Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2012 Páx. 26379

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de Supervisión y Control 2012-2014.

Visto o texto do convenio colectivo de Supervisión y Control 2012-2014, que se subscribiu con data do 9 de maio de 2012, dunha parte pola representación empresarial, e doutra polas centrais sindicais CC.OO., UGT, en representación do colectivo laboral afectado, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO
Convenio colectivo Supervisión y Control, S.A. 2012-2014

Artigo 1. Ámbito territorial

O convenio colectivo será aplicable, dentro do seu ámbito funcional, nos centros de trabalo actualmente existentes en Galicia e os que se poidan crear nun futuro.

Artigo 2. Ámbito persoal e funcional

As condicións reguladas no presente convenio afectarán o persoal de todas as estacións da comunidade autónoma de Galicia encadrado nos seguintes postos de traballo: xefe/a de equipo, xefe/a de liña, inspector/a, administrativo/a de estación, inspector/a de entrada e administrativo/a de entrada.

Artigo 3. Xornada

A xornada operativa de traballo de Supervisión e Control será de 1.633,5 horas anuais de media durante os tres anos de vixencia do convenio (2012, 2013, 2014), incluída a formación obrigatoria (que será de 28 horas anuais cada ano).

Serán días no laborables:

– Sábado Santo.

– 24 e 31 decembro.

Ademais, os/as traballadores/as poderán desfrutar de dous días de libre disposición anuais, garantindo as necesidades do servizo, non remunerados ou recuperables ou descontados das vacacións.

A xornada de convenio establécese en 1.760 horas anuais ou a que estableza el convenio provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña en cada momento. A diferenza entre a xornada de convenio e a xornada operativa SyC destinarase única e exclusivamente para o tempo investido nos desprazamentos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e o tempo necesario para a realización dos test de coñecementos, e isto non poderá exceder en ningún caso a diferenza entre esta xornada e a establecida para o convenio provincial para a industria siderometalúrxica da Coruña (exemplo para o ano 2012: 1.760-1.633,5=126,5 horas).

Artigo 4. Vacacións

O persoal desfrutará de 23 días laborables de vacacións retribuídas anuais, que se poderán fraccionar nun máximo de tres períodos de cinco días laborables como mínimo. Estes períodos comprenderán un máximo de catro sábados.

As vacacións quedarán fixadas a finais do ano anterior ao desfrute. Para a elaboración dos calendarios anuais, a primeira regra será a proposta dos traballadores/as de mutuo acordo coa empresa, mantendo as necesidades do servizo. Se non houber acordo entre o traballador/a e a empresa, mediaría con ambas as partes o/a delegado/a de persoal ou comité de empresa segundo corresponda.

Fíxanse como necesidades do servizo para os efectos de determinar o número máximo de traballadores/as que poderán desfrutalas simultaneamente, as establecidas por centro e período para o ano 2012. Os traballadores agruparanse en dous colectivos, nave e administrativos.

Se non se chega a un acordo segundo o texto anterior, 12 días serán a conveniencia do traballador e 11 da empresa.

Artigo 5. Gratificación de convenio

A empresa distribuirá no primeiro cuadrimestre dos anos 2013, 2014 e 2015 a seguinte gratificación de convenio:

a) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2012 aboarase no primeiro cuadrimestre de 2013, cun importe de 600 € máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2012.

b) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2013 aboarase no primeiro cuadrimestre de 2014, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2013 máis a porcentaxe que resulte de aplicar el IPC real do ano 2013.

c) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2014 aboarase no primeiro cuadrimestre de 2015, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2014 máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2014.

Terán dereito a esta gratificación os/as traballadores/as que prestasen os seus servizos de forma ininterrompida durante os 12 meses no período de devindicación en proporción á xornada traballada. Ás cantidades das alíneas a, b e c aplicaráselles o seguinte baremo de penalización:

1. Procesos de incapacidade temporal derivados de enfermidade común ou de accidente de traballo motivado pola non utilización de equipamentos de protección individual, sempre e cando quede constatada a entrega previa dos EPIS e a formación e información, e cando se prevexa a súa necesidade de utilización polo Servizo de Prevención:

Duración superior a 45 días: 100%.

Duración entre 45 e 30 días: 50%.

Duración entre 29 e 15 días: 25%.

Duración entre 14 e 7 días: 10%.

Exceptúanse as situacións de maternidade e paternidade.

2. Presenza: as ausencias inferiores a unha xornada sen xustificar acumularanse a razón de 10 € por cada 8 horas.

Descontaranse 10 € por cada día de ausencia, excepto por licenzas retribuídas.

As faltas de puntualidade sen xustificar contaranse a razón de 10 € por hora, acumulando as fraccións inferiores.

3. Formación: restaranse 10 € por cada hora de ausencia a formación obrigatoria (exceptuando vacacións, maternidade, paternidade e licenzas retribuídas e días de libre disposición regulados no artigo 3, salvo que exista un ofrecemento de acudir noutras datas).

Aptitude para o posto de traballo: faranse dous test por cada posto que demostren os coñecementos correspondentes, que se non se superan restarán 20 € por exame (exceptuando vacacións, maternidade, paternidade, licenzas retribuídas e días de libre disposición regulados no artigo 3, salvo que exista un ofrecemento de acudir noutras datas).

Excepcionalmente, a gratificación devindicada no ano 2011 en virtude do acordo de empresa asinado en 2007 aboarase, logo de aprobación polo Consello de Administración, na contía máxima de 600 € por traballador/a de acordo cos criterios definidos no acordo de empresa asinado en 2007.

Artigo 6. Incremento salarial

En atención ao incremento de xornada recollido no número 3, os incrementos das táboas de empresa serán os seguintes:

Ano 2012: 3,65% (IPC real 2011 + 1,25%).

Ano 2013: IPC real do ano 2012 + 1,25%.

Ano 2014: IPC real do ano 2013 + 1%.

Os incrementos salariais aplicaranse sempre sobre as táboas salariais de empresa do ano anterior, e nunca quedarán por debaixo das táboas do convenio de industria siderometalúrxica da provincia da Coruña. Así, do incremento salarial do ano 2012 resultan as seguintes táboas:

Grupo e nivel 

Salario 2011

Salario 2012

5B xefe/a de equipo

28.285,63

29.318,06

5B xefe/a de liña

Nivel I

25.756,91

26.697,04

Nivel II

23.154,80

23.999,95

5B inspector/a

Nivel I

20.295,65

21.036,44

Nivel II

19.752,56

20.473,53

6 inspector/a entrada

Nivel I e II

18.551,07

19.228,18

5A administrativo/a

Nivel I

20.295,65

21.036,44

Nivel II

20.279,28

21.019,47

6 administrativo/a entrada

Nivel I e II

18.551,07

19.228,18

* Non se inclúen nas anteriores táboas salariais:

– O complemento de antigüidade do artigo 50 do convenio de sidero da Coruña, que se actualizará, para os traballadores/as que o veñen percibindo na actualidade, segundo o dito convenio.

– Os complementos de posto actualizaranse para os anos 2012, 2013 e 2014 no IPC real do ano anterior (complemento de móbil, complemento de foso e complemento de mando).

Artigo 7. Estacións móbiles

Cando un traballador/a preste os seus servizos nunha unidade móbil, o seu lugar de traballo será o da localización da estación en cada momento, e o centro de traballo será a estación fixa a que está adscrita a móbil.

Por razón do desprazamento que realizan ás localidades de localización das móbiles 1 a 6 segundo o calendario anual correspondente, os traballadores/as percibirán por día efectivo de traballo na estación móbil unha axuda de custo en compensación aos gastos de desprazamento e manutención, segundo a seguinte escala:

Grupo I …………………………39 €.

Grupo II ………………………...45 €.

Grupo III …….………………….56 €.

Grupo IV ………………………..70 €.

Xúntanse en anexo os grupos e destinos.

Nos casos en que os traballadores/as que se desprazan en vehículo de empresa (móbiles 7, 8, 9 e 10), percibirán por día efectivo de traballo unha axuda de custo en compensación aos gastos de manutención segundo a seguinte escala:

Grupo A …………………………20 €.

Grupo B ………………………...25 €.

Xúntanse en anexo os grupos e destinos.

No caso de que temporalmente presten os seus servizos en unidade móbil traballadores/as pertencentes a centros de traballo diferentes ao de adscrición da móbil, as axudas de custo calcularanse atendendo á distancia existente entre o centro de traballo de orixe do traballador/a e o lugar de localización da móbil en cada momento.

Artigo 8. Xubilación parcial

Os/as traballadores/as que así o decidan poderán acollerse á xubilación parcial nos termos establecidos no convenio colectivo para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña e lexislación laboral vixente en cada momento.

Artigo 9. Comisións paritarias

No prazo dun mes desde a sinatura do presente convenio formalizaranse as seguintes comisións paritarias:

– Comisión mixta. Como órgano de interpretación e vixilancia do cumprimento do pactado neste convenio e todas aquelas que lle reserve a lexislación vixente en cada momento.

– Plan de igualdade (reedición e readaptación).

– Plan de formación (consulta previa, aos órganos de representación, do Plan de formación anual).

Estas comisións estarán formadas por un membro por cada sindicato asínante do presente convenio e mesmo número de membros por parte da empresa.

Artigo 10. Vixencia e condicións para a renovación

O presente convenio colectivo terá unha duración de tres años, estendéndose desde o 1 de xaneiro de 2012 ao 31 de decembro de 2014.

A entrada en vigor producirase desde o día seguinte ao da sinatura deste convenio, excepto para o incremento salarial das táboas recollidas no artigo 6, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2012, e o disposto no artigo 7 para axudas de custo de estacións móbiles, que entrará en vigor o 16 de maio.

Calquera das dúas partes poderá realizar a denuncia por escrito do convenio durante o mes de setembro de 2014, comprometéndose as partes a iniciar a negociación dun novo convenio tres meses antes da finalización da vixencia deste.

Artigo 11. Dereito complementario

No non previsto expresamente neste convenio e que non contradiga o nel disposto aplicarase o establecido no convenio colectivo para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña, Estatuto dos traballadores e demais normativa de aplicación.

Artigo 12. Solución de conflitos

Os asinantes deste convenio acordan acollerse, no referente a conflitos colectivos, aos procedementos de conciliación, mediación e arbitraxe recollidos no AGA.

Disposición adicional

Son partes asinantes do presente convenio colectivo pola parte empresarial Supervisión e Control, S.A. e pola parte social os membros da comisión negociadora pertencentes aos sindicatos UGT, CC.OO. Os pertencentes á CIG non o asinan.

Tendo en conta conta que as representacións dos sindicatos asinantes teñen a maioría absoluta no seo da comisión negociadora (7 representantes dun total de 13) o presente convenio ten eficacia xeral respecto do ámbito persoal, funcional e territorial nel acordado.