Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 29 de xuño de 2012 Páx. 25972

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 15 de xuño de 2012 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Muíños (Ourense).

O Concello de Muíños remite o Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do establecido no artigo 85.5 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Muíños carece na actualidade de planeamento xeral municipal, polo que son de aplicación as Normas subsidiarias e complementarias de planeamento da provincia de Ourense aprobadas no ano 1991.

Por resolucións da Dirección Xeral de Urbanismo de datas 23 de xullo de 2007 (DOG do 24 de setembro) e 22 de outubro de 2007 (DOG do 15 de novembro), aprobáronse as delimitacións do solo do núcleo rural de Salgueiro, parroquia de Prado de Limia, e do núcleo rural de Maus, parroquia de Salas.

Por resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 17.6.2009 (DOG do 6 de agosto) aprobouse a delimitación do núcleo de Requiás, parroquia de Requiás.

I.2. Tramitación.

A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu no 23.5.2005 o informe previo á aprobación inicial do PXOM, ao abeiro do establecido no artigo 85.1 da LOUG.

Por Resolución do 19 de marzo de 2007 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, non se concedeu a inviabilidade do sometemento do PXOM ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

O Concello Pleno de Muíños, en sesión extraordinaria do 9 de maio de 2007, acordou outorgar a aprobación inicial ao PXOM.

Someteuse ao trámite de información pública mediante anuncios nos xornais La Región de 14.6.2007; La Voz de Galicia do 15.6.2007; e no DOG do 22.6.2007, e deuse audiencia aos concellos limítrofes de Lobeira, Lobios, Calvos de Randín, Bande e Porqueira.

Constan informes de:

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible de datas 20.8.2007 e 1.10.2007 sobre o procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18.10.2007, 17.4.2009 e 11.2.2010.

• Deputación Provincial de Ourense do 6.11.2007.

• Confederación Hidrográfica do Norte do Ministerio de Medio Ambiente, do 12.9.2007.

• Dirección Xeral de Obras Públicas do 11.1.2008.

O Concello Pleno de Muíños, en sesión do 23 de xullo de 2010, acordou continuar coa tramitación do PXOM en aplicación da disposición transitoria 1ª da Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da LOUG; resolver as alegacións; aprobar o ISA e o PXOM con modificacións (anexo IX) e adaptado á Lei 2/2010; abrir un prazo de consultas do ISA e de nova información pública do PXOM, mediante anuncios nos xornais La Región e La Voz de Galicia, e no DOG, todos de data 9.8.2010; e dar audiencia a todos os concellos limítrofes.

En data 20.8.2010, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informa sobre a innecesariedade do informe previsto na disposición adicional 1ª da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

En data 7.9.2010, a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental emite informe sobre a calidade ambiental do ISA.

O Concello Pleno do 8 de outubro de 2010 acordou aprobar o ISA con modificacións de calidade ambiental e someter a consultas ampliando o trámite de información pública do PXOM modificado, mediante anuncios nos xornais La Región e La Voz de Galicia, e no DOG, todos de 21.10.2010.

Consta a emisión dos seguintes informes:

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de datas 7.2.2010 e 8.2.2011.

• Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, en materia de telecomunicacións, de datas 18.10.2010 e 3.2.2011.

• Confederación hidrográfica do Miño-Sil, do Ministerio de Medio Ambiente, de datas 26.10.2010, 24.2.2011, 21.3.2011 e 25.4.2011.

• Deputación Provincial de Ourense, de data 21.1.2011.

• Concello de Lobeira, de data 19.1.2011.

• Deputación Provincial de Ourense, de data 24.1.2011.

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural, de data 14.3.2011, en materia de protección e conservación do patrimonio natural e da biodiversidade.

• Dirección Xeral de Infraestruturas da CMATI, de datas 11.7.2011 e 4.10.2011.

En data 26.7.2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aprobar a memoria ambiental do PXOM de Muíños.

Emitíronse informes municipais da arquitecta de data 17.10.2011 e do secretario-interventor en data 19.10.2011, previos á aprobación provisional, favorables sobre a conformidade do plan coa lexislación vixente e da calidade técnica da ordenación proxectada.

O Concello Pleno, en sesión do 22 de outubro de 2011, acordou aprobar provisionalmente o Plan Xeral que integra a memoria ambiental, e resolver as alegacións presentadas e a emisión dos informes sectoriais.

O documento foi remitido á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATI para resolver sobre a súa aprobación definitiva, téndose oficiado de integridade documental na data 27.1.2012.

Consta a emisión de informes da Consellería de Economía e Industria, en materia de dereitos mineiros, en data 24.2.2012; e da Consellería do Medio Rural, en materia de montes, en data 14.3.2012.

O documento anexo de correccións referidas á integridade documental do PXOM foi obxecto de aprobación polo Concello Pleno de 28 de marzo de 2012.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

De conformidade co Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban as directrices de ordenación do territorio, o concello de Muíños encádrase no cuarto grupo xerárquico dentro do sistema de asentamentos, nunha posición xeográfica limítrofe co concello de Bande, clasificado como «nodo de equilibrio territorial».

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Muíños se axusta no fundamental, aos criterios expresados na LOUG, que recoñece o sistema tradicional de asentamentos e establece para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, e prevendo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos e dotando a concello dunha ordenación propia para favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVESE:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Muíños, de acordo co establecido no artigo 85.7.a da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas