Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 25 de maio de 2012 Páx. 19960

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica L.M.T. peche PAL806-Antas de Ulla, nos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei (expediente 013/2010 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira 2-Velle-Ourense, aprécianse os seguintes antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 19 de novembro de 2010, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica llamada L.M.T peche PAL806-Antas de Ulla, nos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE número 310, do 27 de decembro de 2000), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación, que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE número 285, do 28 de novembro de 1997) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 5 de marzo de 2012. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 15 de marzo de 2012, no BOP de Lugo do 21 de marzo e no DOG do 27 de marzo, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Con data do 25 de abril de 2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dita unha resolución en que se adopta a decisión de non someter a avaliación de impacto ambiental o proxecto de referencia.

Cuarto. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Quinto. Durante o trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 15 de marzo de 2012, Isolina Ayude Pérez (predio n.º 58 da RBDA) presenta escrito de alegacións solicitando información relativa ao alcance das afeccións, valoracións do arboredo e condicións económicas de aboamento, así como un plano en planta do paso da liña polo seu predio.

2. O 4 de abril de 2012, José Carlos Pardo Belda (predio n.º 2) formula alegacións por escrito relativas á titularidade do predio e manifesta as súas consideracións acerca da improcedencia da declaración de utilidade pública para esta instalación eléctrica, por considerar que existen limitacións á imposición de servidume de paso da liña eléctrica, xa que a liña debe instalarse en camiños ou vías públicas e alega, polo demais, cuestións relativas ao demérito e depreciación que sufrirá o predio por mor da expropiación e que redunda, ao seu entender, nunha afección maior que a de 1.800 m2 reflectida no expediente.

Sexto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (que modifica o anterior).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación pola empresa promotora e do resto da documentación existente no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1.ª. En primeiro termo, polo que respecta ás cuestións alegadas polos interesados sobre o alcance real das afeccións, demérito e depreciación dos seus bens e a súa valoración económica, cómpre indicar que será no momento en que se levanten as actas previas á ocupación cando se comprobe, coas oportunas medicións e sobre o terreo, o alcance real das afeccións (artigo 16 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957 –BOE número 160, do 20 de xuño–) e hai que engadir que non corresponde nesta fase do procedemento, nin a este órgano administrativo, entrar na valoración do menosprezo derivado das ocupacións temporais e imposicións de servidumes de paso da liña eléctrica considerada nin, moito menos, na taxación dos bens afectados, todo o cal é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, ao que se lle remitirá o expediente logo da elaboración daquelas actas e da incorporación da follas de taxación contraditorias que presenten as partes, tal como se recolle no capítulo II da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE número 351, do 17 de decembro).

2.ª. Polo que respecta ás alegacións de José Carlos Pardo Belda, que cuestionan o outorgamento a este proxecto da declaración de utilidade pública e, en consecuencia, da urxente ocupación dos bens, hai que indicar que a necesidade de declarala a mesma, que pola súa vez implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei expropiación forzosa, resulta da interpretación conxunta do artigo 52.1 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e do artigo 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve, e se recolle de xeito concreto para o expediente que nos ocupa nesta resolución (punto terceiro *).

3.ª. Por último e en canto á variación do trazado considerada polo Sr. Pardo Belda, consistente en que a liña eléctrica se instale en camiños ou vías públicas, posto que o interesado non presenta ningunha proposta concreta nin acredita, tal como exixe o artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, a concorrencia de todos os requisitos que nel se exixen para aceptar unha modificación do trazado proxectado e tendo en conta que non existen prohibicións nin limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados, de acordo cos informes técnicos que figuran no expediente, hai que concluír que o trazado proposto polo autor do proxecto é o máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada L.M.T. peche PAL806-Antas de Ulla nos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei, coas seguintes características técnicas principais:

1. L.M.T. aérea a 20 kV, tramo I, cunha lonxitude de 2.248 m, con orixe en apoio metálico existente da L.M.T. PAL8078936 existente, n.º 0 no proxecto, en condutor LA 56 e remate no apoio proxectado n.º 20, sobre apoios de formigón.

2. L.M.T. aérea 20 kV, tramo II, cunha lonxitude de 3.890 m, con orixe en apoio de formigón, n.º 20 no proxecto, en condutor LA 110 e remate no apoio proxectado n.º 46, sobre apoios de formigón (24) e metálicos (3).

3. L.M.T. aérea a 20 kV, tramo III, cunha lonxitude de 293 m, con orixe en apoio de formigón, n.º 46 no proxecto, en condutor LA 56 e final no apoio metálico existente, n.º 49 no proxecto, pertecente á L.M.T. PAL8060950.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica L.M.T. peche PAL806-Antas de Ulla visado o día 4 de novembro de 2011 co número CO103354 polo ICOIIG da Coruña e asinado polo enxeñeiro industrial Rubén Menéndez Fernández, colexiado n.º 1380.

*Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso de Lugo do 15 de marzo de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 21 de marzo e no Diario Oficial de Galicia do 27 de marzo, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía e Industria (edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, Rolda da Muralla 70, código postal 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto L.M.T. peche PAL806-Antas de Ulla presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 2 de maio de 2012.

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo