29 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, indica que a Consellería de Facenda poderá revisar as retribucións dos recadadores de zona cando as circunstancias o aconsellen, en función tanto do número de documentos e o volume de débeda cargada a cada zona como dos gastos dela e as súas circunstancias obxectivas.

Ante a situación económica actual, a Comunidade Autónoma de Galicia viuse obrigada a adoptar unha serie de medidas necesarias para a contención do gasto público en prol da consecución do principio de estabilidade orzamentaria.

Por iso, producidas esas circunstancias, e en uso da autorización contida na disposición derradeira primeira do citado decreto.

DISPOÑO:

Artigo 1

As retribucións dos recadadores de zona serán as que resulten de aplicar sobre a suma dos ingresos que sexan imputables en cada exercicio a cada zona e que corresponden a providencias de constrinximento cun importe cargado que non exceda os 500.000 euros, as seguintes porcentaxes:

De 0 euros a 600.000 euros, o: 18,40 %.

De 600.000,01 euros a 1.200.000 euros, o: 13,80 %.

De 1.200.000,01 euros a 2.100.000 euros, o: 9,20 %.

De 2.100.000,01 euros a 2.400.000 euros, o: 4,60 %.

De 2.400.000,01 euros a 3.000.000 de euros, o: 3,68 %.

De 3.000.000,01 euros a 3.600.000 euros, o: 2,76 %.

De 3.600.000,01 euros a 4.200.000 euros, o: 1,84 %.

A partir de 4.200.000,01 euros, o: 0,92 %.

Artigo 2

Nas providencias de constrinximento cun importe cargado que exceda os 500.000 euros, a retribución dos recadadores establecerase por cada valor aplicando aos ingresos que obteñan a porcentaxe do 0,92 %.

Artigo 3

Fíxase no 0,92 % a porcentaxe a satisfacer sobre o total recadado en período executivo no suposto de recompensas especiais a que se refire o artigo 33.1º do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro.

Artigo 4

As retribucións a que se refiren os artigos anteriores non inclúen o imposto sobre o valor engadido.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde de 15 de xuño de 2005 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona.

Disposición derradeira única

A presente orde terá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda