Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2012 Páx. 27958

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 2 de abril de 2012 polo que se lle dá publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a resolución do recurso de reposición presentado polo Concello de Muros contra a Resolución do Xurado do 16 de decembro de 2011 pola que se clasificaba como veciñal en man común o monte Sestaio en favor dos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Fondo da parroquia de San Miguel de Sestaio.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 28 de marzo de 2012, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

– Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

– Xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Mª Josefa Fernández Fernández.

– Representante das comunidades veciñais clasificadas da provincia da Coruña, Pilar Santamaría Calo.

Secretaria: xefa de Sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Reunido o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña o 28 de marzo do 2012, coa asistencia dos membros arriba referenciados, para resolver o recurso de reposición presentado polo Concello de Muros contra a Resolución do Xurado do 16 de decembro de 2011 pola que se clasificaba como veciñal en man común o monte Sestaio en favor dos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Fondo da parroquia de San Miguel de Sestaio do concello de Muros, por unanimidade dos membros do xurado presentes con dereito a voto, adoptouse a seguinte resolución:

Antecedentes de feito.

1º Eduardo Vázquez González e outros veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Fondo da parroquia de San Miguel de Sestaio presentan unha solicitude o 28.9.2010 ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña para que o monte Sestaio, do concello de Muros, sexa declarado como veciñal en man común, alegando que os devanditos lugares aproveitaron desde tempo inmemorial o monte.

2º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña resolveu o 16.12.2011 clasificar como veciñal en man común o monte Sestaio en favor dos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Fondo da parroquia de San Miguel de Sestaio do concello de Muros conforme a planimetría presentada polos solicitantes e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seus informes do 26.11.2010 e do 29.6.2011 que describe os seus estremeiros e que forma parte integrante da resolución.

Esta resolución foi notificada ao Concello de Muros segundo consta no expediente o 30.12.2011 e publicada no Diario Oficial de Galicia nº 22, do 1.2.2012.

3º Contra a devandita resolución de clasificación, a alcaldesa representante do Concello de Muros presenta o 30.1.2012 un recurso de reposición en que alega, en síntese:

• Que o monte Sestaio non figura asentado no Inventario Municipal de Bens por canto o Concello de Muros carece, na actualidade, de tal inventario formalmente constituído, pero que o monte Sestaio forma parte da parcela denominada «Monte Feixa, Sestaio, Morondo, Findo do Vico e Armada» que foi inscrita no Rexistro da Propiedade de Muros o 28 de novembro de 1961 co nº 7284, e figura como propietario o Concello de Muros desde tempo inmemorial.

• Que contra a inscrición de inmatriculación, ben que se practicou de acordo co previsto no artigo 206 da Lei hipotecaria, non se formulou ningún tipo de oposición, e produciu plenos efectos para terceiros.

• Que a propiedade municipal sobre o monte Sestaio non foi en ningún caso cuestionada e o dominio municipal vén exercéndose de modo ininterrompido, notorio e pacificamente. Proba do exposto constitúeno os acordos da Xunta de Goberno Local do 6.9.2005 polos que se autorizou a Unión Fenosa Distribución, S.A. a constitución dunha servidume eléctrica.

4º Notificouse o 6.2.2012 aos promotores do expediente a presentación do recurso remitíndolles unha copia co fin de que, segundo o establecido no artigo 112 da Lei 30/1992, realicen as alegacións que consideren oportunas. Con data do 20.2.2012 presentan un escrito en que, en síntese, alegan, ademais da posible extemporaneidade do recurso, a presunción de veracidade das resolucións do Xurado recoñecida por reiterada xurisprudencia, así como que o Concello de Muros non presentou durante a tramitación do expediente de clasificación ningunha alegación á petición de clasificación como veciñal do monte polos veciños de San Miguel de Sestaio, polo que debe aplicarse a doutrina de vinculación aos propios actos.

5º Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos os dous da Comunidade Autónoma de Galicia; Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito.

1º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste recurso en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2º O recurso de reposición foi presentado dentro do prazo regulamentario porque, aínda que hai unha corrección manual no día de entrada no selo do Rexistro de Portelo Único, co fin de aclarar esta emenda solicitouse ao responsable do Rexistro municipal que certificase o día en que se rexistrou de entrada o escrito do recurso, certificando como data correcta o día 30.1.2012. Procede, polo tanto, admitir a trámite o recurso de reposición interposto por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1º da citada Lei 30/1992, no que se refire á presentación en prazo do recurso.

3º En canto ás alegacións presentadas polo Concello cómpre dicir, en primeiro lugar que, o artigo 112 da Lei 30/1992, establece que «non se terán en conta na resolución dos recursos, feitos, documentos ou alegacións do recorrente, cando podendo achegalos no trámite de alegacións non o fixo».

Ao Concello notificóuselle o acordo de inicio do expediente de clasificación co fin de que realizase no prazo dun mes as alegacións que considerase convenientes, e non manifestou oposición ningunha á proposta de clasificación como veciñal do monte Sestaio promovida polos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Fondo da parroquia de San Miguel de Sestaio.

Non obstante, analizando as pretensións do Concello, este fundamenta a súa defensa principalmente no feito de que a propiedade do monte clasificado por parte do Concello vén acreditada pola súa inscrición no Rexistro da Propiedade aínda que esta fose realizada en virtude do artigo 206 da Lei hipotecaria, non consta oposición a ela e produce plenos efectos fronte a terceiros. Non obstante, o Concello obvia que na propia inscrición rexistral se fai constar a súa pertenza á parroquia de Sestaio, tal e como tamén consta no deslinde do monte Sestaio e outros, aprobado pola Orde ministerial do 29 de maio de 1968 e publicado no BOP do 21.9.1968. Por outra banda, o Decreto 260/1992, polo que se aproba o regulamento da Lei galega de montes veciñais de 1989, prevé no seu artigo 27, e asumindo o disposto no artigo 12 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, sobre o réxime dos montes veciñais en man común, que «non será obstáculo para a clasificación dos montes como veciñais en man común a circunstancia de terse incluído en catálogos, inventarios ou rexistros públicos con asignación de diferente titularidade, agás que os asentos se practicaran en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo», circunstancia que non se dá neste caso.

Segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa e polo Xurado de Montes Veciñais, é a circunstancia de terse demostrado ou non o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais que deben dirimirse ante a xurisdición ordinaria.

En canto ao aproveitamento consuetudinario do monte por parte dos veciños de Sestaio de Arriba e de Fondo, queda constancia do devandito aproveitamento no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais do 29.6.2011 que avala as declaración feitas polos veciños maiores do lugar. Ademais, na Orde ministerial do 29.5.1968 pola que aproba o deslindamento do monte Sestaio e outros, e a súa inclusión no Catálogo de utilidade pública co nº 121, consta expresamente que baixo esta denominación se refunden os montes chamados «Armada, Feixa, Sestaio, Fondo do Vico e Morondo», cos números 105, 121, 122 e 123, respectivamente, baixo a referencia de pertenza á parroquia de Sestaio, realizando a devandita orde continuas referencias a lugares, labradíos ou leiras de pertenza aos veciños de diferentes lugares e parroquias. De feito, cómpre subliñar que no informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 29.6.2011 indícase que o monte do cal se solicita a clasificación é parte do monte Sestaio e outros, parte do cal xa foi clasificado polo Xurado como veciñal a favor da comunidade de veciños do lugar de Eiroa (expte. 287); ademais, limita nas súas estremas con montes veciñais xa clasificados tamén polo Xurado como son o monte San Xián pertencente á comunidade de San Xián de Torea (expte. 275), monte de Lestón a favor da comunidade veciñal do mesmo nome (expte. 274), monte de Sieiras a favor da comunidade de Lestón de Abaixo (expte. 341) e o monte de Baño da comunidade de Serres (expte. 263), todos eles lugares ou parroquias pertencentes ao concello de Muros.

Por todo exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición interposto polo Concello de Muros contra a Resolución deste xurado do 16.12.2011 polo que se acordou clasificar como monte veciñal en man común o monte Sestaio en favor dos veciños dos lugares de Sestaio de Arriba e de Fondo da parroquia de San Miguel de Sestaio do concello de Muros, confirmando integramente a resolución recorrida.

Notifíquese esta resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 2 de abril de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña