Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2012 Páx. 20190

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2012 pola que se publica a modificación do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes.

O Consello de Goberno, na súa sesión de 6 de febreiro de 2008, acordou aprobar o Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes que foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 26 de marzo de 2008.

O tempo transcorrido desde entón, en especial a adaptación e implantación dos estudos conforme o novo marco establecido polo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), e a efectividade do Real decreto 1393/2007, fan aconsellable abordar nun futuro próximo unha profunda reforma do Regulamento para adaptalo a cada réxime ou tipo de estudos.

Non obstante, tendo en conta que nos próximos meses se elaborarán os compromisos de estudos que deberán axustarse ao marco normativo da matrícula do curso 2012-13, é urxente modificar algúns dos puntos do citado regulamento coa finalidade de facilitar a aplicación no próximo curso académico do proxecto de normativa de permanencia e matrícula.

Neste sentido a reforma supón unha excepción, para os estudantes que se acollen aos programas de intercambio, ao réxime de matrícula recollido na Normativa de permanencia, tal e como se prevé na propia normativa, e pretende regular o réxime de convocatorias para os estudos adaptados ao EEES.

Por todo o anterior o Consello de Goberno do 27 de abril de 2012 acordou:

Primeiro.

Modificar o artigo 9.9 do Regulamento de intercambios quedando redactado do seguinte xeito:

Artigo 9.9.

Para os alumnos de plans anteriores ao Real decreto 1393/2007, no compromiso de estudos ou acordo académico non se poderán incluír as materias cualificadas con suspenso. Destas materias poderase examinar na Universidade de Santiago (USC), sempre que formalizase a súa matrícula dentro do prazo ordinario.

Para os alumnos de grao e máster, no compromiso de estudos ou acordo académico poderanse incluír materias suspensas, pero co límite dunha materia suspensa por cada curso académico transcorrido. As materias cursadas en réxime de intercambio non poden ser avaliadas nin cualificadas na USC, agás o previsto no punto 10.4 desta normativa.

O alumnado de grao e máster deberá matricularse só das materias establecidas no compromiso de estudos.

Segundo.

Modificar o artigo 10.4 do Regulamento de intercambios quedando redactado do seguinte xeito:

4. O alumnado vinculado a un programa interuniversitario disporá das convocatorias de exame que teña establecidas a universidade de destino. O réxime de estudos e convocatorias será o da universidade de destino, pero poderanse presentar á oportunidade de xullo ou a convocatoria de setembro na USC, daquelas materias recollidas no compromiso de estudos ou acordo académico que non superasen na universidade de destino, sempre que teñan unha materia equivalente na súa titulación, e que o permita a guía docente, e logo de comunicación ao coordinador, quen deberá informar os profesores responsables das materias.

Tercera.

Esta modificación será publicada no DOG e entrará en vigor no Curso 2012-13, sen prexuízo de que se deban ter en conta nos compromisos de estudos que se asinen a partir da data da súa aprobación polo Consello de Goberno.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2012.

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela