A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á nosa Comunidade Autónoma as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en todos os niveis e graos, modalidades e especialidades, consonte os preceptos emanados da Constitución e das leis que lle sexan de aplicación, competencias que foron asumidas polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro, e asignadas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no seu artigo 2.
No marco destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten o propósito de actualizar a cualificación dos cidadáns e das cidadás e persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional dar unha resposta puntual e adecuada ás necesidades de formación profesional provenientes do mundo produtivo.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 39.2 que a formación profesional, no sistema educativo, ten por finalidade preparar os alumnos e as alumnas para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que se poden producir ao longo da súa vida.
Así mesmo, no seu artigo 41 establécese que o alumnado que supere os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial terá acceso aos ciclos formativos de grao medio se o deseño dos módulos obrigatorios garante a formación necesaria para o devandito acceso.
A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas. A Lei establece como un dos fins do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos seus destinatarios, consonte as necesidades de cualificación do mercado laboral e as expectativas persoais de promoción profesional.
O Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, determina no artigo 5 que todas as disposicións recollidas no Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, con excepción da disposición adicional sétima, serán de aplicación no curso 2014-2015. Así mesmo, establece que os ciclos formativos de grao medio e grao superior cuxa implantación estea prevista para o curso escolar 2012-2013 implantaranse no curso escolar 2014-2015. Ademais, determina que as administracións educativas poderán anticipar a implantación das medidas que consideren necesarias nos cursos anteriores.
O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, establece no capítulo V as vías para obtención dos títulos de formación profesional e os réximes e modalidades das ofertas de formación profesional.
Neste contexto, a necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta educativa dos centros xustifica a súa revisión periódica, de xeito que o alumnado que remate o ensino secundario obrigatorio ou o bacharelato, así como as persoas adultas, posúan unha oferta de ciclos formativos de graos medio e superior diversificada e adaptada ás súas necesidades e ás demandas do mercado laboral.
De acordo coas competencias que ten conferidas, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1
Actualízase a oferta educativa dos ciclos formativos de formación profesional polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial, a partir do curso 2012-2013, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo se relaciona no anexo desta orde. O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80% os gastos de funcionamento e de profesorado naqueles ciclos formativos relacionados coa sociedade da información e da comunicación.
Artigo 2
Requírese un número mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas de primeira opción por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior, no prazo ordinario de presentación de solicitudes a que se refire o artigo 11.1 da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas. Un número menor de solicitudes require a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza e, mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar ningunha matrícula. A condición do número mínimo de alumnado débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa preinscrición.
Artigo 3
Naqueles centros en que estean autorizados dous grupos do mesmo ciclo deberán cubrir o total de prazas do primeiro grupo antes de pór en funcionamento o segundo grupo. Neste caso terase en conta o número mínimo de doce ou oito solicitudes segundo se indica no artigo anterior.
Disposicións adicional única
Modificación da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.
Modifícase o punto 1 do artigo 3, que queda redactado nos seguintes termos:
«1. A distribución dos postos escolares dispoñibles nos centros docentes públicos e nos privados concertados aterase aos seguintes criterios:
– Acceso aos ciclos formativos de grao medio:
a) O 70% dos postos escolares ofreceráselles ás persoas que cumpran algún dos requisitos para o acceso directo que se recollen nos puntos 1 e 2 do artigo 5 desta orde.
b) O 20% dos postos escolares ofreceráselles ás persoas que superasen os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial, consonte o establecido no artigo 41 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
c) O 10% restante ofreceráselle a quen teña superada a proba a que se refiren os puntos 3 e 4 do artigo 5 desta orde.
d) Quen cumpra simultaneamente algún dos requisitos anteriores de acceso aos ciclos formativos de grao medio deberá presentar a solicitude pola reserva coa maior porcentaxe de postos escolares en que cumpra o requisito de acceso. De non o facer, será excluído do proceso de admisión.
e) No caso de non se cubrir a reserva nalgunha das opcións, as vacantes adxudicaranse ao resto das reservas.
– Acceso aos ciclos formativos de grao superior:
a) O 80% dos postos escolares ofreceráselles ás persoas que cumpran algún dos requisitos para o acceso directo que se recollen nos puntos 1 e 2 do artigo 6 desta orde.
b) O 20% restante ofreceráselle a quen teña superada a proba a que se refiren os puntos 3 e 4 do artigo 6 desta orde.
c) Quen cumpra simultaneamente os requisitos de acceso directo aos ciclos formativos de grao superior e os de acceso mediante proba non poderá presentar a solicitude de acceso mediante proba. De o facer, excluirase do proceso de admisión.
d) No caso de non se cubrir a reserva nalgunha das opcións, as vacantes adxudicaranse a outra reserva».
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e á Secretaría Xeral para que adopten as medidas precisas para a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2012
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria