Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 29 de xuño de 2012 Páx. 25977

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 21 de xuño de 2012 de modificación do artigo 2.2 da Orde do 21 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN219A) (DOG número 104, do 1 de xuño de 2012).

O Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, contén un programa de dinamización do comercio galego cuxo obxectivo é recuperar a atracción dos centros comerciais abertos. Este programa recolle un conxunto de medidas entre as cales cabe subliñar a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e a súa adaptación ao contorno creando espazos confortables e de lecer para realizar compras que xeren polos de atracción comercial nas cidades e vilas.

Co obxecto de facilitar a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico e de contribuír a evitar a despoboación que nos últimos anos se está a producir nos centros urbanos, esta consellería promulgou a Orde do 21 de maio de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013, e se procede á súa convocatoria (IN219A) (DOG número 104, do 1 de xuño de 2012). Esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos para a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013.

O número 2 do artigo 2 das bases reguladoras das referidas subvencións (anexo I da orde en cuestión) establece o criterio a que atenderán os investimentos máximos subvencionables e a contía da subvención que corresponda ás actuacións subvencionables. Así, os investimentos máximos subvencionables modularanse en tres tramos tendo en conta a relación existente entre as cifras oficiais de poboación dos concellos onde radiquen os centros comerciais abertos e o número de comercios asociados a estes, segundo os datos obtidos, respectivamente, do padrón municipal de habitantes vixente, publicado polo Instituto Galego de Estatística, e do Rexistro Galego de Comercio.

Naqueles concellos en que exista máis dun centro comercial aberto, a poboación do concello será ponderada entre o número de centros comerciais abertos existentes.

O investimento máximo subvencionable e o importe da subvención para estas actuacións é de:

a) 57.150 euros para os centros comerciais abertos a que correspondan, por cada comercio asociado, máis de 190 habitantes do concello en que estea.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 70% sobre o investimento subvencionable.

b) 44.000 euros para os centros comerciais abertos a que correspondan, por cada comercio asociado, entre 190 e 100 habitantes do concello en que estea.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 75% sobre o investimento subvencionable.

c) 27.800 euros para os centros comerciais abertos a que correspondan, por cada comercio asociado, menos de 100 habitantes do concello en que estea.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 80% sobre o investimento subvencionable.

Coa finalidade de potenciar o número de comercios asociados, así como de recoñecer o esforzo das entidades que dan servizo a un maior número de comercios, se establece a necesidade de modificar os tramos da devandita orde valorando tamén o volume de poboación destinataria das accións de dinamización e activación comercial levadas a cabo.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. O número 2 do artigo 2 do anexo I da Orde do 21 de maio de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013 e se procede á súa convocatoria (IN219A) (DOG número 104, do 1 de xuño de 2012), queda redactado como segue:

«2. Os investimentos máximos subvencionables e a contía da subvención que corresponda ás actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.1, atenderán ao seguinte criterio:

Os investimentos máximos subvencionables modularanse en tres tramos tendo en conta a relación existente entre as cifras oficiais de poboación dos concellos onde estean os centros comerciais abertos e o número de comercios asociados a estes, segundo os datos obtidos, respectivamente, do padrón municipal de habitantes vixente, publicado polo Instituto Galego de Estatística e do Rexistro Galego de Comercio.

Naqueles concellos en que exista máis dun centro comercial aberto, a poboación do concello será ponderada entre o número de centros comerciais abertos existentes.

O investimento máximo subvencionable e o importe da subvención para estas actuacións é de:

a) 57.150 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 100 comercios asociados, así como para os centros comerciais abertos situados en poboacións de menos de 14.000 habitantes que conten con máis de 80 comercios asociados.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 70% sobre o investimento subvencionable.

b) 44.000 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 60 comercios.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 75% sobre o investimento subvencionable.

c) 27.800 euros para os centros comerciais abertos que non estean comprendidos en ningún dos supostos recollidos nas alíneas a) e b) anteriores.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 80% sobre o investimento subvencionable.

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.2, é de 14.000 euros.

A porcentaxe de subvención acadará o 70% do investimento máximo subvencionable.

No entanto, as asociacións poderán solicitar, unha vez recibida a concesión da axuda, un anticipo de ata 25%, segundo o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de marzo, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da citada lei, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación ou, se for o caso, pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda».

Disposición adicional.

O prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 3.3 da Orde do 21 de maio de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-comercia 2010-2013 e se procede á súa convocatoria (IN219A) (DOG número 104, do 1 de xuño de 2012) empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta modificación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Disposición transitoria.

As solicitudes que xa foran presentadas conforme a redacción orixinaria do número 2 do artigo 2 das bases reguladoras (publicadas no DOG nº 104, do 1 de xuño) serán admitidas polo órgano instrutor; non obstante, aquelas que resulten afectadas pola presente modificación poderán optar entre manter a solicitude inicial ou achegar unha nova solicitude conforme a presente orde de modificación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria