Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2012 Páx. 20331

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica L.M.T., C.T. e R.B.T. A Borquería, no concello de Becerreá (expediente 015/2008 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle, Ourense, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 29 de abril de 2008, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica L.M.T., C.T. e R.B.T. A Borquería, no concello de Becerreá, presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, de 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 16 de novembro de 2011. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia e no BOP de Lugo do 1 de decembro de 2011 e no DOG do 9 de decembro, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Becerreá. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 19 de decembro de 2011, Ricardo Fresnedo Pérez (predios n.º 3, 8 e 14 da RBDA) presenta escrito de alegacións en que sinala o enderezo para as notificacións e amosa a súa oposición ao trazado da liña eléctrica proxectada por considerar que debe discorrer, preferentemente, por terreos de dominio, uso ou servizo público. Así mesmo, solicita da empresa beneficiaria a concreción da zona de ocupación e de afección e alega, polo demais, cuestións relativas ao cambio na cualificación do solo por mor da obra e á cualificación dos cultivos existentes no momento do levantamento das actas previas á ocupación.

2. O 23 de decembro de 2011, José Antonio Pérez González (predio n.º 13) presenta un escrito de alegacións que se centra na taxación da superficie expropiada.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (que modifica o anterior).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas pola empresa promotora e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. En canto á suxestión de variación do trazado formulada polo Sr. Fresnedo, posto que o interesado non presenta ningunha proposta concreta nin acredita, tal como exixe o artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, a concorrencia de todos os requisitos que nel se exixen para aceptar a modificación do trazado proxectado e tendo en conta que non existen prohibicións nin limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados de acordo cos informes que figuran no expediente, hai que concluír que o trazado proposto polo autor do proxecto é o máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación.

2. Polo que respecta ás restantes cuestións alegadas polos interesados (alcance real e valoracións das afeccións) cómpre indicar que será no momento en que se levanten as actas previas á ocupación cando se comprobe, coas oportunas medicións e sobre o terreo, o alcance real das afeccións (artigo 16 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957; BOE núm. 160, do 20 de xuño) e hai que engadir que non corresponde nesta fase do procedemento, nin a este órgano administrativo, entrar na valoración do menosprezo derivado das ocupacións temporais e imposicións de servidumes de paso da liña eléctrica considerada, nin, moito menos, na taxación dos bens afectados, todo o o cal é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, ao cal se lle remitirá o expediente logo da elaboración daquelas actas e da incorporación das follas de taxación contraditoria que presenten as partes, tal como se recolle no capítulo II da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A., o establecemento da instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. A Borquería, no concello de Becerreá, coas seguintes características técnicas principais:

Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 758 metros, con orixe no apoio proxectado A-18 da L.M.T.A. BEC803 no cal se fai tamén a derivación ao CTA 27AQ16, en condutor LA 56/54,6 mm2 e remate no C.T.A. en proxecto da Borquería sobre apoios tipo 1/HV, 1/C e 5/CH.

Centro de transformación situado na Borquería, cunha potencia de 50 kVA e relación de transformación 20.000/400-230 V.

Rede de baixa tensión aérea con orixe no centro de transformación proxectado e unha lonxitude de 1.091 metros sobre 25 apoios, para mellorar a calidade da subministración eléctrica nos lugares da Borquería e A Muñeiz.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica L.M.T., C.T. e R.B.T. A Borquería, visado o día 15 de abril de 2008 co número CO081148 polo COEIG da Coruña, e asinado polo enxeñeiro industrial Rubén Menéndez Fernández, colexiado n.º 1380.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia e no BOP de Lugo do 1 de decembro de 2011 e no DOG do 9 de decembro, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Becerreá. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía e Industria (edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto L.M.T., C.T. e R.B.T. A Borquería, presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, e as disposicións transitorias do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 7 de maio de 2012.

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo