Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 31 de xullo de 2012 Páx. 30333

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de xullo de 2012 pola que se acorda a cesión da propiedade dun vehículo da Comunidade Autónoma de Galicia ao Concello de Foz.

De acordo co Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de emerxencias e interior.

Segundo o artigo 23.2.A do citado decreto, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior exercerá as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia, estatutariamente ou por transferencia, relativas ás materias de atención de emerxencias e protección civil, interior e seguridade. E, en particular, a dirección, a coordinación e a execución das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de atención de emerxencias e protección civil a planificación da protección civil, e as relacións da Administración autonómica, en materia de atención de emerxencias, coas administracións locais.

No marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición do Concello de Foz, considérase conveniente cederlle a propiedade dun vehículo pertencente ao parque móbil da Xunta de Galicia e adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para ser destinado a fins de utilidade pública e de interese social, en concreto para o servizo municipal de emerxencias e protección civil.

O artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser cedidos gratuitamente para a realización de fins de utilidade pública ou interese social a entidades sen ánimo de lucro, sempre que a súa afectación ou explotación non se estimase previsible.

No artigo 82.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, disponse que as cesións de vehículos a terceiros só poderán ter por obxecto a transmisión da propiedade.

De acordo co disposto polo artigo 83 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, a cesión dos bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que posúa a adscrición do ben.

Polo tanto, vista a solicitude presentada polo Concello de Foz e visto que non se estima necesaria a súa explotación, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión da propiedade, a favor do Concello de Foz, do seguinte vehículo:

Marca: Nissan.

Tipo: todo terreo.

Variante: WYG2606GFQ.

Serie e nº de bastidor: VSKWYG260U0524488.

Data de matriculación: 20.11.1990.

Matrícula: C-3483-AV.

Km: 114.816.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O vehículo obxecto de cesión destinarase ao apoio nos servizos de protección civil e atención ás emerxencias.

2. Esta cesión é de carácter gratuíto e ten por obxecto a propiedade do vehículo.

3. A cesión implica para o cesionario a obriga de destinar os bens exclusivamente ao fin expresado neste acordo, na forma e coas condicións que nel se expresen, sen que poida destinarse a outros fins, públicos ou privados.

4. A entidade cesionaria é responsable do correcto uso dos bens cedidos e da adopción de todas as medias precisas para a súa adecuada conservación e custodia.

5. Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o que foron cedidos, e poderá adoptar para iso cantas medidas fosen necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro.

6. Os gastos de todo tipo que xerasen os bens obxecto da cesión ou o seu transporte, utilización ou conservación serán en todo caso de conta da entidade beneficiaria dela, incluída a subscrición do correspondente seguro obrigatorio para o vehículo cedido.

7. O órgano competente para a cesión tramitará a correspondente baixa en tráfico conforme a lexislación específica.

8. Serán por conta do cesionario o detrimento e a deterioración sufridos polos bens cedidos, sen que sexan indemnizables os gastos en que se incorrese para cumprir as cargas ou condicións impostas.

9. Se os bens cedidos non se aplicasen ao fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou se utilizasen con grave quebrantamento ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión, e os bens reverterán á Administración cedente.

Artigo 3

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería e o alcalde do Concello de Foz e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación por parte do cesionario.

Disposición derradeira primeira

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través da Secretaría Xeral Técnica realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza