Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 16 de maio de 2012 Páx. 18639

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do modificado ao proxecto da subestación Ribadeo 132/20 kV (sistema de 132 kV), no termo municipal de Ribadeo (Lugo). (Expediente 036/2008 A.T.).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa E.On Distribución, S.L., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Medio, 12, 39003 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 27 de novembro de 2008, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da Subestación de Ribadeo 132/20 kV (sistema de 132 kV), presenta a preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Subestación eléctrica 132/20 kV -unicamente a parte de 132 kV- formada basicamente por un sistema en intemperie con tipoloxía de simple barra e dous transformadores de 132/20/12 kV e 40/40/15 MVA de potencia, instalados, así mesmo, en intemperie, con aparellaxe composta por equipamentos convencionais e equipamentos compactos con illamento en SF6 e edificio para albergar os equipamentos de control, protección, comunicacións, servizos auxiliares e celas de 20 kV.

Concello: Ribadeo (Lugo).

Terceiro. Con data do 27 de febreiro de 2009, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe de cualificación ambiental en relación co proxecto da subestación de Ribadeo 132/20 kV, no que considera que non procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais.

Cuarto. Mediante a Resolución do 13 de marzo de 2009, da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas do devandito proxecto de execución, que se publicou no DOG do 25 de marzo de 2009, no BOP de Lugo do 21 de marzo de 2009, no xornal El Progreso do 25 de marzo de 2009, así como nos taboleiros de anuncios do Concello de Ribadeo e da Delegación Provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo.

Así mesmo, practicóuselles notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Quinto. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora:

– Gonzalo García Marcos, presidente da Asociación Xunta Veciñal de Montes en Mancomún Santa Cruz e A Capela, no nome e representación da devandita asociación, manifestando ser interesado lexítimo no expediente, por ser propietaria a devandita asociación do monte veciñal adxacente ao predio en que se proxecta a construción da subestación, que pode estar afectada tamén pola liña de alta tensión de abastecemento da subestación; Francisco Otero Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Monte Cordal, no nome e representación da devandita comunidade, manifestando ser interesado lexítimo no expediente xa que a liña de abastecemento da subestación podería atravesar montes da propiedade da devandita comunidade; Domingo Soto Fernández, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Os Chaos-Piñeira, no nome e representación da devandita comunidade, manifestando ser interesado lexítimo no expediente, ao ser propietaria a devandita comunidade do monte veciñal en que se proxecta a construción da subestación e xa que a liña de abastecemento da subestación podería atravesar montes da propiedade desa comunidade; e Felipe Fernández Prieto, presidente da Asociación de Veciños O Carballo-Folgosa, no nome e representación da devandita asociación, manifestando ser interesado lexítimo no expediente ao posuíren os integrantes desa asociación propiedades e vivendas próximas ao predio onde se proxecta ubicar a subestación e xa que a liña de abastecemento da subestación podería atravesar montes e terreos propiedade dos membros desa asociación, presentan escritos de alegacións por separado pero con igual contido, onde se pon de manifesto a existencia dunha infracción do artigo 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, por unha falta de motivación da necesidade da declaración de utilidade pública da instalación, así como de xustificación da elección da localización, entendendo que deben ponderarse de maneira específica e especial os prexuízos que se ocasionarán nos montes da zona, debendo tomar en consideración o disposto nos artigos 2 e 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. En relación co impacto ambiental do proxecto, sinálase o incumprimento da normativa vixente en materia de protección ambiental, facendo referencia á afección do proxecto a diversos ámbitos de protección ambiental. No escrito de alegacións fanse tamén consideracións de carácter urbanístico, sinalando que a actual cualificación urbanística da parcela onde se pretende situar a instalación impide a construción neste terreo deste tipo de instalacións, así como a proximidade das instalacións a núcleos de poboación e estradas, facendo referencia á afección dos campos electromagnéticos á saúde da poboación. De acordo co anterior, solicítase a non autorización da instalación proxectada, ou subsidiariamente, a modificación do proxecto, cunha nova localización lonxe do termo municipal de Ribadeo ou, no seu defecto, en espazos máis susceptibles de ocupación cara ao sur. No caso de ser autorizado o proxecto, solicitan se exixa o soterramento das liñas de alta tensión que deberán abastecer a subestación, así como dos diversos ramais secundarios que parten dela, debéndose adoptar as solucións técnicas apropiadas no devandito soterramento para eliminar a exposición humana aos campos electromagnéticos. Por último, poñen de manifesto o dereito dos afectados de percibir unha contraprestación económica que se corresponda co valor real do expropiado.

Francisco Otero Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Monte Cordal, no seu escrito de alegacións fai referencia tamén a que a axeitada cualificación como de utilidade pública debería facerse valorando conxuntamente a subestación e a liña de alta tensión.

En resposta á contestación dada pola empresa promotora ás alegacións presentadas, Gonzalo García Marcos, presidente da Asociación Xunta Veciñal de Montes en Mancomún Santa Cruz e A Capela, no nome e representación da devandita asociación, e Francisco Otero Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Monte Cordal, no nome e representación da devandita comunidade, presentan escritos de alegacións por separado pero con igual contido, nos cales se ratifican nas manifestacións recollidas nos seus primeiros escritos de alegacións, sinalando ademais a necesidade de presentación dun proxecto completo referido á subestación e á liña de alta tensión que a abasteza.

• Evaristo Lombardero Rico, no seu nome e no nome e representación da Plataforma en Defensa da Ría de Ribadeo, presenta escrito de alegacións en que se fan unha serie de consideracións teóricas en relación co trámite administrativo de información pública, sinala que o proxecto de execución da instalación carece do necesario rigor, e pode recibir a consideración de anteproxecto. En relación coa declaración de utilidade pública, sinala que a subestación non está conectada nin involucrada en ningunha rede existente, e o proxecto recolle a titularidade compartida desta con BEGASA. En canto á tramitación ambiental, considera que o estudo ambiental que se inclúe no expediente e que seguiu trámite conducente ao informe de cualificación ambiental ten erros metodolóxicos que o invalidan e que, en todo caso, o tratamento ambiental da subestación sen considerar a liña de entrada e saída é inadecuado. Indica que o expediente se atopa viciado de raíz, pola subscrición dun protocolo cuxa legalidade pon en dúbida o alegante, asinado o 31 de xullo de 2008. Solicita que se proceda en consecuencia co exposto no escrito de alegacións na resolución que poña fin ao expediente e que, en calquera caso, se dea resposta razoada ás súas alegacións.

Sexto. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Sétimo. Con data do 16 de marzo de 2010, a empresa E.On Distribución, S.L. presenta o modificado ao proxecto de subestación de Ribadeo 132/20 kV (sistema de 132 kV), solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da citada instalación, presenta a preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. A devandita modificación vén motivada pola necesidade de ocupación dunha superficie superior á inicialmente prevista co fin de realizar unha correcta integración ambiental e paisaxística da instalación, circunstancia evidenciada por diversas comprobacións das condicións topográficas do terreo.

Oitavo. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

– Sistema de 132 kV de intemperie con tipoloxía de simple barra, con dúas posicións de liña e dúas posicións de transformador de potencia.

– Edificio para a instalación de celas de 20 kV, sistemas de control, protección, comunicacións e servizos auxiliares.

– Aparellos formados por equipamentos convencionais (pararraios e transformadores de tensión) e equipamentos híbridos compactos (transformadores de intensidade, interruptores e seccionadores) con illamento en SF6 e equipamentos de medida e control (subestación telemandada).

Noveno. Con data do 6 de setembro de 2010, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo certifican que a subestación de Ribadeo se atopa situada dentro do permiso de investigación denominado Santacruz, número 5879, en tramitación, titularidade de Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A. (ECESA).

Décimo. Con data do 22 de novembro de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe de cualificación ambiental en relación co proxecto modificado da subestación de Ribadeo 132/20 kV, no que considera que non se modifican os fundamentos de cualificación ambiental do proxecto inicial, polo que non procede someter o referido modificado ao trámite de avaliación nin de efectos ambientais.

Décimo primeiro. Mediante a Resolución do 13 de abril de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica modificado subestación de Ribadeo 132/20 kV (sistema 132 kV), que se publicou no DOG do 5 de maio de 2011, no BOP de Lugo do 3 de maio de 2011, no xornal El Progreso do 26 de abril de 2011, así como nos taboleiros de anuncios do Concello de Ribadeo e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

Así mesmo, practicóuselles notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Décimo segundo. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora:

– Domingo Soto Fernández, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Os Chaos-Piñeira, no nome e representación da devandita comunidade, presenta escrito de alegacións, en que primeiramente manifesta a non discusión da necesidade de utilidade pública da subestación proxectada, sinalando por outra banda a ausencia no proxecto dun estudo de impacto ambiental, o que infrinxe a normativa legal na materia, fai referencia tamén ao tratamento dado á subestación, como un elemento illado da rede de transporte, cando non é así, xa que forma parte inseparable dun proxecto unitario máis amplo que inclúe a propia subestación, máis a liña de alta tensión de entrada e saída na subestación, o que obriga á tramitación administrativa conxunta do proxecto cun estudo ambiental tamén conxunto. Manifesta que a localización proxectada para a subestación causa un grande impacto visual, ambiental e paisaxístico na zona e afecta lesivamente o desenvolvemento urbanístico dos núcleos de poboación próximos, incidindo negativamente na calidade de vida dos veciños do concello de Ribadeo. Proponse unha alternativa á localización da subestación, noutra parcela, a 26-452, lindante polo linde sur coa parcela proxectada, propiedade tamén da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Os Chaos-Piñeira, esta alternativa suporía un menor impacto ambiental, un impacto visual e paisaxístico practicamente nulo, e afastaríase de poboacións próximas, que non verían afectado o seu futuro crecemento urbanístico. Solicítase que se proceda a ordenar un estudo referido aos efectos ambientais e urbanísticos do proxecto conforme a lexislación vixente e que se modifique a localización da subestación á parcela 26-452.

– Francisco Otero Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún Monte Cordal, no nome e representación da devandita comunidade, manifestando ser interesado lexítimo no expediente xa que a liña de abastecemento da subestación podería atravesar montes da propiedade da devandita comunidade, e Evaristo Lombardero Rico e once persoas máis, veciños de Reverte (Piñeira-Ribadeo), manifestando ser interesado lexítimo no expediente, xa que a subestación estaría situada a escasos metros da comunidade de Reverte, presentan escritos de alegacións por separado pero con igual contido, onde se pon de manifesto a existencia dunha infracción do artigo 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, por unha falta de motivación da necesidade da declaración de utilidade pública da instalación, entendendo que deben ponderarse de maneira específica e especial os prexuízos que se ocasionarán nos montes da zona, debendo tomar en consideración o disposto nos artigos 2 e 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. En relación co impacto ambiental do proxecto, sinálase o incumprimento da normativa vixente en materia de protección ambiental, facendo referencia á afección do proxecto a diversos ámbitos de protección ambiental. No escrito de alegacións fanse tamén consideracións de carácter urbanístico, sinalando que a actual cualificación urbanística da parcela onde se pretende instalar a instalación impide a construción neste terreo deste tipo de instalacións, así como a proximidade das instalacións a núcleos de poboación e estradas, facendo referencia á afección dos campos electromagnéticos á saúde da poboación. De acordo co anterior, solicítase a non autorización da instalación proxectada ou, subsidiariamente, a modificación do proxecto, cunha nova localización lonxe do termo municipal de Ribadeo, ou no seu defecto, en espazos máis susceptibles de ocupación cara ao sur. No caso de ser autorizado o proxecto, solicitan se exixa o soterramento das liñas de alta tensión que deberán abastecer a subestación, así como dos diversos ramais secundarios que parten dela, debéndose adoptar as solucións técnicas apropiadas no devandito soterramento para eliminar a exposición humana aos campos electromagnéticos. Por último, poñen de manifesto o dereito dos afectados de percibir unha contraprestación económica que se corresponda co valor real do expropiado.

Décimo terceiro. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Décimo cuarto. Con data do 2 de decembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas abre o período de presentación de alegacións, en cumprimento do trámite de audiencia recollido no artigo 84 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, co obxecto de determinar a compatibilidade ou incompatibilidade do modificado subestación Ribadeo 132/20 kV (sistema de 132 kV), promovido por E.On Distribución, S.L., co permiso de investigación denominado Santacruz, núm. 5879, que se atopa en tramitación, do cal é titular Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A. (ECESA). As partes presentaron durante o prazo establecido para o efecto as alegacións e xustificacións que consideraron pertinentes. En concreto, Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A. presenta escrito de alegacións no cal solicita que se recoñeza o seu dereito prioritario na declaración de utilidade pública, dándolle preferencia sobre a implantación da instalación eléctrica.

Décimo quinto. Con data do 30 de marzo de 2012, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais informa da non procedencia, en termos da vixente normativa en materia de minas, de trámite de compatibilidade ningún, ao non contar Explotaciones Cerámicas, S.A. (ECESA) cos dereitos mineiros do artigo 44 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Décimo sexto. Sobre a solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, e informou tamén da non existencia de limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso da parcela afectada pola instalación eléctrica proxectada que se describe na relación de bens e dereitos afectados, para os efectos do disposto no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 79/2009, do 19 de abril, e Decreto 3/2012, do 4 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías desta (DOG do 20.4.2009 e do 5.1.2012, respectivamente); Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17 de xuño) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e ao resto da documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

• Con respecto ás alegacións relativas á falta de xustificación da necesidade da declaración da utilidade pública da instalación, hai que dicir que esta declaración de utilidade pública se fai en virtude dos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, en que se establece que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso, que a devandita declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por outra banda, a necesidade da execución das instalacións eléctricas obxecto desta resolución, e de acordo co disposto no artigo 41 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, en que se recolle a obriga das empresas distribuidoras, entre outras, de proceder á ampliación das instalacións de distribución cando así sexa necesario para atender novas demandas de subministración eléctrica, vén determinada polo aumento da demanda de potencia eléctrica que levan consigo os novos desenvolvementos industriais e urbanísticos na zona leste da provincia de Lugo. Con respecto á infracción do establecido no 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que hai que dicir que na tramitación do expediente cumpriuse cos trámites regulamentarios, en concreto cos trámites recollidos no mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, contando o proxecto de execución con informe favorable dos servizos técnicos desta consellería.

• Con respecto ás alegacións relativas á afección do proxecto a montes veciñais en man común, hai que dicir que, de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei, os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social prevalente ás do propio monte, mediante declaración expresa da Xunta de Galicia. De acordo co anterior, a empresa beneficiaria, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos montes veciñais en man común afectados, que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa unha vez resoltos os expedientes de prevalencia de utilidades públicas, se existe declaración expresa da Xunta de Galicia de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos devanditos montes.

• Con respecto ás alegacións que conteñen consideracións ambientais, referentes á necesidade da elaboración dun estudo de impacto ambiental da instalación, á necesidade de tramitación ambiental conxunta da subestación máis a liña de entrada e saída, ao incumprimento da normativa vixente en materia de protección ambiental, á afección do proxecto a diversos ámbitos de protección ambiental, e á saúde dos campos electromagnéticos xerados pola subestación, faise constar que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con data do 27 de febreiro de 2009, informou da non procedencia de someter o proxecto da subestación de Ribadeo 132/20 kV ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais. Así mesmo, con data do 22 de novembro de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe de cualificación ambiental sobre o proxecto modificado, no que se considera que non se modifican os fundamentos da cualificación ambiental do proxecto inicial, non procedendo someter o modificado do proxecto ao trámite de avaliación de impacto nin de efectos ambientais. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental tivo coñecemento do proxecto da liña de alta tensión de entrada e saída na subestación, e decidiu a non necesidade de someter a avaliación de impacto ambiental o proxecto da devandita liña.

• Con respecto ás alegacións en que se fan consideracións de tipo urbanístico, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que está a tramitar esta dirección xeral, de acordo coa Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

• Con respecto ás alegacións en que se fan consideracións relativas ao trámite de información pública, hai que dicir que os devanditos trámites, levados a cabo neste expediente, cumpren co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• Non se aceptan as solicitudes de modificación da situación da subestación e débese ter en conta que a localización se proxecta buscando a solución máis óptima da instalación e axustándose ás prescricións que establece a normativa aplicable; sobre o proxecto emitiron informe favorable os servizos técnicos desta consellería, e informaron tamén da non existencia de limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso da parcela afectada polas instalacións eléctricas proxectadas que se describe na relación de bens e dereitos afectados. A alternativa proposta suporía un incremento na lonxitude tanto das vías de acceso como das liñas que parten dela, e esta circunstancia comportaría maiores impactos.

• Con respecto ás alegacións en que se fai referencia á proximidade da instalación a núcleos de poboación e estradas, hai que dicir que o proxecto conta con informe favorable dos servizos técnicos desta consellería, e cumpre coa regulamentación técnica aplicable. Ademais, en cumprimento do disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente, e esta autorización outórgase independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

• Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración económica das afeccións das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente; esta valoración corresponde á fase de prezo xusto.

• En relación coas alegacións que fan referencia á non conexión da subestación á rede de distribución de enerxía eléctrica, hai que dicir que tanto para o caso da liña de alta tensión de alimentación da subestación como para o caso das saídas en media tensión desta, esta consellería tramitou os correspondentes expedientes administrativos e cumpríronse os preceptivos trámites regulamentarios de aplicación.

• En relación coas alegacións relativas á necesidade dun proxecto técnico único que englobe a subestación e a liña de alta tensión de alimentación dela, hai que dicir que non existen imperativos legais nin técnicos de aplicación que exixan a tramitación dun único proxecto de execución de ambas as instalacións. Levouse a cabo para cada unha das devanditas instalacións a tramitación do correspondente expediente administrativo, e neles respectáronse os trámites administrativos recollidos no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• En relación coas solicitudes de soterramento da liña de alta tensión de abastecemento da subestación, así como dos diversos ramais secundarios que parten dela, non se toman en consideración, ao tratarse de expedientes separados do expediente obxecto desta resolución.

• En relación coa alegación en que se fai mención á titularidade compartida da su-bestación con BEGASA, hai que dicir que mediante a Resolución do 23 de setembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse administrativamente e aprobouse o proxecto de execución da transformación 132/20 kV e do sistema de 20 kV da subestación de Ribadeo (expediente: IN407A 2008/252-2, 7385 A.T.), a nome de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA), e non se atopou impedimento nin técnico nin legal para a titularidade por parte da devandita empresa distribuidora de enerxía eléctrica das instalacións autorizadas.

• Con respecto ás alegacións en que se fai mención á sinatura dun protocolo de colaboración con data do 31 de xullo de 2008, dubidando da legalidade del, non se toman en consideración, ao non formar parte o devandito protocolo do expediente administrativo obxecto desta resolución.

• Non se toman en consideración as alegacións presentadas por Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A., xa que ao tratarse de permisos de investigación en trámite e non de permisos de investigación outorgados, o seu promotor non conta cos dereitos mineiros do artigo 44 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, nin procede, en termos da vixente normativa en materia de minas, trámite de compatibilidade ningún.

Terceiro. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas.

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente o modificado ao proxecto da subestación Ribadeo 132/20 kV (sistema de 132 kV), no termo municipal de Ribadeo (Lugo).

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica citada, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, asinado polo enxeñeiro industrial Roberto Salvador Valledepaz, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Delegación de Lugo, con núm. de rexistro 91/10, con data do 15 de marzo de 2010, e cun orzamento de 1.746.758,24 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación desta resolución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. Deberase cumprir co recollido na documentación ambiental presentadas polo promotor, así como co disposto nos informes de cualificación ambiental recollidos nos antecedentes de feito terceiro e décimo desta resolución.

Sétima. A empresa promotora, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a dos montes veciñais en man común afectados, de acordo co disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei.

Oitava. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Novena. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Décima. Esta autorización dáse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas