Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 1 de xuño de 2012 Páx. 21286

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 10 de maio de 2012, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, polo que se acorda deixar aberta, por un prazo de tres meses, a poxa pública para a venda de dous inmobles procedentes da antiga Cámara Agraria Local de Santiago de Compostela.

Mediante Orde da Consellería de Facenda do 3 de maio de 2012 acordouse, de conformidade co artigo 72 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento de patrimonio, deixar aberta por un prazo de tres meses a poxa pública para a venda dos inmobles seguintes procedentes da antiga Cámara Agraria Local de Santiago:

1. Parcela n.º 94, Novais, situada en Laraño (Santiago de Compostela), cunha superficie aproximada de 850 m2, que, segundo o Rexistro da Propiedade linda: norte, con María Suárez Blanco; sur, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; leste, María Suárez Blanco; e oeste, Ramón Rey Pais. Referencia catastral: 15079A509000940000FW. Prezo mínimo: 4.786,78 euros.

2. Parcela n.º 354, Cortiña de Pazo, situada no lugar de Coira (Ames), cunha superficie aproximada de 936 m2, que, segundo o Rexistro da Propiedade linda: norte, con camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; sur, con zona excluída; leste, con zona excluída e oeste con Castora Viqueira Gendra. Referencia catastral: 3751701NH3435S0001JG. Prezo mínimo: 17.980,56 euros.

Durante o prazo de tres meses, contado a partir do presente anuncio, calquera interesado poderá presentar unha proposta de compra por escrito, sobre calquera dos bens inmobles relacionados anteriormente, e polo prezo que o interesado determine, sempre que supere o mínimo fixado. Cada proposición presentada deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do depósito na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia do 25% do prezo ofertado.

Poderán presentar proposicións todas as persoas que teñan capacidade para contratar e, en particular, para celebrar o contrato de compravenda segundo as normas contidas no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, así como as que incorresen nos supostos previstos na normativa sobre incompatibilidades.

Se o ofertante é unha persoa xurídica deberá achegar para acreditar a representación da persoa asinante a escritura notarial de poder específico ou xeral, este último, inscrito debidamente no Rexistro Mercantil.

A documentación deberá presentarse, en sobre pechado, no Rexistro Único da Xunta de Galicia (edificio administrativo San Caetano), con indicación no seu exterior, no seu anverso, Venda Cámaras Santiago VND/2010/08/30, e no reverso a identificación do ofertante, e deberá ir dirixido á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Consellería de Facenda, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15781 Santiago de Compostela.

Transcorrido o prazo, procederase a anunciar unha nova poxa pública establecendo como tipo de licitación a mellor oferta presentada. Con anterioridade á poxa, procederase á devolución dos depósitos constituídos para garantir as ofertas de cantidades inferiores á que serva de tipo para a nova poxa.

As condicións da adquisición que rexerán na cuarta poxa pública que se celebre, se é o caso, na cal poderá tomar parte calquera interesado aínda que non presente ningunha solicitude dentro deste período de tres meses, serán as recollidas no prego de condicións correspondente ás poxas públicas anteriores, que estarán á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, rúa da Pastoriza, n.º 8-2.º andar, 15704 Santiago de Compostela.

A proposición que sirva de tipo para a poxa producirá plenos efectos aínda que o ofertante non compareza no acto da súa celebración, polo que se o ben lle fose adxudicado perderá o depósito no caso de que non efectuase o pagamento do prezo total dentro do prazo de 15 días a partir da notificación da adxudicación.

No caso de que durante este prazo de tres meses se presenten ofertas económicas de igual contía, será necesaria para que se produza a adxudicación, a concorrencia e participación dos distintos propoñentes ao acto de poxa pública.

Se durante este prazo de tres meses non se presenta ningunha proposta por escrito sobre algunha das parcelas, desistirase definitivamente deste procedemento de venda, continuando o inmoble no patrimonio autonómico.

Para máis información poderán dirixirse á Subdirección Xeral do Patrimonio (teléfonos: 881 99 90 55-981 54 41 51).

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.

M.ª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda