Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28052

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (265/2012).

Demandante: Víctor Batista González.

Avogado: Rubén Mouzo García.

Demandada: Aislamientos Pemos, S.L., Fogasa.

María Blanco Aquino, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 265/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Víctor Batista González contra a empresa Aislamientos Pemos, S.L., Fogasa, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Xulgado do Social número 2.

A Coruña.

Sentenza: 390/2012.

Autos 265/2012.

Na cidade da Coruña, 24 de maio de 2012

Lara Mª Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver os presentes autos sobre despedimento, por instancia de Víctor Batista González, que comparece representado polo letrado Sr. Mouzo García, contra a empresa Aislamientos Pemos, S.L. e Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen, ditou a seguinte

Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Pola parte demandante, Víctor Batista González, presentouse en data 6.3.2012 demanda, que por quenda correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na cal, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para a realización do acto de xuízo o día 23.5.2012 e este tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluso o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. Víctor Batista González, con DNI 49333243, veu prestando servizos para a empresa Aislamientos Pemos, S.L. desde o día 8.6.2009, coa categoría profesional de oficial de 2ª e cun salario mensual rateado de 1.529,67 €.

Segundo. O día 23.1.2012 recibe da súa empregadora unha carta certificada comunicándolle o seu certificado de empresa, sen máis explicacións. Ao se presentar o traballador no centro de traballo, outra empresa (TCA Instalaciones, S.L.) ocupaba o local, que comprara da agora demandada [informe da Inspección de Traballo].

Terceiro. O traballador demandante non posúe nin posuíu no último ano a condición de delegado de persoal, membro do comité de empresa ou representante sindical.

Cuarto. Presentada a papeleta de conciliación o 24.1.2012, tivo lugar o preceptivo acto ante o SMAC o 13.2.2012, co resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto do xuízo, ao que unicamente acudiu o demandante (malia estar citada a demandada); e en especial, da documental achegada e, sobre todo, da solicitada á empresa, admitida e non achegada, así como da utilización da facultade contida no artigo 91.2 da LXS.

Segundo. 1. A petición de improcedencia do despedimento débese acoller, porque se debe recordar que o despedimento comprende calquera extinción do contrato de traballo decidida unilateralmente polo empresario, aínda que esta non responda a unha finalidade disciplinaria (STS 23.3.2005 Ar. 3576). A cualificación do despedimento improcedente «non é, en absoluto, exclusiva do despedimento disciplinario, senón que pode aplicarse, tamén, normalmente, a calquera despedimento causal, é dicir, a calquera despedimento en que o empresario alega unha determinada causa de extinción da relación laboral, aínda que esta non sexa un incumprimento contractual comprendido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores» (STS 23.3.1993 Ar. 2895), pois estes despedimentos deberán ser declarados improcedentes cando a causa alegada polo empresario non quede acreditada e se cumpra o requisito da comunicación escrita do artigo 55.1 do ET (STS 20.2.1995 Ar. 1162).

En todo caso, o despedimento tácito (producido sen cubrir formalidade ningunha ou despois de facelo de xeito irregular) é unha elaboración xurisprudencial, e xa a STS 4.12.1989 Ar. 8925 dicía que «aínda que a xurisprudencia examina con desconfianza a figura do despedimento tácito, que se pretende deducir de condutas equívocas da empresa, por contrariar os principios de boa fe, básico nas relacións contractuais, e xerar situacións de inseguridade ao traballador, que, nunca, deben beneficiar a quen as provocou, a súa realidade e operatividade non se debe excluír, conforme tamén constante xurisprudencia, cando existan feitos que revelen inequivocamente a vontade empresarial de pór fin á relación contractual», e é que en «caso de non admisión do despedimento tácito, se chegaría ao paradoxo de que quen de feito foi cesado e non recibe o salario estipulado xamais podería accionar por despedimento». O tema reside, entón, en determinar cando concorre ese despedimento tácito. E sobre iso as dúas regras xerais son: 1) a da interpretación restritiva da noción; e 2) a da exixencia de actos empresariais, claros, inequívocos e non ambiguos, e concluíntes, reveladores da vontade extintiva da relación.

2. A demandada non compareceu nin, por tanto, rexeitou o despedimento ou xustificou o por que trasladou o local e onde, e en que condicións se produciu o desentendemento dos seus traballadores, polo que necesariamente se debe admitir a improcedencia solicitada. E que traerá consigo a fixación dunha indemnización na cantidade de 6.034,80 €, calculada sobre uns parámetros de antigüidade de 8.6.2009, data da extinción –a da comunicación da empresa– 23.1.2012 e módulo salarial de 50,29 €. En canto ao último aspecto, é unha consolidada xurisprudencia do TS (SSTS 27.10.2005 –rcud 2513/04–; e 30.6.2008 –rcud 2639/07–) o considerar que o salario regulador da indemnización por despedimento improcedente se debe calcular dividindo o salario anual entre 365 días, e logo multiplicalo por 45 días por ano traballado (computando os restos inferiores ao mes como se dun mes completo se tratase (SSTS 31.10.2007 –rcud 4181/06– e 12.11.2007 –rcud 3906/06–).

Terceiro. Sobre a responsabilidade do Fogasa debe recordarse que, por imperativo legal (artigo 33 do ET) o Fondo de Garantía Salarial é responsable legal subsidiario ante os traballadores respecto de determinadas débedas do empresario, pero esta proximidade conceptual non permite equiparalo totalmente con quen asume contractualmente o pagamento dunha obriga, en defecto do debedor principal. O Fogasa non pode ser identificado co fiador definido no artigo 1822 CC, por máis que a súa posición xurídica, cando asume o pagamento de débedas do empregador sexa similar á do fiador no mesmo caso. En atención a ese carácter de asegurador público, o Fondo de Garantía Salarial é parte, por prescrición legal, nos procesos incoados nos casos previstos no artigo 23.2 LPL, onde se ordena citalo como tal, co fin de que «poida asumir as súas obrigas legais ou instar o que conveña en dereito». Non obstante, é evidente que, aínda nos casos do artigo 23.2, o Fondo de Garantía Salarial é só parte formal ou procesual, como sinala a doutrina, posto que a titularidade da única relación xurídico-material discutida no proceso corresponde en exclusiva ao ou aos traballadores demandantes e aos empresarios demandados. A súa presenza no proceso obedece á especial situación en que se encontra como responsable legal subsidiario do empresario e ao seu inequívoco interese directo e relevante no resultado que se produza, que pode chegar a converterse nun feito constitutivo, modificativo ou extintivo da súa propia relación xurídica.

No presente caso, é claro que non existe responsabilidade do Fogasa nesta instancia, porque non se acreditou que se condenase a empresa nin que fose declarada insolvente. E iso é así, porque a intervención do Fondo de Garantía Salarial no proceso, sobre a base do artigo 23 LPL, o é, non en calidade de demandado strictu sensu, senón como un privilexio procesual, dado o seu carácter público, a súa actividade de seguro como garante das indemnizacións reclamadas polos demandantes e para posibles responsabilidades posteriores.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Decisión que considerando a demanda interposta por Víctor Batista González contra a empresa Aislamientos Pemos, S.L., declaro improcedente o despedimento de que foi obxecto o 23.1.2012 e condénoa a que, no prazo de cinco días contados desde a notificación desta resolución, opte entre readmitir o demandante no seu posto de traballo ou indemnizalo pola extinción da relación laboral coa cantidade –salvo erro ou omisión– de seis mil trinta e catro con oitenta céntimos (6.034,80 €); con aboamento, en todo caso, dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data do despedimento ata a notificación da presente resolución, en contía de cincuenta euros con vinte e nove céntimos (50,29 €) diarios; deberá pór en coñecemento do xulgado no prazo antes dito, se opta ou non pola readmisión.

Así mesmo, absolvo o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíqueselles esta resolución ás partes facéndolles saber que esta non é firme, e fronte a ela cabe formular recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución. De ser recorrente a empresa demandada deberá acreditar mediante a exhibición ante este xulgado o xustificante acreditativo de ter depositado a cantidade obxecto de condena na conta deste xulgado, aberta en Banesto; poderá substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario, na cal se fará constar a responsabilidade solidaria do avalista, e deberase acreditar tamén na indicada conta a consignación da suma de trescentos euros preceptivos para recorrer, sen cuxo cumprimento non se terá por anunciado o recurso.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino».

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación de sentenza en forma a Aislamientos Pemos, S.L., expido o presente edicto.

A Coruña, 26 de xuño de 2012

María Blanco Aquino
Secretaria xudicial