Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2012 Páx. 27963

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 2 de abril de 2012 polo que se lle dá publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a resolución do recurso de reposición presentado contra a Resolución do Xurado do 14 de outubro de 2011 referente aos montes Carabelote e Montecalvelo do concello de Ortigueira.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 28 de marzo de 2012, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

– Representante das comunidades propietarias de montes clasificados da provincia, Pilar Santamaría Calo.

– Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

– Xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, María Josefa Fernández Fernández.

Secretaria: xefa de sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, o día 28 de marzo do 2012, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto estudar e resolver, entre outros, o recurso de reposición interposto polo representante dos veciños da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro do concello de Ortigueira contra o acordo do xurado de 14.10.2011 polo que se resolveu non clasificar como veciñais en man común os montes Carabelote e Montecalvelo en favor dos veciños da devandita parroquia.

Antecedentes de feito.

1º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acordou por Resolución do 14.10.2011 non clasificar como veciñais en man común os montes Carabelote e Montecalvelo a favor dos veciños da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro do concello de Ortigueira, ao non resultar acreditado coa documentación contida no expediente administrativo que os devanditos montes estean aproveitados polos veciños da citada parroquia como grupo social e en réxime de comunidade. A devandita resolución foi notificada aos promotores o 16.11.2011 e publicada no DOG o 1.12.2011.

2º Contra a devandita resolución presentou o representante da xunta promotora designada para a tramitación do expediente, e en nome da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro, un recurso de reposición o 16.12.2011 en que alegaba o que consideraron conveniente na defensa dos seus dereitos, e reiteraba o que xa manifestaran durante a tramitación daquel, que, en síntese, se resume en:

• Que están en desacordo co informe do Distrito Forestal quen erra nas súas manifestacións cando describe os lugares limítrofes ao monte Carabelote, xa que existen outros lugares na parroquia que non inclúe no seu informe como son: O Vilar, O Nogueirido, O Cristo, As Penas do Rego, Corvelle, O Coto, As Mestas, entre outros, todos eles habitados. Tampouco menciona no informe referido os lugares limítrofes do monte Montecalvelo: Cernada, Montecalvelo e O Foxo, habitados os dous primeiros, o que se pode comprobar no mapa da parroquia incluído como documento nº 2 no informe pericial presentado pola xunta promotora.

• Que ademais dos aproveitamentos que sinala o informe do Distrito «hai que incluír a construción tanto de pedra como de madeira, sen deixar de pasar por alto a realización dos camiños e servidumes que correu a cargo dos veciños que realizaban aproveitamentos nos montes; é dicir, cultivaban e plantaban os montes e, posteriormente e en conxunto, realizaban obras sociais».

• Que o informe do Distrito tamén se equivoca cando di que desde os anos oitenta cesaron os aproveitamentos polos veciños. Os recorrentes afirman que a día de hoxe seguen realizándose aproveitamentos nos monte.

• Que o Catastro do Marqués da Ensenada recoñece á parroquia máis de 10.200 ferrados de monte común, polo que, durante os seguintes séculos ata hoxe non cabe dúbida de que a totalidade dos montes eran utilizados por toda a parroquia, ben por dereito propio como pola necesidade, e ademais, porque soamente distaban uns 3 quilómetros do monte.

• Que tamén acredita que o aproveitamento era total a acta de traballos topográficos do ano 1943, para a fixación do deslinde entre os concellos de Ortigueira e Mañón, onde mencionaban determinados sinais como «comúns de Couzadoiro», situados moi lonxe dos lugares da parroquia. Polo que, se no ano 1943 correspondía aos comúns o lugar máis afastado, tamén é de supor que pertenza o máis próximo. Por outra banda, se existían aproveitamentos no linde co concello de Mañón, lugar máis afastado, é de supor que tamén existen aproveitamentos no lugar máis próximo.

• Que considera que o Xurado realizou unha errónea valoración da proba que figura no expediente ao ter en conta soamente o informe do Servizo de Montes e non o informe achegado pola parte.

• Que os veciños de Couzadoiro, que figuran na acta de manifestacións ante notario que se presentou no expediente, fixeron constar que aínda moitos deles aproveitaban e utilizaban o monte, tal e como recolle o informe pericial achegado por esta parte e testificaron ante o xurado algúns veciños.

• Que achegan como nova proba a copia da acta de manifestación notarial de Antonio Barcón Sanjurjo, alcalde pedáneo da parroquia de San Salvador de Couzadoiro desde o ano 1978 ata 1999, persoa totalmente desinteresada no asunto.

• Que o Concello de Ortigueira nunca se fixo cargo dos montes, nunca poxou madeira nin a cortou.

3º O recurso de reposición presentado trasladóuselle ao Concello de Ortigueira como interesado no expediente segundo o establecido no artigo 112 da Lei 30/1992, e, no prazo conferido para realizar alegacións, o seu representante manifesta, en síntese, que se desestime o recurso de reposición por canto as alegacións formuladas son basicamente as mesmas que xa constan no expediente e que foron valoradas polo Xurado ao ditar a resolución impugnada. A documentación nova achegada co recurso de reposición (a acta notarial da testemuña Antonio Barcón Sanjurjo) non se pode ter en conta de acordo co disposto no artigo 112.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Fundamentos de dereito.

1º O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste recurso en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2º Procede a admitir a trámite o recurso de reposición interposto por terse presentado dentro do prazo regulamentario e cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1º da citada Lei 30/1992.

3º No escrito do recurso non se aprecian circunstancias que poidan motivar a súa estimación por canto se expoñen argumentos similares aos esgrimidos durante a tramitación do expediente e xa estudados e valorados polo Xurado ao ditar a resolución impugnada.

Non obstante, cómpre sinalar o seguinte respecto das alegacións realizadas:

• No que atinxe a que no informe do Distrito non se mencionaron algúns lugares que tamén forman parte da parroquia, hai que manifestar que unicamente se realizaron referencias a aqueles lugares que lles consta no Distrito que nalgún tempo aproveitaran os montes, distinguindo expresamente –xa que así se lle requiriu–, que lugares da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro aproveitaban o monte Carabelote, e que lugares, de ser o caso, o monte Montecalvelo; e isto dada a transcendencia que ten o núcleo de poboación que aproveita o monte, calquera que sexa a súa dimensión e con independencia de que teña entidade xurídica ou non. De feito, é moi frecuente en Galicia que os montes veciñais sexan aproveitados en común por grupos veciñais de pequena dimensión (un ou varios lugares pertencentes á mesma parroquia).

• Os aproveitamentos de esquilmos que, segundo o Distrito, están a facer de xeito esporádico os veciños de Mañón no monte Montecalvelo (que non no monte Carabelote), está na base da lóxica pola súa proximidade (son limítrofes ambos os dous lugares), moito más preto o lugar de Montecalvelo dalgúns veciños de Mañón que doutros lugares da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro que están máis afastados.

• En canto a que se están algúns destes lugares despoboados ou non, cómpre dicir que o Distrito no seu informe puntualiza este aspecto soamente sobre os lugares da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro que nalgún momento aproveitaron o monte para os efectos de poder valorar o disposto nos artigos 1, 2 e 3 da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, que establece como característica dos montes veciñais en man común que corresponde «a súa titularidade e aproveitamento, sen asignación de cotas, ao conxunto dos veciños titulares de unidades económicas, con casa aberta e residencia habitual nas entidades de poboación a que tradicionalmente estivese adscrito o seu aproveitamento, e que veñan exercendo, segundo os usos e costumes da comunidade, algunha actividade relacionada con aqueles» (con clara referencia aos montes). No mesmo sentido, o artigo 56 da Lei galega 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia, establece in fine a exixencia de que o aproveitamento en réxime de comunidade sen cotas se realice polos membros das agrupacións veciñais «na súa condición de veciños con casa aberta e con fume».

De aí que nos informes do Distrito se especifique –por instancia do Xurado e co fin de comprobar o cumprimento destes requisitos– «que os lugares de Porto de Insua, O Preguntoiro, O Coutado e Santaballa de Arriba están deshabitados desde hai tempo. Nos lugares de Biduído, Xorres, O Teixeiro, Montecalvelo, Cernada e Rande segue xente empadroada, pero ou ben non vive realmente alí ou ben non realizan ningún outro aproveitamento».

• En canto a que nos traballos topográficos no deslinde dos montes se fai referencia a «comúns de Couzadoiro», como queda reflectido no informe achegado durante a tramitación do expediente polos promotores (e que en ningún caso pode ter a consideración de informe pericial como se lle atribúe no escrito do recurso), hai que significar que soamente no punto do deslinde numerado como nº 18 aparece a denominación de «común dos veciños de Couzadoiro»; mentres que, nos restantes puntos do deslinde aparece a denominación de «común dos veciños de Couzadoiro e Mañón» (nº 19); de común de Mañón (nº 20-21); soamente a referencia de «comúns» das piquetas nº 23 a 28 e o nº 31 e 32 ; e o nº 30 como común de Grañas e A Panda. En consecuencia, non se pode afirmar, como se fai no recurso presentado, que estean recoñecidos no deslinde dos montes como «comúns dos veciños da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro» como pretenden os recorrentes, xeneralizando unha cuestión que é puntual (soamente unha única mención específica no punto nº 18).

• En canto á afirmación realizada polos recorrentes de que o concello nunca realizou ningún labor de corta nin xestión do arborizado no monte Carabelote ou Montecalvelo, quedou xa contestado na resolución e acreditado no expediente coa achega de documentación do Servizo de Montes e Industrias Forestais que, ao tratarse de montes consorciados coa Consellería do Medio Rural, a súa explotación forestal realizouse baixo a súa supervisión.

• Por último, respecto da achega da testemuña notarial de Antonio Barcón Sanjurjo, esta non se pode ter en conta de acordo co disposto no artigo 112.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Abondosa xurisprudencia establece que se consideran montes veciñais en man común aqueles en que a titularidade, nunha comunidade xermánica sen asignación de cotas, vén atribuída a determinados grupos de veciños, como núcleo social non como entidade administrativa, que consuetudinariamente os veñen utilizando. Dúas son, pois, as notas que, conforme o artigo 1 da Lei 5/1980, do 11 de novembro (LMV), caracterizan estes montes: o aproveitamento consuetudinario dun monte ou parte del en man común, e a atribución dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social fáctico determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa (Sentenza número 1511/200 do TSXG). Resulta, pois, determinante a identificación do grupo social que, se é o caso, aproveitaba e aproveita o monte e, ademais, que este aproveitamento se faga en común por este grupo social.

En consecuencia, da análise da documentación que figura no expediente e, particularmente dos informes do Servizo de Montes e do Distrito que o Xurado requiriu especificamente para esclarecer estes termos, pódese concluír que non queda acreditado que os montes Carabelote e Montecalvelo foran aproveitados en común polos veciños da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro como grupo social nin queda acreditado que a parroquia sexa a entidade de poboación a que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento destes montes nos termos exixidos pola Lei galega 13/1989, de montes veciñais, nos seus artigos 1, 2 e 3, e non aprecia no recurso de reposición presentado circunstancias que poidan motivar a súa estimación por canto se expoñen argumentos similares aos esgrimidos durante a tramitación do expediente e xa estudados e valorados ao ditar a resolución impugnada.

Por conseguinte, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por maioría dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición interposto polos veciños da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro contra a Resolución do Xurado do 14 de outubro de 2011 polo que se acordou non clasificar como monte veciñal en man común os montes Carabelote e Montecalvelo a favor dos veciños da parroquia de San Cristovo de Couzadoiro, confirmando integramente a resolución impugnada.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 2 de abril de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña