Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 25 de maio de 2012 Páx. 19874

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de maio de 2012 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para proxectos de investigación desenvolvidos por investigadores emerxentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 2-Consolidación de grupos de referencia a liña de actuación 2.4. Apoio a proxectos de investigación. Nesta liña explícase que o financiamento da actividade investigadora no ámbito autonómico debe deixar atrás o modelo baseado no financiamento dos grupos por acumulación de pequenos proxectos de investigación para pasar a un novo modelo en que os grupos reciben un financiamento estrutural baseado en principios de calidade e eficiencia, e fundamentado nun proceso de avaliación continua.

Por iso, o financiamento de proxectos de investigación debe converterse nun instrumento secundario do plan, limitado a aqueles grupos e investigadores que aínda se atopan en etapas iniciais do seu desenvolvemento. Os grupos máis sólidos teñen a opción de acudir a convocatorias de ámbito estatal e europeo, nos cales poden ser suficientemente competitivos, de maneira que contribúan a incrementar os retornos obtidos polo sistema galego de I+D+i.

Deste xeito, o financiamento de proxectos queda circunscrito aos investigadores novos que proceden de programas competitivos como o Ramón y Cajal ou Parga Pondal, están integrados en grupos de investigación de maior entidade e traballan en liñas de investigación diferenciadas. Igualmente, poderán acceder ao financiamento de proxectos aqueles investigadores e grupos de investigación que tivesen financiamento da modalidade de grupos emerxentes do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións, e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a esta convocatoria para o ano 2012, en liña coas accións que se recollen no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso no ano 2012 ás axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de investigadores emerxentes do sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser solicitantes destas axudas os investigadores do sistema universitario de Galicia que teñan vinculación estable cunha universidade do SUG ou vinculación temporal durante a vixencia desta axuda, e que estean como mínimo nunha das tres situacións que a seguir se indican:

a) Que teña sido, ou sexa na actualidade, contratado mediante os programas Parga Pondal ou Ramón y Cajal.

b) Que teña sido perceptor das axudas para grupos emerxentes do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Que non teña feitos os 41 anos ao remate do exercicio da publicación desta convocatoria e que acredite experiencia investigadora posdoutoramento superior a 24 meses en centros de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O investigador solicitante, que será o responsable do proxecto, contará para o seu de-senvolvemento cun equipo de investigación formado por un mínimo de dúas persoas (sen contar o solicitante). Só un dos membros do equipo poderá ter categoría de catedrático ou profesor titular.

Artigo 3. Contía e conceptos subvencionables.

A contía máxima da axuda concedida por proxecto será de 100.000 euros. O proxecto terá unha duración máxima de 3 anos, contados desde o momento da solicitude.

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen co proxecto:

a) Persoal contratado especificamente para colaborar con dedicación total ou parcial nas actividades de investigación do proxecto. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, de acordo coa normativa xeral vixente e coas normas específicas a que en materia de contratación estea sometido o beneficiario.

O importe mínimo de referencia para a contratación, a tempo completo, será de 21.000 euros por persoa e ano no caso de titulados superiores, e de 18.000 euros no caso de titulados medios ou FP. Excepcional e unicamente para o caso de títulos obtidos no estranxeiro que estean en proceso de homologación polo Ministerio de Educación e Ciencia, admitirase, durante un período máximo de dous anos, a substitución do contrato por unha bolsa, por un importe mínimo de 16.000 euros anuais.

b) Equipamento científico-técnico e material bibliográfico indispensable para a realización do proxecto. O equipamento científico-técnico e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo a que pertence o/a investigador/a principal do proxecto. Ao material inventariable seralle de aplicación o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007 e fixarase para estes efectos o período de afección dos bens, respectivamente, en cinco anos para os bens inscritibles nun rexistro público e dous anos para os restantes bens.

c) Material funxible.

d) Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

e) Axudas para a realización de estadías de investigación necesarias para acadar de forma óptima os obxectivos do proxecto, sempre que a contía non exceda o 10% da cantidade solicitada.

g) Outros gastos (especificaranse no modelo de solicitude).

h) Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente lle exixe a universidade ao grupo solicitante, que non superarán o 20% da axuda concedida. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas.

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Atendendo ao establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 € no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG.

A solicitude, segundo o modelo oficial que se achega como anexo a esta orde, está ao dispor das persoas interesadas na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e presentarase no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de que proceda á súa certificación. A solicitude irá asinada polo grupo de investigación e levará o visto e prace da autoridade que representa legalmente a universidade correspendente.

As solicitudes serán presentadas polo investigador emerxente que solicite a axuda e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto de investigación segundo o formato incluído no formulario de solicitude. Co obxectivo de facilitar o proceso de xestión e avaliación, a memoria en papel deberá estar asinada, non estará encadernada e deberá incluír unha copia en soporte dixital.

b) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

c) Currículo acreditativo dos méritos alegados polo investigador e demais membros do equipo, en soporte dixital. Non se admitirá o currículo en soporte papel. Se o solicitante desexa achegar publicacións, deberán entregarse igualmente en soporte dixital.

d) Documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 desta convocatoria.

e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puider facer o peticionario no senso de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

g) Os solicitantes de proxectos que inclúan experimentación con animais deberán achegar:

– Informe favorable emitido polo comité de ética do centro ou institución en que se vaia realizar a investigación.

– Declaración do investigador principal en que conste o número de rexistro do centro usuario na que se desenvolverán os procedementos, así como o persoal acreditado encargado de levalos a cabo, segundo o disposto no R.D. 1201/2005. Para acreditar este aspecto, achegaranse copias das acreditacións do persoal correspondente. Para garantir a viabilidade das propostas, o grupo deberá contar na súa composición, como mínimo, cun membro acreditado con categoría C e cun membro acreditado con categoría B.

– Copia da comunicación dos procedementos que se van realizar, segundo o disposto no artigo 13 do Decreto 296/2008, do 30 de decembro, ou declaración de compromiso de presentala en caso de concesión da axuda.

– Cando o proxecto prevexa algún dos procedementos recollidos no anexo XI do R.D. 1201/2005, certificación da autorización expresa emitida pola autoridade correspondente.

h) No suposto de que os proxectos de investigación inclúan actuacións que se teñan que levar a cabo en centros de ensino dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, deberase achegar coa solicitude informe favorable emitido pola dita consellería.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De conformidade co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Artigo 5. Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán, o décimo quinto día posterior ao remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet, no enderezo
http://www.edu.xunta.es/

Esta lista estará exposta durante dez días hábiles, e as persoas interesadas, durante ese mesmo prazo, poderán formular reclamacións para emendar erros e a falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6. Panel de avaliadores e Comisión de Selección.

A selección das solicitudes que recibirán a axuda será realizada mediante un panel de avaliadores e unha comisión de selección.

O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do sistema universitario de Galicia propostos e aprobados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria (artes e humanidades; ciencias; ciencias socias e xurídicas; enxeñaría e arquitectura; ciencias da saúde). A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e á calidade científica dos candidatos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade do proxecto proposto de acordo cos obxectivos de convocatoria.

A Comisión de Selección estará constituída por sete membros:

– O titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

– Serán vogais da comisión:

● Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo presidente da Comisión de Selección.

● O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

● O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

● O/a xefe/a do servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

Artigo 7. Avaliación e selección.

A selección dos beneficiarios das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas polo panel de avaliadores e pola Comisión de Selección.

O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude, de acordo cos seguintes criterios de avaliación:

a) Calidade científico-técnica do proxecto (máximo 30 puntos): relevancia e novidade científica dos obxectivos en relación ao estado de coñecemento da área; viabilidade das hipóteses, adecuación da metodoloxía e técnicas instrumentais.

b) Viabilidade do proxecto (máximo 15 puntos): deseño e plan de traballo da investigación; adecuación dos recursos humanos e materiais ao plan de traballo.

c) Capacidade científico-técnica do equipo de investigación para a realización do proxecto, contribucións recentes relacionadas co tema do proxecto e a traxectoria do investigador emerxente que solicita a axuda (máximo 45 puntos).

A valoración farase chegar á Comisión de Selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coas bases da convocatoria, as avaliacións correspondentes e a dispoñibilidade de recursos.

Esta comisión poderá conceder ata 10 puntos a cada solicitude, tendo en conta os seguintes criterios:

– Aplicacións prácticas esperadas dos resultados do proxecto (ata 5 puntos).

– Participación de grupos de investigación que requiran un especial pulo en atención ao interese da investigación que desenvolven ou polo seu carácter minoritario, así como a dimensión interuniversitaria da proposta (ata 5 puntos).

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles, quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que obtiveron unha puntuación total superior á puntuación de corte.

Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade que poida ser considerado de referencia, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total superior ou igual a 60 puntos.

A porcentaxe de axudas concedidas para cada ámbito de coñecemento (artes e humanidades; ciencias; ciencias socias e xurídicas; enxeñería e arquitectura; ciencias da saúde) non será inferior ao 15% das axudas concedidas, sempre que o número de solicitudes o permita. O 25% restante será distribuído por puntuación con independencia da área de coñecemento a que pertenza.

Artigo 8. Resolución.

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da consellería. A Comisión de Selección elevará a proposta de resolución que incluirá a relación de candidatos seleccionados e a lista de reserva ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 6 meses, contados desde a publicación da presente orde. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou rexeitadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Unha vez pasado ese prazo, aquela documentación que non fose recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

Os beneficiarios deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades un escrito de aceptación da axuda no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. A non aceptación da axuda no prazo indicado implicará a renuncia á axuda, e procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista no artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión.

Artigo 9. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través da universidade a que pertenza o solicitante, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate:

– Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento.

– Informe de seguimento, asinado polo investigador solicitante do proxecto, en que se detalle o logro dos obxectivos do proxecto. Este informe poderá ser anual ou final. O informe final deberá ser entregado en formato papel e dixital, e acompañarase das separatas ou documentos que amosen os resultados xerados polo proxecto.

– Declaración complementaria relativa ao conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 10. Difusión de resultados.

Os traballos e os resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento da súa publicación, deberán facer constar a referencia específica da axuda recibida, e remitirán á Secretaría Xeral de Universidades un exemplar das correspondentes publicacións.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión de axudas.

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable. Esta compatibilidade estará limitada nos seguintes casos:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo elixible da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá de poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

b) Cando calquera dos membros do equipo investigador sexa investigador principal dun proxecto de investigación vixente financiado polas convocatorias do Incite nas modalidades de promoción xeral da investigación ou na de proxectos sectoriais.

c) Cando sexa beneficiario dunha axuda vixente do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

d) Cando o beneficiario teña concedida outra axuda na cal os mesmos gastos sexan cofinanciados por fondos procedentes deste ou doutro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 12. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións.

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Control.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios das axudas desta convocatoria a unha avaliación final, no prazo de seis meses contado desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, o Feder.

Artigo 14. Dotación orzamentaria.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 15.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, na cal existe crédito adecuado e suficiente. As cantidades aparecen desagregadas no cadro seguinte:

Crédito (euros)

2012

2013

2014

2015

300.000 €

1.000.000 €

1.000.000 €

700.000 €

Disposición derradeira primeira.

Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file