Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 20 de xullo de 2012 Páx. 28960

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de xullo de 2012 pola que se adscriben as unidades e postos de traballo á Xerencia de Xestión Integrada da Coruña e se extingue a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde na Coruña.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regula as estruturas de Xestión Integrada como instrumentos de organización, sen personalidade xurídica propia, no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas organizativas asumen con total autonomía funcional a xestión dos recursos, prestacións e programas de atención sanitaria a todos os niveis.

A consecuencia da nova estrutura periférica do Sergas, que está baseada na racionalidade dos recursos e na creación dunha organización eficaz e próxima ao cidadan, é a desaparición da organización provincial existente ata o momento.

A disposición transitoria primeira do decreto citado establece que as actuais direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde se extinguirán no momento en que os seus órganos, unidades administrativas e postos de traballo queden adscritos na súa totalidade á xerencia ou xerencias de Xestión Integrada que correspondan, se dispoña o efectivo funcionamento da estrutura e se produza o nomeamento das persoas responsables das respectivas xerencias integradas.

No que respecta á estrutura de Xestión Integrada da Coruña foi nomeada a persoa titular da Xerencia de Xestión Integrada e resolveuse o inicio das súas actividades con data 30 de setembro de 2011.

Por tanto, procede neste momento a adscrición das unidades administrativas e postos de traballo da Dirección Provincial e a súa integración na estructura de Xestión Integrada da Coruña, unificando deste xeito a actividade administrativa e a actividade asistencial.

Na súa virtude, por proposta de Xerencia do Servizo Galego de Saúde e facendo uso das facultades que me confiren o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, así como o Decreto 168/2010, do 7 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Adscrición de unidades e postos de traballo

Adscríbense as unidades e postos de traballo encadrados na Dirección Provincial da Coruña do Servizo Galego de Saúde e que desempeñen os seus postos de traballo na cidade da Coruña á Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

Artigo 2. Extinción da Dirección Provincial

De conformidade co establablecido na disposición transitoria primeira do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, e unha vez realizados todos os trámites que se indican nela, a extinción da Dirección Provincial da Coruña do Servizo Galego de Saúde producirase o día da entrada en vigor desta orde.

Disposición adicional única. Modificación da relación de postos de traballo

Elaborarase a modificación da relación de postos de traballo que resulte da aplicación desta orde, que se tramitará conforme a normativa vixente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento

Facúltanse os titulares da Dirección de Asistencia Sanitaria, da Dirección de Recursos Económicos e da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde para ditar, no seu respectivo ámbito de competencias, cantas instrucións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día 1 de setembro de 2012.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade