Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2012 Páx. 19104

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

CÉDULA do 2 de maio de 2012 pola que se notifica o procedemento sobre reiniciación de tracto sucesivo en relación co predio número 1713, inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro, integrado dentro da rehabilitación de inmobles da provincia de Lugo.

De conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE n.º 285, do 27 de novembro), notifícase mediante publicación do Diario Oficial de Galicia o procedemento do expediente sobre reiniciación de tracto sucesivo do predio número 1713, inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro e destinado á execución do Plan de Rehabilitación de Edificios dentro da provincia de Lugo, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo da Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica e patrimonio propios, e que goza de autonomía administrativa e económica e de plena capacidade de obrar con instrumentos de dereito público e privado propios da súa natureza, para o cumprimento das súas finalidades, de conformidade co disposto na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do devandito organismo autónomo.

De acordo co artigo 206 da Lei hipotecaria, e do artigo 37.3 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, o Estado, a provincia, o municipio e as corporacións de dereito público ou servizos organizados que formen parte da estrutura política daquel, cando carezan de título escrito de dominio público poderán inscribir o dos bens inmobles que lle pertenzan mediante a oportuna certificación librada polo funcionario a cuxo cargo estea a administración destes, na que se expresará o título de adquisición ou o modo no que foron adquiridos; certificación que será título válido para continuar o tracto sucesivo interrompido se non se formula oposición polos titulares das inscricións contraditorias ou os seus causahabentes no prazo de 30 días.

Entre os bens da titularidade do organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, na provincia de Lugo, concello de Viveiro, figura o seguinte predio que a continuación se describe, como resulta dos seus documentos e inventario, carecendo o Instituto Galego da Vivenda e Solo de título escrito inscribible, e estando o devandito predio inscrito no Rexistro da Propiedade, se ben é preciso reiniciar o tracto sucesivo, por estar interrompido:

Urbana. Casa na rúa Rosalía de Castro, sinalada co número 12 (actualmente número 65); composta de planta baixa, que mide, de leste a oeste, trece metros e dezaseis decímetros, aproximadamente, e de largo, incluído o groso das súas paredes, seis metros e cincuenta e oito centímetros, tamén aproximadamente. Actualmente, segundo resulta da certificación catastral descritiva e gráfica, ocupa unha superficie de solo de oitenta e dous metros cadrados e ten unha superficie construída de trescentos trinta metros cadrados. Consta a devandita casa de portal, cortes, almacén, dous pisos altos con varios departamentos, faio e teito de madeira e lousa, e ten seis balcóns cara á rúa. Linda, pola dereita entrando –que é o sur–, casa ou quella propiedade de herdeiros de Modesto Pérez Rodríguez; calexón sen nome no medio, para servizo de ambos os edificios; norte ou esquerda, outra dos herdeiros de Antonio Chao; polo seu fondo –ou sexa, o leste–, edificio de escola propiedade de Robustiano Pérez; e pola súa fronte –ou sexa, oeste– a referida rúa de Rosalía de Castro. Dentro desta dimensión, pola parte de atrás, queda incluído un baldío ou patio da casa, cara ao cal ten unha porta; este mide, aproximadamente, dous metros e dez centímetros por cada lado.

Cargas e situación posesoria. Que os donos da casa número 67 da rúa Rosalía de Castro, de Viveiro (Lugo), non precisarán gardar as separacións que impón o Código civil para conseguir novas luces ou vistas, senón que poden votalas sobre o resío ou calexón, prescindindo da distancia que marcan as leis, en canto o fondo número 65, se, polo contrario, fan obras no actual resío, ou amplían o lado esquerdo, entrando na casa número 67, absorbendo o calexón, haberán de acatar, na súa execución, as actuais seis ventás dos pisos 1.º, 2.º e 3.º e as que poidan aperturarse, de idéntico tamaño, en chumbada, enriba das existentes, no caso de que sexan alzados futuros pisos da casa número 65. En consecuencia, os propietarios da casa número 67, poderán edificar a todo o longo e a todo o alto do calexón sempre que, desde o primeiro piso do aludido edificio número 65, deixen vinte centímetros de vistas oblicuas a partir da beira externa dos ocos e, polo tanto, así perduren indemnes en horizontal (85 cm) e en ascensión as vistas rectas actuais e as previstas, e tamén permaneza, pese a vindeiras fabricacións, expedita a superficie de muro existente entre estas, todo en favor da casa número 65.

Polo demais, o predio está libre de cargas, gravames, arrendatarios e outros posuidores e ao corrente de pagamentos de todo tipo de gastos aos que estea afecto.

Título. Adquirida a María Antonia Pérez Rodríguez por escritura de compravenda outorgada o 9 de febreiro de 2006, ante o notario de Lugo, José Manuel López Cedrón, baixo o número 397 do seu protocolo, de cuxa escritura resultan como persoas interesadas as seguintes: o titular rexistral Pedro Puentes Rouco, así como os que de este puidese traer causa. A Administración titular do ben leva na posesión pacífica desta, desde a data da escritura de adquisición antes mencionada.

Inscrición. Figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro, ao tomo 54, libro 18, folio 235, predio n.º 1713, inscrición/anotación 4.ª, a favor de Pedro Puentes Rouco, tendo a inscrición contraditoria máis de trinta anos de antigüidade, e non tendo sufrido alteración durante ese prazo.

Pola presente, convócanse as persoas ás que lles puidera prexudicar a inscrición da certificación solicitada, para que no prazo dun mes formulen oposición, comparecendo no expediente alegando o que ao seu dereito conveña.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2012.

Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo