Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 11 de xuño de 2012 Páx. 22671

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 25 de maio de 2012, do Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, pola que se notifica a resolución recaída no expediente sancionador 107 C 2011/33-0, devolta polo servizo de Correos por non ser posible a práctica da súa notificación.

O Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ditou, con data do 13 de abril de 2012, resolución no expediente sancionador 107 C 2011/33-0 pola que se impón a Coslaco, S.L. e a Euromontaxe Profesional, S.L. unha sanción consistente en multa pola realización de obras de construción dunha nave industrial e dunha explanada de formigón no lugar do Coto-Pastoriza, no termo municipal de Arteixo, provincia da Coruña.

Ao non poderse realizar a notificación persoal desta resolución, mediante esta cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselles aos interesados a devandita resolución.

Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, fáiselles saber aos interesados que o texto íntegro do acordo que se notifica está ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, sita no edificio Witland, 1º andar-Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de (10) dez días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula. Transcorrido o devandito prazo, a notificación entenderase producida.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte en que se producise a notificación, ante o Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exercen o seu dereito de presentar recurso potestativo de reposición, poderán interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela ou ante o da circunscrición onde os recorrentes teñan o seu domicilio, á elección deste, conforme o disposto no artigo 14.1, regra segunda, da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para que conste e lles sirva de notificación aos citados interesados, en cumprimento do disposto no artigo 59.5º da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2012

José Mª Domínguez Blanco
Subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística