Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 20 de xullo de 2012 Páx. 28962

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de xullo de 2012 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

A actividade administrativa do Servizo Galego de Saúde, como organismo autónomo administrativo, leva consigo unha concentración de funcións arredor da persoa titular da súa presidencia que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa que se recollen no artigo 103.1 da Constitución española.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración pública como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Para acadar unha maior eficacia e eficiencia no trámite e resolución dos asuntos atribuídos á conselleira de Sanidade, como presidenta do Servizo Galego de Saúde, vén sendo utilizada regularmente a fórmula da delegación de competencias. Mediante esta fórmula xurídica procúrase unha axilización importante na tramitación administrativa, o que beneficia tanto a cidadanía como a propia Administración pública.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regulou a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde e, sen alterar o mapa sanitario actualmente vixente, desenvolveu as previsións contidas no artigo 97 da Lei de saúde de Galicia, no relativo á modernización dos instrumentos de organización e xestión.

Este modelo de xestión que dá cumprimento aos principios reitores e de actuación do Sistema público de saúde de Galicia, comezou a súa implantación co propio Decreto 168/2010, en que se acordou a creación das estruturas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela, e continuou cos decretos 193/2010, do 18 de novembro, polo que se crea e regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Ferrol, 162/2011, do 28 de xullo, polo que se crea e regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés e 163/2011, do 28 de xullo, polo que se crea e regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

De acordo con iso, a sucesión de normas publicadas foi obxecto de sucesivas delegacións de competencias nos novos órganos creados co obxecto de permitir a axilización administrativa necesaria no funcionamento dos novos órganos. Por iso, neste momento, parece necesario refundir as sucesivas ordes de delegacións nunha única orde que facilite aos distintos interesados o coñecemento das competencias correspondentes aos distintos órganos administrativos.

Esta delegación faise de conformidade cos principios recollidos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, o artigo 3 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e tendo en conta o disposto nos artigos 9 b) e 72.4 do Decreto lexislativo 1/1989, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Xerencia do Servizo Galego de Saúde

Deléganse na Xerencia do Servizo Galego de Saúde as seguintes facultades:

a) A execución dos acordos do Consello de Dirección e do Comité Executivo do Servizo Galego de Saúde.

b) O despacho e a resolución dos expedientes que lle estean atribuídos á presidenta por disposición legal ou regulamentaria, sempre que non estean expresamente delegados noutra autoridade ou órgano administrativo.

c) A resolución na vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades do organismo sobre materias ou asuntos cuxa resolución non estea atribuída competencialmente ou por delegación a outros órganos do Servizo Galego de Saúde.

d) A resolución dos recursos correspondentes a expedientes disciplinarios.

e) A concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos, respecto do persoal dos servizos centrais, por proposta da correspondente dirección.

f) A autorización das comisións de servizo, con dereito a indemnización, do persoal da xerencia e daquelas que se deban levar a cabo fóra da Comunidade Autónoma, así como a concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos respecto aos/ás xerentes de xestión integrada, xerentes executivos/as e aos/ás directores/as xerentes ou equivalentes, tanto no ámbito da atención primaria coma da especializada.

g) A autorización de asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, relativas ao persoal directivo das direccións e da estrutura periférica e por proposta destas.

h) A autorización das vacacións anuais de todo o persoal de servizos centrais, por proposta do correspondente centro directivo, así como a autorización das vacacións anuais das persoas titulares dos órganos directivos das xerencias de xestión integrada, xerencias e persoal directivo dos complexos hospitalarios e das persoas titulares das secretarías provinciais do Servizo Galego de Saúde.

i) Actuar como órgano de contratación nos contratos para prestar servizos sanitarios e para os concertos de asistencia sanitaria e sociosanitaria.

j) As autorizacións de uso temporal de centros e servizos non concertados.

k) A formalización dos contratos programa que se subscriban con entidades públicas con personalidade xurídica propia.

l) A resolución dos expedientes e asuntos de índole patrimonial, así como o exercicio daquelas outras competencias en materia patrimonial atribuídas á presidencia do organismo, sen prexuízo do disposto no artigo 5.2.c).

Artigo 2. Dirección de Asistencia Sanitaria

Deléganse na Dirección de Asistencia Sanitaria as seguintes facultades:

1. A resolución dos expedientes de reintegro de gastos aos beneficiarios de asistencia sanitaria da Seguridade Social, en contía superior a 30.000 euros.

2. A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do seu centro directivo.

Artigo 3. Dirección de Recursos Económicos

Deléganse na Dirección de Recursos Económicos, sen prexuízo das funcións que lle corresponden ou deleguen na Xerencia do Servizo Galego de Saúde ou nos responsables de cada un dos respectivos centros do organismo:

1. En materia de contratación:

a) A representación do Servizo Galego de Saúde nos actos de adquisición e disposición dos bens e dereitos do organismo.

b) Actuar como órgano de contratación do organismo, sen prexuízo das funcións delegadas noutros órganos, incluíndo o caso da tramitación de expedientes de contratación centralizados ou que afecten unha pluralidade de centros, salvo nos casos previstos no artigo 5 ñ) da presente orde cando afecte unicamente varios centros que formen parte da mesma estrutura de xestión integrada.

2. En materia orzamentaria:

a) A proposta, autorización e disposición de todos os gastos do organismo, así como a proposta de pagamentos, sen prexuízo das funcións delegadas noutros órganos.

b) A retención do crédito, autorización de gastos e os actos de disposición de créditos nos expedientes de contratación ou de gastos centralizados ou que afecten unha pluralidade de centros, salvo nos casos previstos no artigo 5 ñ) da presente orde cando afecte unicamente varios centros que formen parte da mesma estrutura de xestión integrada. O recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos destes gastos corresponderanlles aos respectivos centros de gasto de acordo coas competencias que lle sexan delegadas.

c) A retención do crédito, autorización de gastos e os actos de disposición de créditos nos expedientes de contratación de concertos de asistencia sanitaria, de autorización temporal de uso de centros e servizos sanitarios e de tramitación de contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia. Neste caso, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos corresponderanlles aos respectivos centros de acordo coas competencias que lle sexan delegadas.

d) A proposta e, se é o caso, aprobación das modificacións orzamentarias que correspondan ao Servizo Galego de Saúde, así como a proposta de recoñecemento de ingresos do organismo.

e) A xestión e resolución das actuacións e procedementos derivados de normas regulamentarias, contratos, acordos ou convenios, exclusivamente en materia de financiamento, que non sexan competencia da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

3. En materia de persoal:

A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do seu centro directivo.

Artigo 4. Dirección de Recursos Humanos

1. Deléganse na Dirección de Recursos Humanos as seguintes facultades:

a) A resolución dos expedientes de modificación do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde que correspondan a este organismo, de conformidade co establecido na normativa vixente.

b) As convocatorias e as resolucións nos procesos xerais de selección do persoal e provisión das prazas básicas das áreas sanitarias, estruturas de xestión integrada, institucións e servizos sanitarios de ámbito superior á área, e a aprobación das bases xerais para as convocatorias de acceso a prazas de área de saúde, estruturas de xestión integrada, institucións e servizos sanitarios.

c) A convocatoria de probas selectivas para o ingreso nos corpos ou escalas de carácter sanitario, o nomeamento de funcionarios pertencentes aos ditos corpos e escalas e a expedición dos correspondentes títulos, así como ditar as resolucións sobre xubilacións.

d) A resolución, de conformidade co previsto na normativa vixente, dos asuntos relacionados co réxime retributivo do persoal estatutario, así como do persoal funcionario e laboral dependente do organismo non incluído nas relacións de postos de traballo.

e) As resolucións sobre recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional ou do grao persoal do persoal do Servizo Galego de Saúde.

f) A concesión de comisións de servizo entre o Servizo Galego de Saúde e outros servizos de saúde, entre estruturas de xestión integrada ou outras institucións e servizos sanitarios, a adscrición do persoal estatutario aos servizos centrais, e a autorización para que o dito persoal poida pasar a prestar servizos noutras entidades ou organismos das administracións públicas.

g) As autorizacións das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do seu centro directivo.

h) A concesión de permisos e licenzas, solicitadas por persoal funcionario e laboral das relacións de postos de traballo de servizos centrais ou periféricos do organismo, que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gasto do persoal.

i) A concesión de anticipos á conta ao persoal estatutario.

j) A declaración da situación administrativa de servizos especiais, agás a situación de servizos especiais por acceder a prazas de formación sanitaria especializada mediante residencia.

k) A resolución dos recursos e reclamacións previas á vía xudicial laboral interpostos contra actos das autoridades e órganos do Servizo Galego de Saúde, con exclusión dos expedientes disciplinarios.

l) A determinación dos criterios de actuación na adopción de medidas que favorezan a protección das vítimas da violencia de xénero.

m) Todos aqueles actos da administración e xestión ordinaria do persoal do organismo que non fosen delegados expresamente noutros órganos.

Artigo 5. Xerencias de xestión integrada

Deléganse nos titulares das xerencias de xestión integrada, ou nos seus equivalentes, en relación cos centros que forman parte delas, e sen prexuízo das funcións que se delegan nos titulares das xerencias executivas, as seguintes facultades:

a) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos que se desenvolvan de forma descentralizada, conforme á normativa vixente, logo da autorización da Dirección de Recursos Humanos, e de conformidade co que estableza a convocatoria xeral.

b) A selección de persoal temporal das institucións, centros e servizos sanitarios do seu ámbito territorial, segundo os procedementos establecidos.

c) O nomeamento ou a contratación do persoal temporal das institucións e servizos delas dependentes. Requirirase a autorización da Dirección de Recursos Humanos para a cobertura das prazas do cadro de persoal e para os nomeamentos de fóra do cadro na categoría de facultativo especialista de duración superior a tres meses.

d) A expedición de dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, de ser o caso, se produzan.

e) A concesión de comisións de servizo entre institucións sanitarias do seu ámbito territorial, así como as comisións de servizos a postos de xefatura, supervisión, e/ou, coordinación no ámbito territorial correspondente, logo de autorización da Dirección de Recursos Humanos.

f) A concesión e a prórroga de permisos e licenzas, así como a concesión das vacacións anuais ao persoal da respectiva xerencia que non teña carácter directivo.

g) A resolución das solicitudes de redución de xornada de conformidade coa normativa vixente.

h) O recoñecemento da antigüidade para os efectos retributivos.

i) A autorización de comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal dependente dos centros da estrutura de xestión integrada, e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento do persoal non directivo.

j) A declaración de calquera situación administrativa distinta á de activo do persoal dependente do centro, salvo no caso da declaración da situación de servizos especiais, que lle corresponderá exclusivamente naquelas que teñan como causa o acceso unha praza de formación sanitaria especializada mediante residencia.

k) Resolver o reingreso provisional do persoal dependente do centro, logo da autorización da Dirección de Recursos Humanos.

l) A declaración correspondente á xubilación forzosa e voluntaria, a resolución das solicitudes de prórroga e prolongación da permanencia no servizo activo, así como, cando proceda, a recuperación ou rehabilitación da condición de empregado público.

m) A concesión de prestacións referidas á acción social do persoal dependente do centro.

n) O control do horario, da asistencia e presenza física do persoal.

ñ) A autorización de gastos, actos de disposición de créditos, recoñecemento de obrigas e propostas de pagamento, con cargo aos orzamentos dun ou de varios dos centros que formen parte da estrutura de xestión integrada, agás nos supostos previstos nos puntos 2 b) e 2 c) do artigo 3 da presente orde.

o) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos de obras nos cales non se requira informe da oficina de supervisión de proxectos, nos contratos de subministración, nos contratos de servizos, nos contratos mixtos que conteñan prestacións correspondentes a algúns dos contratos anteriores e nos contratos que teñan natureza administrativa especial, que afecten un ou varios dos centros do gasto que formen parte da estrutura de xestión integrada agás no suposto previsto no punto 1 b) do artigo 3 da presente orde para os expedientes de contratación centralizados. En todo caso, requirirán autorización previa da Dirección de Recursos Económicos, os contratos cuxa contía de valor estimado exceda os 500.000 euros, e os contratos de subministración mediante a modalidade de arrendamento financeiro. No arrendamento con opción de compra computarase o importe desta para os efectos da contía indicada.

p) Actuar como órgano de contratación nas contratacións menores relativas aos contratos de xestión de servizos públicos que afecten un ou varios dos centros do gasto que formen parte da estrutura de xestión integrada.

q) Actuar como órgano de contratación nos contratos patrimoniais de concesión da ocupación de dominio público nos cales se perciba un canon, e que afecten os edificios públicos dos centros que formen parte da estrutura de xestión integrada, logo de informe da Xerencia do organismo.

r) Actuar como órgano de contratación nos contratos privados, que afecten un ou varios dos centros do gasto que formen parte da estrutura de xestión integrada, logo da autorización da Dirección de Recursos Económicos, neste último caso.

s) A tramitación e resolución dos expedientes de reintegro de gastos aos beneficiarios da asistencia sanitaria e prestación farmacéutica da Seguridade Social, ata 30.000 euros.

2. As facultades delegadas neste artigo en materia de persoal enténdense referidas á relación de emprego do persoal estatutario, funcionario ou laboral adscrito ao respectivo centro, e exerceranse sen prexuízo das facultades expresamente atribuídas a outros órganos.

Artigo 6. Xerencias executivas

1. Deléganse nos titulares das xerencias executivas das estruturas de xestión integrada, en relación co centro de gasto correspondente en cada caso, as seguintes facultades:

a) O nomeamento ou a contratación do persoal temporal das institucións e servizos delas dependentes. Requirirase a autorización da Dirección de Recursos Humanos para a cobertura das prazas do cadro de persoal e para os nomeamentos de fóra do cadro na categoría de facultativo especialista de duración superior a tres meses.

b) A concesión e prórroga de permisos e licenzas do persoal dependente do seu centro, así como a concesión das vacacións anuais ao persoal da respectiva xerencia que non teña carácter directivo.

c) A autorización de comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal dependente do seu centro e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento do persoal non directivo.

d) A expedición de dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, de ser o caso, se produzan.

e) O control do horario, da asistencia e presenza física do persoal do seu centro.

2. As facultades delegadas neste artigo enténdense referidas á relación de emprego do persoal estatutario, funcionario ou laboral adscrito ao correspondinte centro hospitalario, e exerceranse sen prexuízo das facultades expresamente atribuídas a outros órganos.

3. Facúltanse os titulares das xerencias executivas das estruturas de xestión integrada para formular as correspondentes propostas de gasto nos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos do centro hospitalario correspondiente en cada caso, integrados no orzamento do organismo autónomo.

4. Facúltanse os titulares das xerencias executivas das estruturas de xestión integrada, para levar a cabo as actuacións necesarias en materia de ingresos que deriven de servizos prestados no ámbito do seu correspondente centro, incluídas as que teñan a consideración de prezo público, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Facenda.

Artigo 7. Tramitación de expedientes de gasto

Facúltanse os directores/as de recursos económicos, directores/as de xestión ou nos seus equivalentes e secretarios/as provinciais nos respectivos centros de gasto, para formular as correspondentes propostas nos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos dentro do seu ámbito de actuación, integrados no orzamento do organismo autónomo.

Artigo 8. Xestión de ingresos

Facúltanse os directores/as de recursos económicos, directores/as de xestión ou equivalentes e secretarios/as provinciais nos respectivos centros, para levar a cabo as actuacións necesarias en materia de ingresos que deriven de servizos prestados no ámbito do seu centro, incluídas as que teñan a consideración de prezo público, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Facenda.

Artigo 9. Criterios complementarios

Na aplicación da delegación de competencias contidas na presente orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Dirección de Recursos Económicos, as competencias delegadas serán exercidas polas persoas titulares das subdireccións xerais por suplencia, de acordo co disposto no artigo 17 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, mentres persistan aquelas circunstancias e na orde de prelación recollida no artigo 14 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.

d) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Dirección de Recursos Humanos, as competencias delegadas serán exercidas polas persoas titulares das subdireccións xerais por suplencia, de acordo co disposto no artigo 17 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, mentres persistan aquelas circunstancias e na orde de prelación recollida no artigo 14 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde.

e) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións que se conteñen nesta orde deberán facer constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición adicional única. Xestión de expedientes de gasto

Sen prexuízo das competencias delegadas na Dirección de Recursos Económicos, autorízanse os órganos correspondentes da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, para xestionar, se é o caso, os expedientes con cargo aos orzamentos do Servizo Galego de Saúde relacionados coas áreas sobre as cales se lles recoñeza competencia no correspondente decreto de estrutura orgánica e, especialmente, no que se refire a tecnoloxías de información, fondo documental e tarxeta sanitaria.

Disposición transitoria primeira. Órganos equivalentes

Mentres non se complete a implantación das estruturas de xestión integrada en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, entenderanse por órganos equivalentes aos xerentes de xestión integrada, os directores xerentes de atención primaria e especializada nos seus respectivos centros de gasto.

Disposición transitoria segunda. Delegación nas secretarías provinciais das delegacións do Servizo Galego de Saúde de Lugo e Vigo

1. Mentres non se complete a implantación das estruturas de xestión integrada, deléganse nas persoas titulares das secretarías provincias das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde de Lugo e Vigo, as seguintes competencias:

a) A declaración das situacións administrativas, agás a situación de servizos especiais, do persoal estatutario dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

b) Acordar o reingreso provisional, logo da autorización da Dirección de Recursos Humanos, do persoal dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

c) A convocatoria e a resolución dos procesos selectivos que se desenvolvan de forma descentralizada, de conformidade coa normativa vixente, logo da autorización da Dirección de Recursos Humanos, e de conformidade co que se estableza na convocatoria xeral do persoal dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

d) A selección temporal para a cobertura, segundo os procedementos establecidos, das dotacións existentes nos cadros de persoal das institucións e servizos sanitarios do seu ámbito territorial do persoal dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

e) A concesión de comisións de servizo entre institucións sanitarias do seu ámbito territorial, logo da autorización da Dirección de Recursos Humanos, do persoal dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

f) O recoñecemento da antigüidade, para os efectos retributivos, do persoal estatutario dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

g) As declaracións correspondentes á xubilación forzosa e voluntaria do persoal estatutario, así como a recuperación da condición de persoal estatutario cando proceda, do persoal dos centros non integrados en estruturas de xestión integrada.

h) A tramitación e xestión de nóminas do persoal das súas unidades administrativas.

i) O control do horario e da asistencia e presenza física do persoal das súas unidades administrativas.

j) A autorización de gastos, actos de disposición de créditos, recoñecemento de obrigas e propostas de pagamento, con cargo aos orzamentos dos seus respectivos centros de gasto, agás nos supostos previstos nos puntos 2 b) e 2 c) do artigo 3 da presente orde.

k) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos de obras nos cales non se requira informe da oficina de supervisión de proxectos, nos contratos de subministración, nos contratos de servizos, nos contratos mixtos que conteñan prestacións correspondentes a algúns dos contratos anteriores e nos contratos que teñan natureza administrativa especial, dos seus respectivos centros de gasto, agás no suposto previsto no punto 1 b) do artigo 3 da presente orde para os expedientes de contratación centralizados. En todo caso, requirirán autorización previa da Dirección de Recursos Económicos, os contratos cuxa contía de valor estimado exceda os 500.000 euros, e os contratos de subministración mediante a modalidade de arrendamento financeiro. No arrendamento con opción de compra computarase o importe desta para os efectos da contía indicada.

l) Actuar como órgano de contratación nas contratacións menores relativas aos contratos de xestión de servizos públicos dos seus respectivos centros de gasto.

m) A tramitación e resolución dos expedientes de reintegro de gastos aos beneficiarios da asistencia sanitaria da Seguridade Social, ata 30.000 euros.

2. As decisións ou acordos que se adopten en materia de persoal no exercicio das anteriores funcións seranlles notificadas á Dirección de Recursos Humanos e ás respectivas institucións sanitarias.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas expresamente a Orde do 15 de xuño de 2009, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, a Orde do 28 de setembro de 2011, que modifica a anterior, e os artigos 7 e 8 das ordes do 28 de setembro de 2011, polas que se desenvolve a estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés; de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e de Ferrol, respectivamente e, en xeral, todas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade