Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2012 Páx. 23530

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de xuño de 2012 pola que se actualiza a oferta modular polo réxime de persoas adultas nas modalidades presencial, semipresencial e a distancia de ciclos formativos de formación profesional en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2012-2013.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á nosa comunidade autónoma as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en todos os niveis e graos, modalidades e especialidades, consonte os preceptos emanados da Constitución e das leis que lle sexan de aplicación, competencias que foron asumidas polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro, e asignadas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no seu artigo 2.

No marco destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co propósito de actualizar a cualificación dos cidadáns e das cidadás, persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional o de dar unha resposta puntual e axeitada ás necesidades de formación profesional provenientes do mundo produtivo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 5.1º que todas as persoas deben ter a posibilidade de se formar ao longo da vida, dentro e fóra do sistema educativo, co fin de adquiriren, actualizaren, completaren e ampliaren os seus coñecementos, así como as súas capacidades, habilidades, aptitudes e competencias, para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Ademais, o artigo 5.2º establece que o sistema educativo ten como principio propiciar a educación permanente. Para tal efecto, debe preparar o alumnado para aprender por si mesmo e débelles facilitar ás persoas adultas a súa incorporación ás ensinanzas, favorecendo a conciliación da aprendizaxe coas outras responsabilidades e actividades.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas. A lei establece como un dos fins do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional o de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos seus destinatarios, consonte as necesidades de cualificación do mercado laboral e as expectativas persoais de promoción profesional.

O Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, determina no artigo 5 que todas as disposicións recollidas no Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, con excepción da disposición adicional sétima, serán de aplicación no curso 2014-2015. Así mesmo, establece que os ciclos formativos de grao medio e grao superior cuxa implantación estea prevista para o curso escolar 2012-2013 implantaranse no curso escolar 2014-2015. Ademais determina que as administracións educativas poderán anticipar a implantación das medidas que consideren necesarias nos cursos anteriores.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia establece no capítulo V as vías para obtención dos títulos de formación profesional e os réximes e modalidades das ofertas de formación profesional.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 5 que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas de formación profesional ás peculiaridades e características das persoas adultas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta a oferta de ciclos formativos polo réxime para as persoas adultas, de xeito parcial por módulos, consciente de que esta modalidade facilita a cualificación profesional, xa que ofrece a posibilidade de abordar a realización dun ciclo formativo con máis flexibilidade, e permite dar resposta ás demandas que suscitan o mercado laboral e os colectivos específicos. Para unha resposta máis axeitada aos cambios que se produzan, é aconsellable que a autorización dos ciclos formativos de xeito modular se realice para cada ano académico.

De acordo coas competencias que ten conferidas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1

Actualizar a oferta modular, polo réxime de persoas adultas, nas modalidades presencial, semipresencial e a distancia, de ciclos formativos de formación profesional en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2012-2013, segundo se relaciona no anexo desta orde, que serán cofinanciados polo Fondo Social Europeo nun 80% para gastos de funcionamento e de profesorado.

Artigo 2

Na modalidade presencial, exixir un mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas de primeira opción por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos módulos profesionais de grao medio ou superior, no prazo ordinario de presentación de solicitudes a que se refire o artigo 11.1 da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas. Na modalidade semipresencial e a distancia a autorización quedará condicionada a que exista un número mínimo de vinte solicitudes de matrícula no módulo correspondente. Un número menor de solicitudes require a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza, e mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar matrícula ningunha. A condición do número mínimo de solicitudes débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa solicitude de admisión.

Disposición adicional. Ampliación da oferta do réxime de persoas adultas coas prazas vacantes no réxime ordinario

1. As prazas que resulten vacantes, logo de finalizadas as correspondentes fases de admisión e matrícula polo réxime ordinario, poderán ser ocupadas en réxime de persoas adultas. Para estes efectos, amplíase a oferta modular, polo réxime de persoas adultas, de ciclos formativos de formación profesional, en todos os centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan autorizada a oferta polo réxime ordinario para o ano académico 2012-2013.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e a Secretaría Xeral Técnica para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file