Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 25 de maio de 2012 Páx. 19890

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 14 de maio de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha báscula ponte modular metálica para pesaxe de camións e dunha caseta prefabricada para situar o visor de pesaxe e o posto de control á Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

A Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, con data do 16 de abril de 2012, solicitou a cesión en propiedade dunha báscula ponte modular metálica para pesaxe de camións e unha caseta prefabricada para situar o visor de pesaxe e o posto de control de descarga de mexillón no porto pesqueiro de Vilanova de Arousa, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, dispoñible no porto pesqueiro de Vilanova de Arousa.

A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento, aínda en vigor, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

Tal é o caso da báscula ponte modular metálica para pesaxe de camións e da caseta prefabricada para situar o visor de pesaxe e o posto de control de descarga de mexillón no porto pesqueiro de Vilanova de Arousa. A Consellería do Medio Rural e do Mar non vai empregar o dito ben e concorren circunstancias que aconsellan acceder á mencionada solicitude.

Para tal fin, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto na sección 5.ª do capítulo V, do título III da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, en vigor.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa (Pontevedra) dos seguintes bens mobles:

Unha báscula ponte modular metálica para pesaxe de camións e unha caseta prefabricada para situar o visor de pesaxe e o posto de control de descarga de mexillón no porto pesqueiro de Vilanova de Arousa.

Identificación dos bens cedidos:

Ano de adquisición: decembro de 2009.

N.º de expediente: 2009-50-00089.

Valor total: 30.924,44 €.

Equipamento: unha (1) báscula ponte modular metálica para pesaxe de camións para a descarga de mexillón no porto pesqueiro de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Fabricante/marca: Epelsa.

Modelo: F-1000.

N.º certificado de aprobación CE: T5413.

N.º de serie: conxunto: 8112663. Visor: 2139483.

Equipamento: unha (1) caseta prefabricada para situar o visor de pesaxe e o posto de control de descarga de mexillón no porto pesqueiro de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Fabricante/marca: Capa.

N.º de serie: 5245.

Artigo 2.

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido nos artigos 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o ben cedido será destinado pola confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou de interese social, de maneira especial á mellora das condicións técnicas para prestar servizo aos confrades e ao sector mexilloeiro.

b) Coa cesión outorgaráselle á Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen ao fin sinalado, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que experimentasen.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e o mantemento dos bens mobles cedidos, así como obter todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar ou funcionario en quen delegue e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar