Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2012 Páx. 26387

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 25 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e se convocan para o ano para o ano 2012.

O 24 de xuño de 2010 publicáronse no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras da Orde do 22 de xuño pola que se estableceron as axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria e se convocaron as ditas axudas para o ano 2010, para intentar paliar a situación de escaseza de crédito nos mercados financeiros que poñía en dificultades a viabilidade económica e competitividade das explotacións agrarias galegas.

Por outra banda, desde o ano 2011, a escaseza de chuvias, unida ás fortes xeadas que houbo en moitas zonas de Galicia, provocaron unha situación preocupante nas explotacións gandeiras galegas de falta de liquidez debido a que a falta de forraxes producidas nas propias explotacións, consecuencia desa seca, supuxo un desembolso importante para a compra de alimentos, e que xunto a alza dos prezos deses alimentos e do combustible, deu lugar a unha situación difícil neste último ano na economía das explotacións gandeiras de vacún de leite e carne.

Por este motivo, e de cara a inxectar liquidez a estas explotacións para compensar a preocupante situación económica, cómpre publicar unhas novas bases reguladoras e convocar de novo estas axudas para o ano 2012.

A medida regulada nesta orde réxese polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que se acolle expresamente ao procedemento de concesión en concorrencia non competitiva, conforme o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

Por outra banda, estas axudas outorgaranse ao amparo do disposto no Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas, quedando condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2012 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, concedidos en base ás convocatorias desde o ano 2007 ata o ano 2011, ambos inclusive, da orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras.

As ordes a que se fai referencia no parágrafo anterior son as seguintes:

– Convocatoria 2007: Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 94, do 16 de maio).

– Convocatoria 2008: Orde do 15 de febreiro de 2008 (DOG nº 38, do 22 de febreiro).

– Convocatoria 2009: Orde do 17 de decembro de 2008 (DOG nº 248, do 23 de decembro).

– Convocatoria 2010: Orde do 31 de maio de 2010 (DOG nº 105, do 4 de xuño).

– Convocatoria 2011: Orde do 29 de decembro de 2010 (DOG nº 3, do 5 de xaneiro).

2. Estas axudas facilitarán aos titulares dos préstamos que acorden coas entidades financeiras unha carencia dun ano de duración na amortización dos citados préstamos.

3. O custo financeiro da carencia será sufragado en parte pola Consellería do Medio Rural e do Mar segundo o establecido no artigo 4 desta orde, e nos termos previstos no citado convenio.

Artigo 2. Réxime de aplicación

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas, que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias de vacún de leite e carne que subscribisen un préstamo concedido no seu día ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras para o financiamento de investimentos relativos ás axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e que se encontre en período de amortización.

2. Os prestameiros que soliciten a carencia deberán ter certificada no expediente asociado ao préstamo a acreditación da execución dos investimentos e o cumprimento dos compromisos. Non obstante, no caso de non ter certificados os investimentos, estes deberán estar no prazo de execución establecido nas bases reguladoras polas que se aprobaron as axudas vinculadas a ese préstamo, e terán que ser certificados con anterioridade ao remate dese prazo de execución.

3. Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Características

1. Establecerase unha carencia especial dun ano de duración que afectará o vencemento ou vencementos de principal posteriores á solicitude do prestameiro á entidade financeira. Durante ese período, o prestameiro non deberá aboar nin o principal nin os xuros correspondentes ao capital pendente de amortizar.

2. Unha vez finalizada a carencia do préstamo reiniciaranse as obrigas do prestameiro nos termos establecidos nos convenios subscritos.

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar financiará os xuros que correspondan, remunerando as entidades financeiras por cada carencia concedida en función do capital pendente e do tipo de xuro establecido nos convenios.

Artigo 5. Xestión das subvencións

1. A tramitación destas subvenciones realizarase no marco dos convenios de colaboración establecidos coas entidades financeiras para o financiamento de investimentos relativos á mellora de explotacións e á incorporación das persoas mozas á actividade agraria. As ditas entidades financeiras teñen a condición de entidades colaboradoras, asumindo así as obrigas que a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, lles impón.

2. A solicitude de subvención presentarase no mesmo documento en que se solicite a carencia, na entidade financeira en que se formalizou o préstamo.

3. A entidade comunicaralle á Consellería do Medio Rural e do Mar a relación de solicitudes presentadas, con indicación das carencias aceptadas.

4. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. De acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

6. Xunto á solicitude presentarase declaración das axudas solicitadas ou concedidas suxeitas ao Regulamento (CE) 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis, así como tamén declaración do cumprimento dos requisitos e obrigas sinalados nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. O prazo de presentación, establecido no número 3, será de dous meses desde a publicación da orde.

8. De cara a economizar os fondos públicos, a Consellería do Medio Rural e do Mar transferirá ás entidades financeiras no ano 2012 os importes correspondentes ao financiamento destas axudas, no marco do establecido nos referidos convenios de colaboración, e para o cal aplicará unha taxa de actualización sobre as cantidades resultantes das amortizacións, que figurará nos respectivos convenios.

9. No caso de esgotamento do crédito, en cumprimento do disposto no artigo 32 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Resolución

Unha vez comprobados os requisitos do solicitante polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria elevará a proposta de resolución á consellería, en canto que órgano encargado da resolución das axudas.

Na resolución de concesión de axuda farase constar a contía da axuda concedida en forma de comisión e de subvención do tipo de xuro dos préstamos e indicarase o seu carácter de minimis, de conformidade co Regulamento (CE) nº 1535/2006.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

A resolución notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se dite.

Artigo 7. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. A resolución da conselleira esgota a vía administrativa. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude. Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante a conselleira no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común.

Artigo 8. Publicación

A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a formalización do préstamo leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 9. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio de obxectivos así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da Consellería do Medio Rural e do Mar, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

Artigo 10. Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 11. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural e do Mar, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12. Incompatibilidade

As axudas financeiras previstas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 13. Financiamento

As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.712B.470 (CP 2010.01153) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe de cincocentos mil (500.000) euros.

A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira.

Nos aspectos non regulados nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda.

Modificacións dos convenios para a instrumentación dos préstamos para a mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria.

A Consellería do Medio Rural e do Mar realizará, co acordo das entidades financeiras, as modificacións nos convenios vixentes para a instrumentación dos préstamos para a mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria que sexan necesarias, no marco do disposto nesta orde.

Nas modificacións incluiranse polo menos os seguintes aspectos:

a) O mecanismo de amortización posterior á carencia.

b) O tipo de xuro aplicable.

c) Os procedementos de xestión destas actuacións.

Disposición derradeira única.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar