Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2012 Páx. 26799

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2012 que modifica a do 9 de abril, pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, pola quenda de promoción interna.

No Diario Oficial de Galicia (DOG do 24 de abril de 2012), publícase a Resolución reitoral do 9 de abril de 2012, pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola quenda de promoción interna.

No DOG do 15 de maio de 2012, publícase Resolución reitoral do 4 de maio, pola que se corrixen erros advertidos na do 9 de abril.

Na base 2.1 da convocatoria, establécense os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes para poder concorrer a estas probas, e así na letra d) desta base, específicase: «ser persoal funcionario de carreira da escala auxiliar, subgrupo C2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC e posuír unha antigüidade de, polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no devandito corpo ou escala».

Á vista da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 8 de setembro de 2011, asunto C-177/10, na que se produce un recoñecemento do cómputo do tempo de servizos prestados como funcionario interino, para os efectos da promoción interna, e de que as sentenzas dese tribunal teñen carácter vinculante e son de aplicación directa nos Estados membros, o reitor

resolve:

Primeiro.

Modificar a base 2.1.d) da xa citada convocatoria, que queda redactada como segue: «ser persoal funcionario de carreira da escala auxiliar, subgrupo C2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC. Posuír unha antigüidade de, polo menos dous anos, no devandito corpo ou escala, tanto como funcionario/a interino/a como en réxime de contratación laboral».

Segundo.

Reabrir o prazo para a presentación de solicitudes de admisión a estas probas selectivas, en 20 días naturais contados a partir do seguinte ao de publicación desta resolución no DOG. A solicitude é a que figura como anexo IV á Resolución do 9 de abril de 2012, publicada no DOG do 24 de abril de 2012.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela