Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2012 Páx. 22934

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como de aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2011/170-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: Travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T., R.B.T. barrio Portela-Outide.

Situación: Redondela.

Descricións técnicas: L.M.T. subterránea a 15 kV con condutor R.H.Z. de 81 metros de lonxitude, con orixe na L.M.T. Ventosela 11 (RED711) e final no C.T. proxectado. Centro de transformación de 160 kVA, R.T. 15 kV/400-230 V, situado nun terreo particular no lugar da Portela, Cedeira, Redondela. Dúas redes de baixa tensión, unha subterránea de 72 metros e unha aérea de 102 metros.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 20 de xullo de 2011, no BOP do 26 de xullo de 2011, no xornal Faro de Vigo do 22 de xullo de 2011 e no taboleiro de anuncios do concello de Redondela.

No mencionado trámite, José Pazos Lago, titular do predio nº 1, presenta un escrito de alegacións, en que expón o seguinte:

Que durante a tramitación do expediente IN407A 2009/789-4 a compañía Unión Fenosa Distribución, S.A., procedeu a establecer negociacións con José Pazos Lago para alcanzar un acordo na situación e condicións da instalación técnica. Que estiveron preto de chegar a un acordo na colocación do centro de transformación nunha estrema do predio. En consecuencia, oponse á situación do centro de transformación pretendido no actual proxecto, xa que desde o seu punto de vista carece da mínima xustificación técnica e, ademais, tal situación dificulta de forma notable o futuro aproveitamento do predio.

Que o predio da súa propiedade ten unha superficie de 2.680 m2 e non de 220 m2 como se facía constar na documentación de orixe catastral, polo que lle suporía un maior prexuízo ao ser o predio susceptible de aproveitamento urbanístico.

Que se podería colocar o centro de transformación en terreos que corresponden a organismos de natureza pública (Renfe, ADIF), ou mesmo nos anexos correspondentes á estrada pública que presta servizos ao barrio de Outide.

Á vista do exposto, solicita que se modifique o trazado da liña de media tensión, centro de transformación e as redes de baixa tensión e se trasladen a terreos de titularidade pública. Que, en caso de non estimar esta solicitude de traslado, se acorde a expropiación da totalidade do predio e, de forma subsidiaria, se non se estiman as súas dúas primeiras peticións, se acorde situar o centro de transformación nun extremo do predio.

A distribuidora Unión Fenosa Distribución, S.A. responde a esta alegación:

Que no proxecto inicial, tramitado con nº de expediente IN407A 2009/789-4, o centro de transformación colocábase nunha parcela do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), administrador que permitía o uso desta a José Pazos Lago para un aparcadoiro para camións. José Pazos Lago formuloulle a Unión Fenosa a petición de cambiar o centro de transformación ao seu predio para non afectar o aparcadoiro de camións.

Que José Pazos Lago se negou a chegar a un acordo sobre a situación do centro de transformación que el mesmo propuxo.

Que Unión Fenosa presentou modificado do proxecto inicial, con nº de expediente IN407A 2011/170-4, co fin de non afectar o aparcadoiro e colocando o centro de transformación nunha esquina do predio.

Que o predio que se vai expropiar se afecta en 22,79 m2 de solo para a colocación do centro de transformación, non se impide o aproveitamento urbanístico do predio e que, de acordo coa referencia catastral do predio, ten unha superficie de 10.799 m2 e unha superficie construída de 70 m2, polo que se afectaría menos do 1% da superficie do predio.

Vistas as alegacións e a contestación dada por Unión Fenosa Distribución, S.A., resulta o seguinte:

A necesidade da instalación queda xustificada, xa que existe reclamación por incumprimento da calidade da subministración de electricidade e, de acordo co artigo 105.1 e 105.5, é responsabilidade do distribuidor restablecer a calidade coas medidas oportunas e, de acordo co artigo 2.2 da Lei do sector eléctrico, os servizos da subministración eléctrica (tanto en transporte como en distribución) se consideran como servizo esencial.

Que o centro de transformación, de acordo cos planos contidos no proxecto, está colocado no extremo do predio, e mantén as distancias mínimas aos lindes.

En canto ás alegacións presentadas e o exposto pola compañía, non se incumpre ningunha das limitacións recollidas no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Que a valoración económica do predio e a expropiación da totalidade terá que ser tida en conta ao inicio das actuacións expropiatorias, unha vez declarada a utilidade pública (regulado no artigo 150 e seguintes do Real decreto 1955/2000 e na Lei e Regulamento da expropiación forzosa).

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 21 de maio de 2012

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra