Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 11 de xullo de 2012 Páx. 27761

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no polígono industrial do Corgo, promovida pola empresa Repsol Butano, S.A.

Para os efectos previstos no artigo 46 bis da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Repsol Butano, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na rúa Enrique Mariñas, 36, 2º andar, local 1, 15009 A Coruña.

Antecedentes: o 23.11.2012 a empresa Repsol Butano, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no polígono industrial do Corgo, acompañada do preceptivo proxecto.

Ante esta solicitude, o 30.12.2011 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25.1.2012 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Repsol Butano, S.A.

O 20.1.2012 a empresa Repsol Butano, S.A. completou a súa solicitude inicial de autorización administrativa, coa solicitude de aprobación do proxecto de execución.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no polígono industrial do Corgo (Lugo), de conformidade co proxecto presentado para o efecto titulado proxecto de almacenamento e distribución de GLP mediante depósito aéreo de 49.500 litros con previsión de ampliación (A-120) para dar servizo ao polígono industrial do Corgo.

Descrición das instalacións:

A infraestrutura gasista para a subministración de gas canalizado ao polígono industrial do Corgo componse de: estación de almacenamento de GLP e rede de distribución de GLP.

– A estación de GLP instalarase na parcela nº 38, situada ao suroeste do polígono e con acceso rodado desde a rotonda, que conta cunha superficie de 1.258 m2 e dos que se utilizarán 853,90 m2 para a estación. A estación está composta por un depósito de superficie (aéreo) cunha capacidade de 49,5 m3.

– A rede de distribución deseñarase para media presión B (0,4 bar < P < 4 bar), estará formada por tubaxe de polietileno PE 80, SDR 11 e en diámetro de 90 mm, e terá unha lonxitude de 1.378 m.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o polígono industrial do Corgo, no concello do Corgo da provincia de Lugo.

Orzamento: o orzamento de execución material ascende á cantidade de sesenta mil cento sesenta e un euros (60.161,00 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, rolda da Muralla, 70.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas