Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 25 de maio de 2012 Páx. 19980

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 4 de maio de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve recurso de reposición presentado contra a resolución de clasificación do monte Lomba, solicitada a prol da CMVMC de Ribadetea, do concello de Ponteareas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 16.4.2012, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 2.ª planta do edificio adminstrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución dun recurso de reposición presentado contra a resolución de clasificación do monte denominado Monte Lomba, solicitado a prol da CMVMC de Ribadetea, concello de Ponteareas.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra con data do 3.10.2011.

Segundo. Contra a citada resolución, Gabriela Lagos Suárez-Llanos e Manuel Sánchez Rodríguez como administradores concursais da Sociedade Avigán Granjeros Pontevedreses,  S.A., achegando a credencial correspondente, e en representación da citada entidade, con data do 15.12.2011 presenta recurso de reposición alegando, en síntese, o que segue:

1. Que se dite a nulidade do acordo de clasificación por falta de notificación ao titular rexistral, pois alega que o predio clasificado está rexistrado a nome desta empresa.

2. Que se anule o acordo por falta de proba dos requisitos necesarios para a clasificación como veciñal en man común, para o cal aduce:

a) Que o predio en cuestión está inscrito no catastro a nome da empresa, é terreo urbanizable e non ten carácter forestal.

b) Porque non é certo que o predio fose limpado pola Comunidade de Montes de Ribadetea, senón que o foi pola empresa.

c) Porque a empresa Avigán é a propietaria do predio por venda do Concello de Ponteareas. En proba de tal alegación presentan copia de escritura de compravenda entre as dúas partes con data do 6.2.1991 do predio Cruceiro da Lomba, de 6.287 m2, como resultado de ser a empresa Avigán a adxudicataria dunha poxa pública realizada polo Concello de Ponteareas o 7.7.1976 do citado predio con carácter de bens de propios, que pertence ao Concello «por posesión inmemorial». Segundo establece unha cláusula da citada escritura, esta adxudicación fíxose coa condición de que «o adxudicatario virá obrigado a montar na parcela obxecto da poxa unha industria, que deberá comezar as súas actividades antes dos cinco anos desde a data da sinatura da escritura de compravenda e mantela en funcionamento durante os trinta seguintes...». Na cláusula seguinte especifícase que «o non cumprimento do disposto na cláusula anterior será obxecto de que a parcela reverta novamente ao patrimonio municipal, sen que o concello teña que aboar ningunha cantidade por iso ao seu propietario».

Terceiro. Contra o anterior recurso, José Amoedo Sotelino, en nome e representación da Comunidade de Montes de Ribadetea, con data do 11.1.2012 presenta impugnación coas seguintes alegacións:

1. Sobre a alegación de falta de notificación ao titular rexistral polos administradores concursais de Avigán, alégase que na propia Certificación Literal de Inscrición Rexistral presentada polos recorrentes inclúese a anotación da entrada en concurso da empresa en 2006 con disolución desta e cesamento dos seus administradores; e como non consta o nomeamento de administradores concursais, non había a quen hipoteticamente comunicar o procedemento, que por outra parte xa saíu publicado no DOG.

2. Sobre a alegación da parte recorrente de falta de proba dos requisitos necesarios para a clasificación como monte veciñal en man común, adúcese que diversos documentos proban a existencia dunha masa forestal na parcela, que a inscrición catastral e a rexistral non impiden a clasificación como veciñal da parcela e que o aproveitamento veciñal quedou probado no procedemento, aínda que para maior abondamento presenta novos medios de proba deste uso veciñal: facturas de 12/2005 e 10/2010 da empresa Desbroces Deza por limpeza da parcela, certificación do concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ponteareas con data do 10.8.2010 na que se afirma que o concello retirou da parcela diverso lixo por petición da Comunidade de Montes de Ribadetea, escrito de 19 veciños manifestando o carácter veciñal e o aproveitamento ao longo dos últimos anos, declaración dun operario contratado pola comunidade de ter participado na limpeza da parcela en xuño de 2010 e fotografías nas que se aprecia na fronte da parcela o cartel da Comunidade de Montes recordando a prohibición de verter lixo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como o artigo 12 da Lei 13/1989.

Segundo. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto de contrario por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da precitada Lei 30/1992.

Terceiro. No tocante ás alegacións presentadas polos administradores concursais da empresa Avigán, S.A., cómpre lembrar que o acto de clasificación se limita a declarar a constatación da existencia do aproveitamento consuetudinario do monte polo grupo social e a recoñecer a conseguinte titularidade dese aproveitamento a prol do grupo que o vén gozando, ben que ese recoñecemento de titularidade poderá ser revisado pola xurisdición ordinaria no tocante a cuestións de dominio e demais dereitos reais sobre os montes, segundo resulta do artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e a xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Neste sentido, a parte recorrente alega que foi a empresa Avigán quen limpou e aproveitou a parcela, pero non presenta ningún indicio ou proba neste sentido; mentres pola súa banda a Comunidade de Montes de Ribadetea presenta nova documentación para reafirmar o aproveitamento veciñal xa constatado na instrución do expediente e que constituíu a base da resolución que agora se recorre.

Fronte a este feito probado, a inscrición catastral a nome da empresa, a condición de terreo urbanizable e a posible venda por parte do Concello (da que existen dúbidas sobre os seus efectos actuais e os procedementos empregados, ante o silencio municipal verbo deste alleamento) non desvirtúan o carácter veciñal da parcela aproveitada polos veciños de Ribadetea. Porque o tema debatido «non debe remitirse a unha confrontación de titularidades e de inscricións, senón ao exame dos distintos elementos que constan no expediente para chegar a alcanzar unha convicción nun ou noutro sentido respecto á realidade do aproveitamento» (Sentenza do TSX de Galicia, do 2.11.2000).

Para tal fin, lembrar que o propio Decreto 260/1992, polo que se aproba o Regulamento de Montes Veciñais en Man Común, indica que «non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de estar incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, salvo que os asentos se practicasen en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo».

Cuarto. Finalmente, verbo da petición de nulidade do acordo de clasificación por falta de notificación ao titular rexistral, lembrar que no procedemento consta a petición de información ao Rexistro de Ponteareas e a certificación deste do 26.4.2011 de que este predio, coas características descritas na resolución de clasificación, non aparece inscrita a favor de ningunha persoa.

En consecuencia, a vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado de Montes acorda por unanimidade de todos os seus membros desestimar o recurso de reposición e a confirmación en todos os seus termos da resolución do Xurado de Montes con data do 3.10.2011.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 4 de maio de 2012.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra