Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2012 Páx. 25021

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da L.A.T. 66 kV subestación Vimianzo-subestación P.E. Muxía, nos concellos de Vimianzo e Muxía (A Coruña), promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A. (clave 2006/0307).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental de Galicia, faise pública a Resolución do 18 de xaneiro de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do proxecto da liña L.A.T. 66 kV subestación Vimianzo-subestación P.E. Muxía, nos concellos de Vimianzo e Muxía (A Coruña), promovido pola empresa Desarrollos Eólicos, S.A. (Clave 2006/0307), formada polos seguintes documentos:

– Antecedentes.

– Declaración de impacto ambiental.

– Anexo I.

– Anexo II.

E que se transcriben como anexo a esta resolución.

A Coruña, 3 de maio de 2012

Susana Vázquez Romero Juan I. Lizaur Otero
Xefa territorial da Coruña Xefe de Servizo de Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 13 de abril de 2012, relativa ao proxecto da L.A.T. 66 kv subestación Vimianzo-subestación P.E. Muxía, nos concellos de Vimianzo e Muxía (A Coruña); promovido por Desarrollos Eólicos, S.A. (Clave 2006/0307)

Antecedentes

Por solicitude da sociedade Desarrollos Eólicos, S.A., a extinta Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña iniciou o procedemento de autorización administrativa do proxecto de execución dunha liña eléctrica de alta tensión a 66 kV entre a subestación de Vimianzo e a futura subestación compartida polos parques eólicos de Muxía (provincia da Coruña), cuxa finalidade é evacuar a enerxía que xeren os futuros parques eólicos de Muxía I e II, promovidos por Desarrollos Eólicos, S.A. no concello de Muxía (A Coruña).

Dentro do referido procedemento de autorización administrativa considerouse o proxecto, que está previsto no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Leí de avaliación de impacto ambiental de proxectos, como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

No anexo I resúmense as características básicas do proxecto e as características do medio natural recollidas no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor no marco do dito trámite de avaliación ambiental. No anexo II inclúese un bosquexo coa localización da liña.

Mediante Acordo do 16 de abril de 2009, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña (agora Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña), publicada no DOG nº 99, do 22 de maio, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que comprende a referida liña eléctrica. Durante o período de exposición pública constou a presentación de alegacións por parte de: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Félix Porto, como secretario xeral de UUAA de Soneira e Fisterra, Manuel Blanco Rial, como representante da Sociedade de Caza San Vicente, así como de propietarios de terreos afectados polo paso da liña, que no que respecta ao seu contido ambiental foron tidas en conta, no que procede, ao longo do condicionado da declaración.

Con data do 8 de febreiro de 2010 recíbese na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e lnfraestruturas o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública (anuncios e certificados de exposición ao público e copia das alegación presentadas) e os informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de lnfraestruturas, Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, Secretaría Xeral para o Turismo e do organismo Augas de Galicia. Non figura a emisión de informe por parte dos concellos de Vimianzo nin de Muxía.

O expediente contén, ademais, os documentos titulados: «Proposta de trazado da L.A.T. 66 kV D/C para a evacuación dos parques eólicos de Muxía (Muxía e Vimianzo, A Coruña). Estudo de impacto sobre o patrimonio cultural. Informe final. Agosto 2007» e «Anexo ao estudo de impacto ambiental L.A.T. 66 kV D.C. Sub. Vimianzo-P.E. Muxía. Decembro 2008».

Así mesmo, en relación coa documentación relativa ao impacto sobre o Camiño de Santiago, o expediente contén os documentos: «2º modificado ao proxecto de execución L.A.T. 66 kV sub. Vimianzo-P.E. Muxía. Soterramento no cruzamento co Camiño de Santiago. Concello de Muxía (A Coruña). Xaneiro 2011», «Valoración ambiental: 2° modificado ao proxecto de execución L.A.T. 66 kV sub. Vimianzo-P.E. Muxía. Soterramento no cruzamento co Camiño de Santiago. Concello de Muxía (A Coruña). Febreiro 2011» e «Análise do impacto paisaxístico sobre o Camiño de Santiago («Camiño da Costa») da liña de alta tensión Muxía-Vimianzo (A Coruña). Novembro 2010», como resposta á necesidade de adaptar o cruzamento da liña co Camiño de Santiago aos requisitos de protección dos bens culturais exixidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Sobre este modificado emitiu informe favorable a dita dirección xeral, recibido con data do 27 de xuño de 2011.

Por último, con data do 11 de abril de 2012, recíbese un segundo informe da Secretaría Xeral para o Turismo que completa o expediente ambiental.

As declaracións de impacto ambiental do modificado do Parque Eólico Muxía I e do modificado do Parque Eólico Muxía II foron formuladas pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ambas con data do 5 de abril de 2011.

Cumprida a tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto da L.A.T. 66 kV subestación Vimianzo-subestación Parque Eólico Muxía, nos concellos de Vimianzo e Muxía (A Coruña), promovido por Desarrollos Eólicos, S.A.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, e non poderán comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ao proxecto dunha liña eléctrica de alta tensión a 66 kV con orixe na subestación existente de Vimianzo e final na subestación proxectada dos parques eólicos de Muxía I e Muxía II, cuns 17.487 metros de lonxitude total.

Segundo a documentación do expediente, o tendido consta de dous tramos soterrados, o primeiro de 343 metros de lonxitude desde a saída da subestación de Vimianzo ata o apoio de paso aero-subterráneo (n° 1) do tramo aéreo, o segundo discorrerá entre os apoios nº 70 e nº 71 con 156 metros de lonxitude, no cruzamento co Camiño de Santiago, dividindo en dous o tramo aéreo, que terá unha lonxitude total de 16.988 metros con condutor LARL-380 sobre apoios metálicos en celosía.

O trazado da liña discorrerá polos concellos de Vimianzo e Muxía (A Coruña) conforme o reflectido no plano titulado «lnfraestruturas proxectadas. DP02» do estudo de impacto ambiental, agás no indicado no plano titulado «Variante apoio 47. 23_2006.01» do anexo ao estudo de impacto ambiental, e no plano denominado «Trazado. EL0260102 P02» do documento «2° modificado ao proxecto de execución L.A.T. 66 kV sub. Vimianzo-P.E. Muxía. Soterramento no cruzamento co Camiño de Santiago. Concello de Muxía (A Coruña). Xaneiro 2011».

2. Protección da atmosfera.

Os niveis de presión sonora debidos á construción e ao funcionamento da liña cumprirán coa normativa vixente tendo en conta, de ser o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

1. Extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas en que se poida afectar a rede hidrolóxica ou zonas hidromorfas, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, ademais das indicadas no estudo de impacto ambiental. Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

2. Procurarase realizar a execución das obras nos períodos de seca de xeito que as condicións naturais dos ríos se vexan inalteradas. Evitarase en todo momento realizar verteduras á rede fluvial (superficial ou soterrada), propugnándose medidas de protección das augas como barreiras de retención de sedimentos durante a fase de obras e balsas de decantación para a fase de explotación.

3. Lémbrase que toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na súa zona de servidume e policía (colocación de apoios, accesos ao trazado, realización de cruzamentos tanto aéreos como subterráneos etc.), así como captacións de carácter temporal ou permanente, ou verteduras se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, Augas de Galicia.

Neste sentido, deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril, e posteriores modificacións), así como na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa que resulte de aplicación.

Así mesmo, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

4. Calquera afección que se poida producir sobre os sistemas fluviais e o seu contorno debe ser eliminada de modo que se garanta a súa protección e consideración. É salientable, a este respecto, que ademais das proteccións derivadas das lexislacións de pesca e augas continentais, hai que engadir a Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, conservación e a mellora dos ríos galegos, a cal declara como prioridade xeral na Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, incluíndo a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado.

5. Non se afectarán, ou de ser o caso terán que ser repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopan na área de influencia das obras. Deberán solicitarse os pertinentes permisos para actuacións relacionadas coas ditas redes.

Así mesmo, respectaranse as fontes e mananciais existentes na zona, podendo ser parcialmente encanado o seu curso se resulta necesario para a execución das obras. De xurdir afloramentos de augas subterráneas, serán conducidos a ceo aberto (sempre que as obras definitivas o permitan) cara ás correntes superficiais máis próximas.

6. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de forte pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias, enchentes ou escorrega superficial.

7. Calquera operación de formigonado próxima aos leitos dos ríos deberase realizar en condicións que eviten o derramamento de formigón e a contaminación das augas. Así mesmo, non está permitido o lavado de maquinaria e ferramenta nos cursos de auga.

4. Protección do solo.

1. Realizarase unha delimitación das zonas de obra, que se axustarán ao establecido nesta declaración, e estará prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase aos accesos e, de ser o caso, á rúa de seguridade.

2. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas…) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

3. Nos terreos de forte pendente utilizaranse apoios con patas desiguais co fin de minimizar o terreo afectado polas escavacións e minimizar a aparición de desmontes e terrapléns. Así mesmo, disporanse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

4. Para a localización das zonas destinadas ao amoreamento de materiais, parque de maquinaria, casetas de obra, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionaranse lugares de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastados de calquera curso de. auga ou área de protección arqueolóxica.

5. No caso de deterioración de estradas, camiños, pistas ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de instalación ou mantemento da liña, deberán restituírse ao estado previo ao inicio das obras. Os elementos que constitúen a liña non poderán supoñer un obstáculo para o normal uso das devasas que poidan existir na zona.

6. A realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, no que se refire ao uso e defensa destas (realización de cruzamentos, distancias dos apoios ás arestas de esplanación...).

7. No referente aos accesos ao trazado, no estudo de impacto ambiental indicarase que o acceso aos puntos de apoio se realizará empregando as vías existentes ou a través da rúa de seguridade, polo que non se prevé a necesidade de realizar accesos de nova execución.

5. Xestión de residuos.

Todos os residuos que se xeren como consecuencia da instalación, mantemento e, de ser o caso, desmantelamento da liña deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

1. Respecto á protección de avifauna fronte a colisións e electrocucións deberá terse en conta, no que resulte de aplicación, o Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión (BOE n° 222).

Neste sentido, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estipula, así mesmo, que ao longo do trazado aéreo da liña se adoptarán medidas anticolisión para a avifauna, que se deberán manter operativas durante toda a vida útil da liña (para o cal se efectuarán as pertinentes revisións periódicas) e deberase proceder á súa substitución cando perdan a súa funcionalidade.

2. Previamente aos labores de corta de arboredo para a instalación de apoios ou a apertura de rúa de seguridade verificarase a ausencia de avifauna nidificante de interese nos pés implicados. En caso de presenza, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor.

En especial, atenderase á presenza de aves rapaces (na zona inventariáronse varias especies, tanto diúrnas como nocturnas, como por exemplo: miñato Buteo buteo, azor Accipiter gentilis, gabián Accipiter nisus, lagarteiro común Falco tinnunculus...) ou calquera outra especie que conte con figuras legais de protección ou apareza recollida en listaxes ou libros vermellos que poñan de manifesto a importancia da súa conservación.

3. Así mesmo, dado que entre as aves rapaces inventariadas na zona figura a gatafornela Circus cyaneus e a tartaraña cincenta Circus pygargus (catalogadas como vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas), que nidifican sobre o solo en ambientes mixtos de matogueira e cultivos e, polo tanto, son susceptibles de verse afectadas polas obras da liña, previamente aos labores de roza da matogueira levaranse a cabo as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección directa da instalación.

No caso de detectarse a súa nidificación na zona afectada polas obras, adoptaranse as medidas oportunas para que poidan finalizar con éxito o período reprodutor, incluíndo o establecemento dun perímetro de exclusión duns 500 m de raio en torno ao niño, onde se evitará calquera actuación ata a finalización do período reprodutor (podendo continuar coas obras noutro tramo da liña) e outro perímetro de seguridade de 500 m, onde se limitarán ao máximo as actuacións para garantir a tranquilidade das aves.

4. Non obstante o anterior e con carácter xeral, para levar a cabo os labores de corta e roza de ·vexetación. na rúa de seguridade, así como as tarefas de mantemento periódico, escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións (en especial se contan con algunha figura de protección legal e tendo en canta, en todo caso, o artigo 9 do antedito Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto), implantando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.

5. En canto ao seguimento das posibles afeccións, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de colisións e electrocucións de aves co tendido, así como identificar posibles tramos e/ou apoios problemáticos neste sentido. Para tal fin, o promotor deberá contar cun plan de seguimento da incidencia da liña sobre a avifauna, redactado por técnicos competentes, en cuxa elaboración se terán en conta as indicacións do punto 9.2. da DIA.

No caso de que se detecte unha incidencia negativa sobre as súas poboacións, adoptaranse as medidas necesarias para corrixir esa situación (aumentar o número de dispositivos salvapaxaros ou cambiar a súa tipoloxía, instalación de disuasores de pausada, illamento de condutores etc.)

Asemade, efectuarase un seguimento da posible aparición de efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna entre a liña e os parques eólicos aos que dará servizo, mediante a valoración conxunta dos resultados dos seus respectivos plans de seguimento de avifauna; deberanse que adoptar as medidas oportunas no caso de detectarse a aparición deste tipo de efectos.

6.2. Sobre a vexetación e hábitats naturais.

1. A zona onde se proxectan as instalacións non conta actualmente con ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais, cruza unha zona húmida recollida no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia con nome de «Enseada do Merexo», que segundo indica o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, non sufrirá alteracións significativas. De todos modos, a este respecto, adoptaranse as medidas pertinentes para que esa zona húmida manteña o seu estatus actual.

2. En relación coa presenza de hábitats de interese comunitario detectados e segundo deriva do informado pala Dirección Xeral de Conservación da Natureza, non se prevé unha deterioración significativa deles. O máis abundante sería o 4030 «Breixeiras secas europeas» ainda que tamén hai representación do hábitat 3110 «Augas oligotróficas con contidos de minerais moi baixo de chairas areosas (Littorelletalia uniflorae)».

En particular, en relación cos hábitats prioritarios, sinálase que a liña atravesaría ao longo do seu trazado algunha representación do hábitat 4020* «Breixeiras atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetrafix» e do hábitat 91EO*«Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior», este último nunha baixa representatividade dentro da vexetación de ribeira presente nos cursos fluviais cruzados pola liña.

No obstante, en consonancia co dito informe, no desenvolvemento do proxecto teranse en conta as seguintes medidas, sen detrimento das propostas na documentación avaliada:

– Os hábitats naturais prioritarios deberán preservarse integramente adoptando as medidas precisas para evitar calquera deterioración directa ou indirecta sobre eles.

– Deberá manterse intacta a vexetación de ribeira existente evitando calquera afección sobre as formacións arbóreas autóctonas, así como as comunidades asociadas á estrutura interna e externa do río. Facilitarase a conectividade da canle coas súas ribeiras e en ningún caso alterarase a zona de servidume.

– Atendendo ao punto 3 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, relativo ás medidas necesarias para evitar a deterioración ou a contaminación dos hábitats fóra da Rede Natura 2000, deberanse adoptar as medidas precisas coa finalidade de realizar unhas obras coas mínimas afeccións ambientais sobre os hábitats de interese comunitario, entre elas as que figuran na documentación avaliada e as establecidas ao longo desta DIA. Non obstante, deberá extremarse o mantemento das formacións arbóreas caducifolias, tanto pola súa importancia ecolóxica intínseca, como pola súa escaseza no contorno.

– Será obxecto de especial atención o endemismo Centaurea corcubionensis, no referente á posible presenza de exemplares no ámbito de actuación do proxecto.

– De acordo co anterior estimase conveniente facer unha prospección previa a calquera actuación que detecte a presenza de especies e hábitats protexidos pola lexislación vixente, adoptando as medidas precisas para a súa preservación. Así mesmo, de atoparse especies protexidas pola lexislación vixente, deberán ser respectadas sen alterar o seu hábitat, comunicando o seu achado ao Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial da Coruña. En todo caso, o inicio das obras nestas zonas·deberá ser comunicado polo promotor coa suficiente antelación ao devandito servizo.

– Previamente á execución das obras delimitaranse fisicamente as zonas de actuación, co fin de minimizar posibles afeccións. Nestas zonas prestarase especial atención ao control do tránsito de maquinaria, reducíndoo ao mínimo imprescindible para a execución das obras.

3. A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.

4. Respectarase ao máximo posible a vexetación arbórea existente na área de implantación da liña, en especial as formacións de frondosas autóctonas, así como a vexetación de ribeira.

En calquera caso, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demais normativa de aplicación. No caso de necesidade xustificada de corta de vexetación de ribeira, aplicarase o disposto na lexislación vixente de aplicación, e deberase solicitar os correspondentes permisos.

5. As especies arbóreas autóctonas que vaian ser afectadas pola execución da liña e que se atopen en boas condicións sanitarias e fisiolóxicas terán que ser trasplantadas a outras zonas sempre que sexa posible, ben para o seu uso nos labores de restauración e revexetación, ben como enriquecemento das asociación existentes. Os trasplantes realizaranse fóra do período vexetativo e adoptando as medidas necesarias (tanto no relativo á elección do lugar de asentamento como aos tratamentos culturais) para que a árbore poida arraigar e prosperar.

6. En relación coa apertura e mantemento da rúa de seguridade da liña, teranse en conta as seguintes consideracións:

– A rúa de seguridade deberá estar limpa en todo momento de vexetación incompatible coa liña. As dimensións mínimas da rúa determinaranse en función da lexislación sectorial aplicable; non obstante, e dependendo da topografía do terreo, dos ventos e do tipo de vexetación existente, a largura determinarase de xeito que se minimice o risco de lumes nestas zonas e, de producirse estes, se impida a súa propagación e se faciliten as tarefas de extinción.

– Neste sentido, recoméndase realizar unha silvicultura preventiva, preferentemente a realización de áreas devasa nas zonas estremeiras coa rúa, polo que o promotor ou titular da liña deberá establecer as servidumes da suficiente amplitude para poder realizar sen contratempos os devanditos labores. No desenvolvemento destes labores primarán os criterios técnicos e o respecto á bioloxía das especies implicadas.

– Como excepción ao exposto nos parágrafos anteriores deberase respectar ou reducir a afección ao mínimo imprescindible, a vexetación de ribeira e outras árbores e rodeiras singulares, así como as especies autóctonas, singulares e/ou protexidas, de ser o caso.

Neste sentido, extremaranse as precaucións na execución dos cruzamentos sobre a rede fluvial para salvagardar a vexetación de ribeira existente nalgúns dos cursos fluviais sobrevoados pola liña, como por exemplo no Río Negro e Rego de Bouzas, así como nas zonas onde a liña atravese formacións de frondosas autóctonas.

Para o cumprimento desta premisa, e en consonancia co indicado no estudo de impacto ambiental, ademais de incorporar criterios ambientais no manexo da vexetación arbórea, naqueles puntos onde o trazado atravese formacións arbóreas de interese considerarase a opción de sobreelevar os apoios e tensar os condutores ao máximo tecnicamente posible para que alcancen unha maior altura sobre o arborado e evitar así a corta ou poda de exemplares.

Nas zonas onde a liña atravese formacións de frondosas autóctonas, axustarase o largo da rúa ao mínimo exixible pola lexislación sectorial, dando lugar a unha rúa de largo variable.

– De todos os xeitos, as accións baixo a liña consensuaranse coas subdireccións xerais de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais e de Espazos Naturais e Biodiversidade.

7. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

8. Disporanse as medidas necesarias para eliminar riscos de incendios tanto na fase de obras como na de funcionamento da liña.

7. Protección do patrimonio cultural.

Con respecto á protección do Patrimonio Cultural e en particular do Camiño de Santiago, observarase o indicado no estudo de impacto ambiental xunto co documento «Proposta de trazado da L.A.T. 66 kV D/C para a evacuacion dos parques eólicos de Muxía (Muxía e Vimianzo, A Coruña). Estudo de impacto sobre o patrimonio cultural. Informe final. Agosto 2007» e na separata: «Valoración ambiental: 2° Modificado o proxecto de execución. Separata Dirección Xeral de Patrimonio Cultural L.A.T. 66 kV sub. Vimianzo. P.E. Muxía. Soterramento no cruzamento co Camiño de Santiago», que conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, cos seguintes condicionantes:

– Como medidas correctoras das obras, realizarase o control arqueolóxico durante as fases de execución de obras vinculadas ao proxecto que comporten movementos e remocións de terras. Este tipo de actuacións reunirán os requisitos do Decreto 199/1997, do 1O de xullo, e requiren de autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, logo de presentación dun proxecto redactado por un técnico competente no Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

– Deberá realizarse unha reportaxe fotográfica pormenorizada do desenvolvemento dos traballos, que será incorporada na memoria técnica que o arqueólogo director deberá entregar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Os resultados das intervencións arqueolóxicas poderán condicionar as obras, así como o establecemento de novas medidas protectoras e correctoras en relación coa conservación e revalorización do Camiño de Santiago.

8. Integración paisaxística e restauración.

1. Todas as superficies alteradas ou deterioradas pala execución das obras (instalación dos apoios etc.) deberán ser restauradas e revexetadas en función do tipo de terreo de que se trate, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levaranse a cabo as actuacións de restauración e revexetación propostas no estudo de impacto ambiental, coas seguintes consideracións:

– Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, na medida do posible, conforme as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de favorecer a súa integración paisaxística o máis pronto posible.

– Todas as especies que se vaian empregar na restauración deberán ser autóctonas e existentes na zona, compatibles co hábitat en que se vaian implantar e compatibles entre si, co obxecto de maximizar o éxito da restauración.

– No caso de precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, e deberá proceder de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas.

No que respecta á sementeira, empregarase unha mestura de herbáceas e arbustivas cuxa dose será como mínimo de 30 g/m2 (300 kg/ha). A proporción de cada grupo de especies na mestura axustarase, con carácter xeral, ás seguintes porcentaxes: 70% para o conxunto de gramíneas, 15% para as leguminosas e 15% para as arbustivas.

Garantirase o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.

2. No caso de que a liña quedase definitivamente fóra de servizo (por finalización da vida útil dos parques a que presta servizo ou por calquera outra causa), ao longo da fase de abandono levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para desmantelala e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación. Con carácter xeral, preverase a desmontaxe e retirada de apoios, illadores e condutores, demolición de peanas en superficie, .restitución de terreas e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

9.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Para tal fin, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

a) Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

b) No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feíto en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

c) Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración de impacto ambiental, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo, que o comunicará ao órgano ambiental.

9.2. Aspectos específicos.

Na elaboración e posterior desenvolvemento do plan de seguimento de avifauna a que se fai referencia no punto 6.1 da DIA, teranse en conta as seguintes consideracións:

a) Deberanse prever os estudos previos necesarios para coñecer con máis detalle os efectivos poboacionais, as zonas de cría, alimentación, durmidoiros, rutas de paso migratorio e usos do hábitat na zona, co obxecto de detectar posibles cambios nestes aspectos producidos pola instalación da liña eléctrica. Esta fase preoperacional abranguerá as actuacións de seguimento en fase previa e durante a execución das obras.

b) Para a fase operacional (de funcionamento), conterá unha descrición detallada e xustificada da metodoloxía para o seguimento da incidencia da liña sobre a avifauna, que deberá realizarse durante toda a vida útil da liña, variando a intensidade en función dos resultados, detallando os controis que se efectuarán e a súa frecuencia, incluíndo a caracterización do comportamento das aves fronte á L.A.T. (estudo de voo que caracterice a frecuencia, variación horaria, variación estacional, altura e traxectoria dos movementos das aves na zona da liña), o control de mortaldade por colisión e electrocución e o control de posibles nidificacións nos apoios.

c) Describirase a metodoloxía para a estimación de índices de colisión e electrocución e a súa variación estacional, de ser o caso, xunto cunha valoración da posible distorsión nos resultados polo diferente esforzo de mostraxe, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición de cadáveres por necrófagos, definindo os factores de corrección para corrixir as posibles desviacións.

d) A periodicidade das visitas de comprobación terá en conta a fenoloxía das especies sedentarias, invernais e migratorias. Con carácter xeral, no tocante ás visitas para a detección de aves mortas por colisión/electrocución, cumprirase co indicado no estudo de impacto ambiental. No caso de que se efectúen experimentos para o cálculo dunha taxa de desaparición de cadáveres propia para a zona, ou en función dos resultados obtidos tras dous anos continuados de seguimento, poderase revisar a dita frecuencia. Así mesmo, en función dos resultados dos estudos previos, valorarase a conveniencia de que a dita frecuencia sexa quincenal en época de paso migratorio e de dispersión de xuvenís, sobre todo de aves rapaces, que presentan maior vulnerabilidade nesta fase.

e) Respecto á metodoloxía, en cada visita percorrerase como mínimo un tramo equivalente ao 10% da lonxitude da liña. A banda de prospección será de 25 m a cada lado da liña. Nestas visitas tamén se anotarán, de existiren, as colisións de morcegos, e incluiranse eses datos nos informes do plan de vixilancia ambiental.

f) Definición cuantitativa e cualitativa de limiares de risco por colisión, electrocución e/ou aparición de efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas, xustificando o método para a súa determinación. Na definición dos limiares deberán considerarse referencias normativas, catálogos ou listas vermellas actualizadas, entre elas o Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, modificado polo Decreto 167/2011, do 4 de agosto, e a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

g) Definiranse as medidas protectoras e/ou correctoras que se deban adoptar en función das situacións de risco que puideran detectarse.

h) Método de rexistro, tratamento e presentación dos resultados obtidos, detallando a periodicidade, estrutura e contido dos informes, que como mínimo incluirán unha epígrafe introdutoria (indicando datas e descrición das campañas efectuadas), outra cos datos e resultados obtidos e unha de valoración, discusión e conclusións finais.

9.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, a quen lle corresponde o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión –de ser o caso– do responsable do control do seguimento ambiental.

Un exemplar en soporte dixital de todos os informes deberá ser remitido ao órgano ambiental para a súa constancia no expediente.

9.3.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras co seguinte contido mínimo:

a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

b) Informe onde se detallen os resultados do seguimento efectuado de acorde co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e de todos aqueles controis que deriven do cumprimento do condicionado desta declaración (avifauna, hábitats naturais etc.). O informe reflectirá o cumprimento da declaración en relación con todos os aspectos incluídos nela.

e) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación con todos os compoñentes do proxecto. Xuntaráselle unha reportaxe fotográfica (con indicación de data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano de planta, a escala 1:20.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade respecto do total.

9.3.2. Ao final das obras, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará un informe fin de obras que, como mínimo, inclúa:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, así como un resumo do seguimento ambiental efectuado ao longo da fase de obras, medidas protectoras e correctoras adoptadas (tanto as que figuran na documentación avaliada como as derivadas desta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra etc., descrición detallada do estado final da área afectada, en relación con todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os apoios, estado da rúa de seguridade, limpeza da área, zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras, tramos con salvapaxaros, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, e xuntarase dun plano de localización.

c) Plano de planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflictan todas as accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados, así como as zonas onde se adoptaron medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias.

9.3.3. Iniciada a posta en servizo da liña, o promotor presentará, con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos do seu funcionamento e anual os seguintes, un informe en fase de funcionamento co seguinte contido mínimo:

a) Resultados do plan de seguimento de avifauna e do control do estado dos dispositivos salvapaxaros instalados, tendo en conta o sinalado no punto 6.1 da DIA.

b) Informe, xunto con reportaxe fotográfica, en que se recollan os resultados dos labores de restauración efectuados, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado da rúa de seguridade, tarefas de mantemento periódico, etcétera. Detallaranse os controis ambientais efectuados para verificar a eficacia e evolución de todas as medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do sinalado no estudo ambiental e no condicionado da declaración. Nas fotografías indicarase a data e hora, e xuntarase un plano de localización.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento, ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase revisar, se é o caso, o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se vaian realizar en anos posteriores.

9.3.4. Informe previo ao abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da liña, o promotor remitirá ao órgano substantivo un documento técnico onde se detallen todas as actuacións previstas para o cumprimento do sinalado no punto 8.2 da DIA, xunto cun cronograma estimado dos traballos de desmantelamento e abandono.

9.3.5. Informe posterior ao abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono da liña, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

10. Outras condicións.

1. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración, de acordo ca disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, a cantidade de 54.797,44 €, dos cales 23.484,62 € corresponden á fase de obras e 31.312,82 € á fase de desmantelamento e abandono da liña.

2. De acordo co establecido na normativa ambiental, o promotor deberá comunicar a esta secretaría xeral, a través do órgano substantivo, as datas de inicio de obras e de posta en servizo da liña eléctrica.

3. Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto respecto do previsto na presente DIA, deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos significativos sobre o ambiente, deberá ser notificado previamente a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, e comunicará, de ser o caso, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

4. O órgano ambiental deberá ser informado, a través do órgano substantivo, de calquera cambio de titularidade que se produza na instalación.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2012

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I
Resumo do proxecto e do medio natural

O proxecto consistirá na definición das instalacións necesarias para a construción dunha liña eléctrica de alta tensión a 66 kV, con orixe na subestación existente de Viminazo e final na subestación proxectada dos parques eólico de Muxía I e Muxía II, cuns 17.487 metros de lonxitude total.

Segundo a documentación do expediente, o tendido consta de dous tramos soterrados, o primeiro de 343 metros de lonxitude en dobre circuíto e condutor R.H.Z.1 36/66 1×630 mm², desde a saída da subestación de Vimianzo ata o apoio de paso aero-subterráneo (n° 1) do tramo aéreo; o segundo discorrerá entre os apoios n° 70 e n° 71, con 156 metros de lonxitude e condutor tipo R.H.Z.1-RA+20L(S) 36/66 kV 1×AI800+H165, dividindo en dous o tramo aéreo, que terá unha lonxitude total de 16.988 metros con condutor LARL-380 e cable de terra OPGW 2.48 FO, sobre apoios de aceiro en celosía.

O trazado da liña discorrerá polos concellos de Vimianzo e Muxía, na provincia da Coruña.

A construción da subestación transformadora 30/66 kV para a evacuación da enerxía eléctrica dos parques eólicos Muxía I e Muxía II, está prevista no proxecto dos devanditos parques, que compartirán esta infraestrutura. Ambos os parques eólicos contan coa súa respectiva DIA, ambas do 5 de abril de 2011 (publicadas no DOG do 15 de xullo).

As cotas polas que discorre o trazado da liña oscilan entre os 50 metros da zona coñecida como As Bañas, no concello de Muxía, e os 380 metros á chegada á subestación de Vimianzo.

Segundo o indicado no estudo de impacto ambiental, a maior parte da superficie vexetada dentro da área de estudo considerada está ocupada por tipos estruturais que son consecuencia da intervención humana: bosques de plantación (43%), onde a especie máis abundante é o Eucalyptus globulus e áreas agrícolas e prados artificiais (14%). O bosque representa o 27% da superficie de estudo, sendo a maioría das especies alóctonas, en especial Pinus pinaster. Un 3,5% da superficie está ocupada por Salix spp. e correspondería aos bosques de ribeira, que se conservan formando galerías en ríos e regatos.

ANEXO II
Localización do trazado da liña

missing image file