Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 4 de xuño de 2012 Páx. 21424

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente unha planta de coxeración que Frigoríficos Puebla, S.L. promove nas súas instalacións na Baiuca 1, concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 2 de setembro de 2011, Frigoríficos Puebla, S.L. solicitou autorización administrativa para unha planta de coxeración que promove nas súas instalacións na Baiuca 1, concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña).

Segundo. Pola Resolución do 27 de decembro de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, sométese a información pública a dita solicitude, que se publicou con data do 13 de xaneiro de 2012 no Diario Oficial de Galicia n.º 9, e con data do 16 de xaneiro de 2012 no Boletín Oficial da provincia da Coruña n.º 10, sen que conste que se presentara ningunha alegación.

Terceiro. As características técnicas principais da planta son as seguintes:

Instalación dunha planta de tricoxeración para industria conserveira composta de:

– Grupo motorxerador de potencia nominal en bornas de alternador de 1000 kWe, instalado nun container insonorizado, coas súas correspondentes instalacións auxiliares, alimentado con gas natural procedente dunha planta de gas natural licuado que se instalará.

– Caldeira de recuperación de gases de escape, de potencia térmica 383,9 kW.

– Máquina de absorción de amoníaco-auga de potencia frigorífica nominal de 180 kWf, na cal se recuperará na primeira etapa 384 kWt da auga sobrequentada procedente da caldeira de recuperación, e na segunda 579 kWt da auga do circuíto de alta temperatura do motor; así mesmo, instalarase unha torre de refrixeración de máxima potencia térmica 1.392 kW.

– Proceso de atemperación dos pisos das cámaras, onde se recuperará 62,5 kW de auga do circuíto de baixa temperatura do motor.

– Centro de transformación prefabricado, onde se instalará un transformador de potencia unitaria de 1250 kVA de tipo aceite, refrixeración ONAN, de relación de transformación 20/0,4 kV, e as seguintes celas: unha cela de liña e unha cela de protección de transformador.

– Centro de seccionamento, que se instalará no límite da propiedade, composto de: dúas celas de liña, unha cela de seccionador pasante, unha cela de medida, unha cela de protección xeral, unha cela de medida e unha cela de liña.

– Liña soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 175 m con condutor R.H.Z.1 2OL 12/20 kV 3(1×150) mm2 Al, con orixe no centro de transformación e final no centro de seccionamento.

Cuarto. Con data do 15 de marzo de 2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a solicitude presentada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

Segundo. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizarlle administrativamente a Frigoríficos Puebla, S.L. unha planta de coxeración que promove nas súas instalacións na Baiuca 1, concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña), segundo o anteproxecto «Anteproxecto de instalación de trixeración de 1.000 kW con motorxerador a gas natural en Frigoríficos Puebla, S.L.», asinado polo enxeñeiro industrial Adelaido Rodríguez Gil, colexiado n.º 2488, e visado polo Colexio de Enxeñeiros do ICAI o 22/11/2011 con número REG_0250_11.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Frigoríficos Puebla, S.L. presentará ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, no prazo de doce meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da presente resolución, o proxecto de execución da planta autorizada.

Segunda. O titular da instalación deberá notificar á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña calquera modificación que afecte o anteproxecto. Para modificacións que afecten datos básicos deste, será necesaria a autorización previa desta dirección xeral.

Terceira. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Cuarta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización como consecuencia do incumprimento das condicións impostas nesta, así como en calquera outra lexislación vixente que sexa de aplicación.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas