Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2012 Páx. 18626

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2012 pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do refundido da L.A.T. 132 kV e/s á subestación Folgosa en Ribadeo e a súa modificación entre os apoios 29 e 31, nos termos municipais de Trabada e Ribadeo (Lugo) (expediente IN407A 005/2009 A.T.).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa E.ON Distribución, S.L., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Medio, 12, 39003 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 13 de xaneiro de 2009, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración da utilidade pública, en concreto, da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo, presenta o preceptivo proxecto de instalacións e achega a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. Mediante a Resolución do 24 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, adoptouse a decisión de non someter a avaliación de impacto ambiental o proxecto denominado L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo.

Terceiro. O 26 de xaneiro de 2010, a citada empresa presenta o modificado ao proxecto da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo, modificando o último tramo da liña de alta tensión proxectada, comprendido entre os apoios número 41 e o pórtico da subestación de Ribadeo, debido a unha modificación no proxecto da devandita subestación.

Cuarto. Con data do 30 de xuño de 2010, a empresa promotora presenta o refundido do proxecto da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo, en resposta ao requirimento de emenda da solicitude, consistente en emendas técnicas e documentais, efectuado o 2 de xuño de 2010 pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

Quinto. Con data do 2 de agosto de 2010, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emite informe desfavorable relativo ao proxecto de referencia, e impón unha serie de condicionados necesarios para a obtención dun pronunciamento favorable.

Sexto. Con data do 6 de setembro de 2010, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo certifican que a zona ocupada pola L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo atópase afectada polos seguintes dereitos mineiros: permisos de investigación denominados Santacruz e Ampliación a Santacruz, núm. 5879 e 5880 respectivamente, en tramitación, por solicitude da sociedade Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A.

Sétimo. Con data do 23 de novembro de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe de cualificación ambiental do refundido do proxecto da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo, no cal considera que non se modifican substancialmente os fundamentos da Resolución do 24 de xuño de 2009 desa secretaría xeral, polo que non é necesario someter o referido proxecto refundido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Oitavo. Con data do 8 de febreiro de 2011, a empresa promotora presenta o documento denominado modificado da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo entre os apoios 29 e 31, que incorpora o soterramento da liña entre os apoios 29 e 31, co obxecto de dar cumprimento ao requirido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no seu informe do 2 de agosto de 2010.

Noveno. As características técnicas básicas das instalacións do refundido da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo e modificado entre os apoios 29 e 31 son as seguintes:

Liña eléctrica aérea de 132 kV de tensión nominal, de dobre circuíto (e/s: entrada e saída) e configuración simplex, en condutor LA-280 e cable a terra sobre torres metálicas de celosía, tipos aguia, aguia real e cóndor, cunha lonxitude total de 9.333 metros, con orixe no apoio n.º 133 da liña eléctrica aérea existente denominada L.A.T. 132 kV Doiras-Mondoñedo, en Trabada, e final no pórtico de entrada da futura subestación de Folgosa, en Ribadeo, e que conta, así mesmo, cun tramo soterrado, en concreto, entre os apoios n.º 29 e 31, en dobre circuíto con condutor R.H.Z.1RA+2OL 76/132 kV 1×800 mm2 Al + H150 IEC 60840 e cable de terra tipo ADSS 48 F, de 470 metros de lonxitude.

Décimo. Con data do 6 de abril de 2011, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ao proxecto de referencia coa modificación entre os apoios 29 e 31.

Décimo primeiro. Mediante a Resolución do 3 de xuño de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación refundido da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo e modificado entre os apoios 29 e 31, que se publicou no DOG do 14 de xuño de 2011, no BOP de Lugo do 14 de xuño de 2011, no xornal El Progreso do 9 de xuño de 2011, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Ribadeo e Trabada (Lugo) e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

Décimo segundo. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora:

– José María Barrera Castro presenta escrito de alegacións no que fai constar que o predio n.º 148 (polígono 15, parcela 411), cuxa afección lle foi notificada, non é da súa propiedade, mentres que o predio n.º 149 (polígono 15, parcela 409), que na relación de bens e dereitos afectada publicada aparece como de titularidade de María Virtudes Fernández Fojo, si é da súa propiedade, e solicita información sobre a superficie afectada desta parcela.

– Domingo Soto Fernández, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Os Chaos-Piñeira, no seu nome e representación, presenta escrito de alegacións no que:

• Solicita a suspensión da tramitación do expediente administrativo con número 005/2009 A.T., mentres non se resolva o expediente administrativo núm. 26/2008 A.T., relativo á subestación eléctrica de Ribadeo, no que a devandita comunidade de montes exercitou o seu dereito de alegacións.

• De cada un dos predios afectados titularidade da devandita comunidade, solicita que a superficie afectada sexa a superficie total dos predios e que como tal sexa valorada para efectos de indemnización.

• Solicita a elaboración e incorporación ao proxecto dun estudo de impacto ambiental, tanto para a liña de alta tensión como para a subestación eléctrica.

• Solicita que se dispoña o soterramento da instalación eléctrica ao seu paso polos predios afectados propiedade da Comunidade de Montes O Chao.

– M.ª Virtudes Fernández Fojo presenta escrito de alegacións no que fai referencia á existencia dun erro en canto á titularidade do predio n.º 149, que na relación de bens e dereitos afectados figura como da súa titularidade e pertence en realidade a José María Barrera Castro, e dos seguintes predios, constándolle á alegante unha incorrecta asignación deles, que pode deberse esta circunstancia a un erro do catastro en canto ao predio n.º 407.

– María Venancia Josefa Rancaño Fernández, como propietaria do predio n.º 3 (polígono 3, parcela 121), presenta escrito de alegacións en que estima que o proxecto técnico da instalación non se axusta á normativa de aplicación e xurisprudencia reiterada, que exixe que a declaración de utilidade pública e posterior expropiación deberá facerse na forma menos gravosa para o expropiado, sempre e cando se poida conxugar coa necesidade e finalidade do proxecto, facendo referencia a unha proba pericial que no seu día a alegante achegará onde poñerá de manifesto outras solucións menos gravosas para a súa propiedade. Considera tamén a non existencia da necesidade de ocupación do seu predio, á vista da proba que se practique, debido á existencia de alternativas posibles menos gravosas, o que supón unha infracción do artigo 53 da Lei do sector eléctrico, debido á ausencia de utilidade pública no que se refire ao predio da súa propiedade. Solicita, por último, que se proceda a optar por unha solución distinta para a instalación, que resulte menos gravosa para a alegante. Presenta tamén escrito no que solicita que lle sexa facilitada a planimetría en formato dixital para facer alegacións ao trazado.

– Isabel Bergantiños Palacios presenta escrito de alegacións en que fai constar a existencia dun erro en canto á titularidade do predio n.º 340 (polígono 27, parcela 181), cuxa afección foi notificada á alegante, cando en realidade o devandito predio non é da súa propiedade, correspondendo a súa titularidade aos seus fillos, Isabel, Francisco e Alejandro Roig Bergantiños, achega copia da escritura de aceptación da herdanza e solicita a emenda do mencionado erro.

– Celia López Maseda, como propietaria do predio n.º 349, presenta escrito de alegacións, en que solicita unha variación do trazado da liña, ao seu paso polo predio da súa propiedade, da forma máis económica e menos prexudicial para a alegante, ou, se é o caso, que se aboe a correspondente indemnización, tendo en conta que a afección da liña lle provoca un grave prexuízo económico ao deixar inservible gran parte da explotación forestal existente, na cal tamén existen unhas colmeas e outras instalacións, e que ao tratarse dunha expropiación parcial, o resultado sería de dúas parcelas independentes, non alcanzando unha delas a unidade mínima de cultivo establecida na lexislación aplicable.

– Ricardo García Rodríguez, como propietario do predio n.º 165 (polígono 15, parcela 564), presenta escrito de alegacións en que pon de manifesto que o referido predio ten unha maior cabida que a recollida no proxecto sometido a información pública e que, polo tanto, existe unha superficie do predio que se atopa tamén afectado polo trazado da liña, e que non foi recollido na relación de afeccións notificada ao alegante, e solicita a emenda do devandito erro.

– Ricardo García Rodríguez, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Monte Cordal, no seu nome e representación, xunto con 48 comuneiros da mencionada comunidade; e Margarita Orejas Valdés e Ignacio Cabrera Calvo-Sotelo presentan escritos de alegacións por separado, pero con idéntico contido, nos que se consideran lexitimados na súa condición de interesados lexítimos, en virtude do artigo 31 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os alegantes poñen de manifesto a existencia dunha infracción do artigo 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, por unha falta de motivación da necesidade da declaración de utilidade pública da instalación. Entenden que deben ponderarse de maneira específica e especial os prexuízos que se ocasionarán nos montes e terreos afectados, debendo tomar en consideración o disposto nos artigos 2 e 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. En relación co impacto ambiental do proxecto, sinalan a omisión de calquera tipo de avaliación de impacto ambiental da liña proxectada, incumprindo a normativa vixente en materia de protección ambiental, facendo referencia á afección do proxecto a diversos ámbitos de protección ambiental, ao cruzamento co Camiño de Santiago e a cruzamentos con elementos de especial protección do dominio público hidráulico. No escrito de alegacións fanse tamén consideracións de carácter urbanístico, sinalando a falta de tramitación do correspondente proxecto sectorial, de acordo coa Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, así como a proximidade das instalacións a núcleos de poboación e estradas, facendo referencia á afección dos campos electromagnéticos á saúde da poboación. Solicitan a denegación da autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e da declaración de utilidade pública da instalación, e subsidiariamente, propoñen unha variación do trazado, de acordo co plano que se achega, que suporía un menor prexuízo, tanto para os montes veciñais afectados, como para o interese xeral e o interese dos propietarios dos predios afectados, exixindo tamén o soterramento da liña. Por último, fan referencia ao principio de indemnidade patrimonial, aplicable en materia de expropiación forzosa.

– Eva María Alonso Díaz, como propietaria dos predios n.º 298, 303 e 312, presenta tres escritos de alegacións en que manifesta non poder dar a súa conformidade á expropiación, e solicita a aclaración dunha serie de cuestións, xa que na notificación das afeccións, non figura a posición exacta do terreo que se vai ocupar, a valoración da unidade a expropiar, os bens afectados (arboredo, muros, etc.), a proposta de restauración destes, nin as posibles servidumes que a liña xera na zona non expropiada. A alegante fai referencia á división da parcela en dúas subparcelas, quedando unha delas sen acceso, e aos custos xerados pola división do predio, que segundo a alegante pasaría a ter dúas referencias catastrais.

– Evaristo Lombardero Rico e sete persoas máis, veciños de Ribadeo, presentan escrito de alegacións en que fan referencia á falta de xustificación declaración de utilidade pública da instalación, así como do trazado elixido. Sobre o impacto ambiental, sinalan a omisión de calquera tipo de avaliación de impacto ambiental da liña proxectada, incumprindo a normativa vixente en materia de protección ambiental, facendo referencia á afección do proxecto a diversos ámbitos de protección ambiental. Ademais, poñen de manifesto a proximidade da instalación a zonas habitadas e a estradas, e, en consecuencia, solicitan a suspensión do proxecto da liña e da subestación eléctrica.

Décimo terceiro. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, no seu caso, establecesen o condicionado procedente.

Décimo cuarto. Con data do 2 de decembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, abre período de presentación de alegacións, en cumprimento do trámite de audiencia recollido no artigo 84 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, co obxecto de determinar a compatibilidade ou incompatibilidade do refundido da L.A.T. 132 kV e/s subestación Folgosa en Ribadeo e modificado entre os apoios 29 e 31, promovido por E.ON Distribución, S.L., cos permisos de investigación Santacruz e Ampliación a Santacruz, núm. 5879 e 5880 respectivamente, de Explotaciones Cerámicas, S.A. (Ecesa). Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A. presentou durante o prazo establecido para o efecto as alegacións e xustificacións que considerou pertinentes, solicitando o recoñecemento do seu dereito prioritario na declaración de utilidade pública, dándose preferencia sobre a implantación da instalación eléctrica.

Décimo quinto. Con data do 30 de marzo de 2012, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, informa da non procedencia, en termos da vixente normativa en materia de minas, de trámite de compatibilidade ningún, ao non contar Explotaciones Cerámicas, S.A. (Ecesa) cos dereitos mineiros do artigo 44 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Décimo sexto. Sobre a solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, e informou tamén da non existencia de limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polas instalacións eléctricas proxectadas que se describen na relación de bens e dereitos afectados, para os efectos do disposto no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 79/2009, do 19 de abril, e Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías desta (DOG do 20 de abril de 2009 e 5 de xaneiro de 2012, respectivamente), Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17 de xuño) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e ao resto da documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

– Con respecto a posibles erros na titularidade, superficie de afección, cualificación do cultivo, perímetro, superficie, numeración e denominación dos predios afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón deles, non obstante será durante o levantamento de actas previas á ocupación, acto a que serán oportunamente convocados, o momento en que se poderá demostrar a titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa precisa, e momento en que se farán constar as manifestacións e datos que sexan útiles para determinar as características dos dereitos afectados e a súa natureza.

– Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente, correspondendo esta valoración á fase de prezo xusto.

– En canto ás alegacións en que se solicitan aclaracións relativas ás posibles servidumes xeradas pola liña sobre as zonas non expropiadas, hai que dicir que será de aplicación o disposto no artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como nos regulamentos técnicos e demais normativa de aplicación.

– En relación ás alegacións referentes ao expediente administrativo da subestación de Ribadeo, non se toman en consideración, ao ser un expediente separado do expediente obxecto desta resolución.

– Con respecto ás solicitudes de expropiación total, dicir que a apertura e resolución do trámite de expropiación total, conforme o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa, realizarase ante a xefatura territorial desta consellería en Lugo, antes da fase de levantamento de actas previas á ocupación. Aplicarase o establecido no artigo 152 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en canto a que o titular deberá demostrar que a servidume que se vai impoñer fai antieconómica a explotación do predio servinte, xustificando as causas concretas.

– Con respecto ás alegacións relativas á falta de xustificación da necesidade da declaración da utilidade pública da instalación, hai que dicir que esta declaración de utilidade pública se fai en virtude dos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, nos que se establece que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso, que a devandita declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– Con respecto ás alegacións relativas ao incumprimento do artigo 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ao non axuste do proxecto técnico á normativa de aplicación, e ao incumprimento do disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, hai que dicir que na tramitación do expediente cumpriuse cos trámites regulamentarios, en concreto cos trámites recollidos no mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, contando o proxecto de execución con informe favorable dos servizos técnicos desta consellería.

– Con respecto á solicitude de remisión da planimetría en formato dixital realizada por María Venancia Josefa Rancaño Fernández, hai que dicir que, de acordo co establecido no artigo 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a solicitude de declaración de utilidade pública someteuse ao trámite de información pública, xunto co proxecto de execución e a planimetría correspondente, e estivo dispoñible para a súa revisión por parte de toda persoa interesada no expediente.

– Con respecto ás alegacións relativas á proximidade da liña a zonas habitadas e a estradas, así como ao cruzamento con elementos do dominio público hidráulico, hai que dicir que o proxecto cumpre coas distancias de seguridade establecidas nos regulamentos técnicos de aplicación, contando con informe favorable dos servizos técnicos desta consellería. Ademais, en cumprimento do disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente, outorgándose esta autorización independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

– Con respecto ás alegacións referentes á necesidade da elaboración dun estudo de impacto ambiental da instalación, así como ao incumprimento da normativa vixente en materia de protección ambiental, nas que se fai referencia á afección do proxecto a diversos ámbitos de protección ambiental, hai que dicir que mediante Resolución do 24 de xuño de 2009, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental adoptou a decisión de non someter ao trámite de avaliación de impacto ambiental o proxecto nomeado L.A.T. 132 kV e/s á subestación Folgosa en Ribadeo, informando con data do 23 de novembro de 2010 da non necesidade de someter o refundido do devandito proxecto ao referido trámite. En relación coa afección ao Camiño de Santiago, a empresa presentou un modificado ao proxecto co soterramento do tramo de liña entre os apoios 29 e 31 para dar cumprimento aos requirimentos efectuados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que emitiu informe favorable sobre o proxecto coa devandita modificación con data do 6 de abril de 2011.

– Con respecto ás alegacións relativas aos posibles efectos negativos dos campos electromagnéticos asociados ás liñas de alta tensión na saúde, indicar que non se alcanzan con esta liña os niveis establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea 1999/519/CE, do 12 de xullo de 1999, relativa á exposición ao público en xeral a campos electromagnéticos de 0 Hz a 300 GHz.

– Con respecto ás alegacións relativas á afección do proxecto a montes veciñais en man común, hai que dicir que, de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei, os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia. De acordo co anterior, a empresa beneficiaria, unha vez iniciado o expediente de expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos montes veciñais en man común afectados, que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa, unha vez resoltos os expedientes de prevalencia de utilidades públicas, se existe declaración expresa da Xunta de Galicia de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos devanditos montes.

– Con respecto ás alegacións en que se fan consideracións de tipo urbanístico, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que se está a tramitar nesta consellería, de acordo co disposto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

– Con respecto á alegación presentada por José María Barreiro Castro, no relativo á súa solicitude de información sobre a superficie afectada no predio n.º 149 (polígono 15, parcela 409) da súa propiedade, infórmase que a mencionada finca atópase afectada por unha servidume de voo cunha superficie afectada de 143,30 m2, segundo o recollido na relación de bens e dereitos afectados sometida ao trámite de información pública.

– Con respecto ás solicitudes de soterramento da liña, non se aceptan ao non atoparse imperativos legais que exixan os soterramentos solicitados, cumprindo o trazado proxectado cos regulamentos técnicos de aplicación.

– Non se aceptan as solicitudes de variación de trazado realizadas por varios dos alegantes, debéndose ter en conta que o trazado das liñas eléctricas estudase co intento de buscar a solución máis óptima da instalación, e axustándose ás prescricións que establece a normativa aplicable, e o proxecto ten informe favorable dos servizos técnicos desta consellería, que informan tamén da non existencia de limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polas instalacións eléctricas proxectadas que se describen na relación de bens e dereitos afectados, para os efectos do disposto no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, non cumprindo as variacións solicitadas con todos e cada un dos puntos establecidos no artigo 161.2 do devandito real decreto.

– Con respecto ás alegacións en que se fai referencia á división das parcelas afectadas por servidume de paso en dúas subparcelas, que pasarían a ter dúas referencias catastrais distintas, hai que dicir que a imposición dunha servidume de paso en ningún caso supón a división para efectos legais das parcelas afectadas en dúas subparcelas, téndose que cumprir as limitacións impostas no artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, tanto no caso de liñas aéreas como no caso de liñas subterráneas.

– Non se aceptan as alegacións presentadas por Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A., xa que non procede, en termos da vixente normativa en materia de minas, trámite de compatibilidade ningún, ao tratarse de permisos de investigación en trámite e non de permisos de investigación outorgados, non contando o seu promotor cos dereitos mineiros do artigo 44 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Terceiro. O proxecto cumpre o disposto no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 010 a 09, e, en concreto, na súa ITC-LAT 09.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente o refundido da L.A.T. 132 kV e/s a subestación Folgosa en Ribadeo e a súa modificación entre os apoios 29 e 31, nos termos municipais de Trabada e Ribadeo (Lugo).

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica citada, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto refundido e na súa modificación, presentados pola empresa, asinados polo enxeñeiro industrial Jesús Roibás Rodil, e visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Delegación da Coruña, con visados dixitais núm. CO1011882 e núm. CO 110250, do 30 de xuño de 2010 e do 3 de febreiro de 2011 respectivamente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como as demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación desta resolución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. Deberase cumprir co recollido nos informes ambientais presentados polo promotor, así como coas condicións que sexan de aplicación das que figuran no anexo á Resolución do 24 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 6 de abril de 2011, a que se fai referencia nos antecedentes de feito segundo e décimo desta resolución, respectivamente.

Sétima. A empresa promotora, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos montes veciñais en man común afectados, de acordo co disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei.

Oitava. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Novena. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Décima. Esta autorización dáse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas