Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 18100

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2012, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas do Proxecto sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de abastecemento dos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante, no concello de Barreiros, aprobado definitivamente por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de marzo de 2012.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de marzo de 2012, do proxecto sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de abastecemento dos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante, no concello de Barreiros, sometido a información pública mediante Anuncio do 30 de xuño de 2011 (DOG n.º 134, do 13 xullo).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), fanse públicas as disposicións normativas do proxecto sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de abastecemento dos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante, no concello de Barreiros, para a súa entrada en vigor.

Normativa urbanística.

IV. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

IV.1. Articulación do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

IV.1.1. A óptima articulación coa ordenación urbanística vixente como obxectivo estratéxico do proxecto sectorial.

Os plans de ordenación urbanística están vinculados xerarquicamente ás determinacións das directrices de ordenación do territorio e aos demais instrumentos establecidos pola Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e deberán de redactarse en coherencia con todos eles, segundo se dispón no artigo 45.2. da LOUGA.

Consecuentemente con iso, o artigo 8 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, regulador dos plans e proxectos dectoriais de incidencia supramunicipal, establece a forza vinculante das determinacións destes plans e a súa prevalencia sobre as determinacións do plan urbanístico vixente, que deberá adaptarse ao contido dos plans e proxectos sectoriais que os afecten, no prazo que estes determinen e, en todo caso, á primeira modificación ou revisión daquel. Remárcase no artigo 5 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación de territorio de Galicia, o carácter complementario e non excluínte dos instrumentos que, como os plans e proxectos sectoriais, están previstos nela, dos que respecto da ordenación urbanística do solo se regulan na súa lexislación específica.

Non obstante a esta posición de supremacía que rexe as relacións entre os proxectos sectoriais e a ordenación urbanística afectada por eles, constitúe, en si mesmo, un dos obxectivos estratéxicos deste proxecto sectorial optimizar a súa articulación coa ordenación urbanística vixente apoiándose nas súas propias previsións reducindo ao máximo as determinacións do plan urbanístico que vaian de ser obxecto de modificación tras a aprobación e en virtude deste proxecto sectorial.

IV.1.2. A clasificación do solo. O solo urbano e o solo rústico de protección de infraestruturas.

A estes obxectivos sinalados no punto anterior responde a definición do ámbito territorial do proxecto sectorial, xa que a localización das actuacións previstas se expón en parte en espazos interiores aos núcleos urbanos existentes, polo que se minimiza ao máximo a afectación aos actuais usos do solo.

Por iso, a articulación do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente carece de aspectos significativos para os efectos da clasificación do solo, xa que o ámbito territorial das infraestruturas que constitúen o obxecto deste plan sectorial corresponde, no substancial, con espazos urbanisticamente xa transformados e clasificados formalmente como solo urbano na ordenación urbanística en vigor.

Os devanditos ámbitos son os pertencentes aos terreos delimitados nos planos E/5.000 e E/10.000 como solo urbano dos núcleos urbanos existentes de San Cosme de Barreiros, San Pedro de Benquerencia, San Miguel de Reinante, e Reinante. Por conseguinte, non comporta a definición dun novo modelo de ocupación do territorio, nin implica a transformación ou a parcelación urbanística do solo; polo que tampouco resultan de aplicación as previsións contidas no novo número 7 engadido ao artigo 23 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia (LOT) en virtude da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Correlativamente, aínda que no presente proxecto sectorial de abastecemento ten relevancia a localización de elementos proxectados fóra do solo urbano, estes localízanse principalmente baixo a rede de camiños existentes, polo que as infraestruturas proxectadas fóra do solo urbano e de sistemas viarios existentes se reducen á nova ETAP de Celeiro de Mariñaos e ao novo depósito de cabeceira.

Nestes casos a articulación do proxecto sectorial coa ordenación urbanística requirirá a especificación da traza territorial da correspondente infraestrutura e a consideración urbanística do chan afectado como chan rústico de protección especial de infraestruturas. A determinación concreta dos devanditos elementos determínase graficamente nos planos X.4.

IV.1.3. A categorización do solo urbano como solo con urbanización consolidada.

O exposto no apartado anterior en relación á articulación deste proxecto sectorial coa ordenación vixente na materia da clasificación urbanística do solo e en, especial, na da clasificación do solo urbano, cabe reiteralo tamén en canto á categorización deste último.

A este respecto as previsións do plan e dos seus proxectos sectoriais de desenvolvemento non implican tampouco unha incidencia directa na ordenación urbanística vixente, xa que as previsións iniciais desta contidas nos apartados 1.1 e 2.1.a) da ordenación provisional aprobada polo Decreto 15/2007, foron directamente modificadas pola disposición transitoria segunda a) da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, en virtude da cal e para os efectos da división do solo urbano nas categorías de solo urbano consolidado e de solo urbano non consolidado, terá a consideración de solo urbano consolidado o que, en cada momento e até a entrada en vigor da PXOM correspondente, cumpra os requisitos do artigo 12.a) da LOUGA; con independencia do grao de urbanización que puider presentar á data de entrada en vigor da ordenación provisional respectiva.

IV.2. Determinacións do proxecto sectorial que impliquen modificación das do plan urbanístico vixente.

Do exposto no apartado IV.1 anterior infírense xa as determinacións da ordenación urbanística vixente que deben de ser modificadas polas determinacións deste proxecto sectorial:

– A delimitación establecida nos planos X.4 dos terreos necesarios para a nova ETAP de Celeiro de Mariñaos e para o novo depósito de cabeceira determinan a clasificación urbanística dos terreos correspondentes como solo rústico de protección de infraestruturas.

V. Xustificación do cumprimento das normas de aplicación directa contidas no artigo 104 e 106 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (artigos 59 e 61 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia).

V.1. Adaptación ao ambiente.

Nos lugares de paisaxe aberta ou natural, sexa rural ou marítimo, non se permitirá que a localización, masa ou altura das construcións, muros e peches, ou a instalación doutros elementos, limiten o campo visual para contemplar as belezas naturais, rompan a harmonía da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia desta ou limiten ou impidan a contemplación do conxunto.

Neste sentido, o depósito de cabeceira sitúase no medio dun arboredo que impide a súa visualización. En canto á ETAP, tal e como se establece no documento n.º 6 (prego de bases técnicas da ETAP) do documento técnico que forma parte do presente proxecto sectorial, a tipoloxía das construcións deberá ser congruente coas características da contorna e os materiais empregados para o acabamento de fachadas e cubertas das edificacións e os peches de parcelas deberán de harmonizar coa paisaxe en que vaian emprazarse.

As construcións deberán presentar todos os seus paramentos exteriores e cubertas totalmente terminados, empregango neles as formas e materiais que menor impacto produzan, así como as cores tradicionais na zona ou, en todo caso, as que favorezan en mellor medida a integración na contorna inmediata e na paisaxe.

V.2. Protección das vías de circulación.

As construcións e peches que se constrúan con obra de fábrica, vexetación ornamental ou outros elementos permanentes en zonas non consolidadas pola edificación terán que desprazarse un mínimo de 4 metros do eixo da vía pública a que dean fronte. Unicamente se exclue desta obrigación a colocación de mouteiras e peches de postes e arames destinados a delimitar a propiedade rústica.

VI. Regulamentación detallada do uso pormenorizado, características técnicas e funcionais, condicións de deseño e de adaptación ao ambiente das infraestruturas previstas.

VI.1. Regulamentación do uso pormenorizado.

VI.1.1. Categorías do solo rústico.

Con base no artigo 32 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no solo rústico distinguiranse as seguintes categorías:

1. Solo rústico de protección ordinaria: constituído polos terreos que o plan urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio consideren inadecuados para o seu desenvolvemento urbanístico.

2. Solo rústico especialmente protexido: constituído polos terreos que, polos seus valores agrícolas, gandeiros, forestais, ambientais, científicos, naturais, paisaxísticos e culturais, suxeitos a limitacións ou servidumes para a protección do dominio público ou doutra índole, deban estar sometidos a algún réxime especial de protección. Dentro deste tipo de solo rústico especialmente protexido distinguiranse as seguintes categorías:

a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou zonas onde se encraven, así como polos terreos obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 e polos terreos concentrados con resolución firme producida no dez anos anteriores a esta data, salvo que deban de ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal.

No entanto, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos limítrofes sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluído na delimitación dos núcleos rurais, respectivamente.

Excepcionalmente, a través dos procedementos previstos na lexislación de ordenación do territorio, a consellería competente por razón do contido do proxecto poderá autorizar as actuacións necesarias para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións en que concorra unha causa de utilidade pública ou de interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente.

b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e polos que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumpriren funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, mesmo que non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumpriren as ditas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor da presente lei ou nos cinco anos anteriores a ela. Igualmente, considéranse solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a Administración competente como áreas de especial produtividade forestal e os montes públicos de utilidade pública. Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría as áreas sen masas arbóreas merecentes de protección, limítrofes sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais, que resulten necesarias para o desenvolvemento urbanístico racional.

Excepcionalmente, a través dos procedementos previstos na lexislación de ordenación do territorio, a consellería competente por razón do contido do proxecto poderá autorizar as actuacións necesarias para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións en que concorra unha causa de utilidade pública ou de interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente.

c) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que justifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio.

d) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos na lexislación reguladora das augas continentais como leitos fluviais naturais, ribeiras e marxes das correntes de auga e como leito ou fondo das lagoas e encoros, terreos alagados e húmidos e as súas zonas de servidume.

Así mesmo, incluiranse nesta categoría as zonas de protección que para ese efecto delimiten os instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio, que se estenderán, como mínimo, á zona de policía definida pola lexislación de augas, salvo que o plan xustifique suficientemente a redución. Igualmente, terán a dita consideración os terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano con risco de inundación, e aqueles baixo os cales existan augas subterráneas que deban ser protexidas.

Non obstante o anterior, as correntes de auga de escasa entidade que discorran dentro do ámbito dun sector de chan urbanizable quedarán debidamente integradas no sistema de espazos libres públicos, con suxeición ao réxime de chan urbanizable.

e) Solo rústico de protección de costas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano que se atopen a unha distancia inferior a 200 metros do límite interior da ribeira do mar.

Excepcionalmente, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o plan xeral de ordenación municipal poderá reducir, por razóns debidamente xustificadas, a franxa de protección até os 100 metros, contado desde o límite interior da beiramar.

f) Solo rústico de protección de espazos naturais, constituído polos terreos sometidos a algún réxime de protección por aplicación da Lei 9/2001, de conservación da natureza, ou da lexislación reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna. Igualmente, terán a dita consideración os terreos que os instrumentos de ordenación do territorio, as normas provinciais de plan ou o plan urbanístico consideren necesario protexer polos seus valores naturais, ambientais, científicos ou recreativos.

Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría, logo de avaliación ambiental, os solos que sexan necesarios para a delimitación de núcleos rurais nos casos en que o Consello da Xunta e autorice expresamente.

g) Solo rústico de protección paisaxística, constituído polos terreos que determine o plan urbanístico ou os instrumentos de ordenación do territorio coa finalidade de preservar as vistas panorámicas do territorio, o mar, o curso dos ríos ou os vales, e dos monumentos ou edificacións de singular valor.

h) Solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, que estean recollidas no plan ou na lexislación sectorial que lles sexa de aplicación.

Con base nestas definicións, os terreos ocupados polas infraestruturas de abastecemento consideradas dentro do presente proxecto sectorial terán a categoría de solo rústico de protección de infraestruturas.

VI.1.2. Condicións de uso.

Segundo o artigo 37 da citada Lei 9/2002, o réxime do solo rústico de protección de infraestruturas, sen prexuízo do establecido na súa específica lexislación reguladora, ten por obxecto preservar as infraestruturas existentes ou de nova creación.

Estará sometido ao seguinte réxime:

1. Usos permitidos por licenza municipal directa:

1.1. Actividades e usos non construtivos:

a) Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaxes, defensa de ríos e rectificación de leitos, socalcamentos, desmontes, recheos e outras análogas.

b) Actividades de lecer, tales como práctica de deportes organizados, acampada dun día e actividades comerciais ambulantes.

c) Actividades científicas, escolares e divulgativas.

1.2. Actividades e usos construtivos:

d) Instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial destas, así como, en todo caso, as de subministración de carburante.

f) Instalacións necesarias para os servizos técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte, distribución e evacuación de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos cales discorren.

i) Muros de contención, así como peches ou valados de leiras.

m) Infraestruturas de abastecemento, tratamento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos, e instalacións de xeración ou infraestruturas de produción de enerxía.

Ademais, permitiranse as instalacións necesarias para a execución e funcionamento da correspondente infraestrutura.

2. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

En solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos vinculados funcionalmente á infraestrutura correlativa, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

3. Usos prohibidos:

Todos os demais.

VI.1.3. Procedemento para o outorgamento de autorizacións

No artigo 41 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, o procedemento para o outorgamento da autorización autonómica en solo rústico é:

1. A competencia para o outorgamento da autorización autonómica prevista na Lei 9/2002 corresponde ao secretario ou secretaria xeral competente en materia de urbanismo.

2. O procedemento para a tramitación das autorizacións autonómicas en solo rústico axustarase ás seguintes regras:

a) O promotor deberá presentar a solicitude ante o Concello acompañada de anteproxecto redactado por un técnico competente, co contido que se detalle reglamentariamente e, como mínimo, a documentación gráfica, fotográfica e escrita que sexa suficiente para coñecer as características esenciais do lugar e da súa contorna nun raio mínimo de 500 metros, da titularidade dos terreos e superficie deles, do uso solicitado e das obras necesarias para a súa execución, conservación e servizo, as súas repercusións territoriais e ambientais e as que sexan necesarias para xustificar o cumprimento das condicións establecidas na presente lei.

b) O concello someterá o expediente a información pública por un prazo mínimo de vinte días, mediante anuncio que deberá de publicarse no taboleiro de anuncios do Concello e nun dos xornais de maior difusión no municipio. O anuncio deberá indicar, como mínimo, a localización, o uso solicitado, a altura e ocupación da edificación pretendida e o lugar e horario de consulta da documentación completa.

c) Concluída a información pública, o concello remitirá o expediente completo tramitado á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, incluíndo as alegacións presentadas e os informes dos técnicos municipais e do órgano municipal que teña atribuída a competencia para outorgar a licenza de obra.

Transcorrido o prazo de dous meses sen que o concello remitise o expediente completo á consellería, as persoas interesadas poderán solicitar a subrogación desta última, que reclamará o expediente ao concello e proseguirá a tramitación até a súa resolución.

d) A consellería poderá requirir do promotor ou promotora a documentación e información complementaria que considere necesaria ou ben a emenda das deficiencias da solicitude para adaptarse ao disposto na presente lei.

Así mesmo, poderá solicitar dos organismos sectoriais correspondentes os informes que se consideren necesarios para resolver.

e) O secretario ou secretaria xeral competente en materia de urbanismo examinará a adecuación da solicitude á citada lei e aos instrumentos de ordenación do territorio e resolverá no prazo de tres meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellería competente, concedendo a autorización simplemente ou condicionándoa xustificadamente á introdución de medidas correctoras, ou ben denegándoa motivadamente. Transcorrido o devandito prazo sen resolución expresa, entenderase denegada a autorización por silencio administrativo.

VI.1.4. Condicións da edificación:

Segundo o artigo 42 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, as condicións xerais das edificacións en solo rústico son:

1. Para outorgar licenza ou autorizar calquera clase de edificacións ou instalacións no solo rústico deberá xustificarse o cumprimento das seguintes condicións:

a) Garantir o acceso rodado de uso público adecuado á implantación, o abastecemento de auga, a evacuación e tratamento de augas residuais, a subministración de enerxía eléctrica, a recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos e, se é o caso, a previsión de aparcadoiros suficientes, así como corrixir as repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes. Estas solucións deberán ser asumidas como custo a cargo exclusivo do promotor ou promotora da actividade, formulando expresamente o correspondente compromiso en tal sentido e achegando as garantías exixidas para o efecto pola administración na forma que reglamentariamente se determine.

b) Prever as medidas correctoras necesarias para minimizar a incidencia da actividade solicitada sobre o territorio, así como todas aquelas medidas, condicións ou limitacións tendentes a conseguir a menor ocupación territorial e a mellor protección da paisaxe, os recursos produtivos e o medio natural, así como a preservación do patrimonio cultural e a singularidade e tipoloxía arquitectónica da zona.

c) Cumprir as seguintes condicións de edificación:

– A superficie máxima ocupada pola edificación en planta non excederá o 20% da superficie da leira. No entanto, as edificacións destinadas a explotacións gandeiras, os establecementos de acuicultura e as infraestruturas de tratamento ou depuración de augas poderán ocupar até o 60% da superficie da parcela, e a ampliación dos cemiterios a totalidade da súa superficie. Excepcionalmente, os instrumentos establecidos pola Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, poderán permitir unha ocupación superior para estas actividades, sempre que se manteña o estado natural, polo menos, nun terzo da superficie da parcela.

– O volume máximo da edificación será similar ao das edificacións existentes no solo rústico da contorna. No caso de que resulte imprescindible excedelo por exixencias do uso ou actividade autorizable, procurará descomporse en dous ou máis volumes conectados entre si a fin de adaptar as volumetrías ás tipoloxías propias do medio rural. En todo caso, deberán adoptarse as medidas correctoras necesarias para garantir o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración do relevo natural dos terreos.

– As características tipolóxicas da edificación deberán de ser congruentes coas tipoloxías da contorna; en particular, as condicións de volumetría, tratamento de fachadas, morfoloxía e tamaño dos ocos e solucións de cuberta, que, en todo caso, estarán formadas por planos continuos sen quebras nas súas vertentes.

– Nos solos rústicos de protección ordinaria, agropecuaria, forestal ou de infraestruturas, de augas e de costas, a altura máxima das edificacións non poderá exceder dúas plantas nin 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente de cuberta. Excepcionalmente, poderá exceder 7 metros de altura cando as características específicas da actividade, debidamente xustificadas, fixesen imprescindible excedelos nalgún dos seus puntos. Nos demais solos rústicos protexidos, as edificacións non poderán exceder unha planta de altura nin 3,50 metros medidos de igual forma, salvo nos casos debidamente xustificados de infraestruturas de tratamento ou depuración de augas. Poderán igualmente exceptuarse aquelas instalacións propias de usos agrícolas, acuícolas ou gandeiros que necesiten alturas excepcionais, logo de informe, en todo caso, da consellería competente na materia.

– As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e as construcións da contorna. En tal sentido, para o acabamento das edificacións empregarase a pedra ou outros materiais tradicionais e propios da zona. En casos xustificados pola calidade arquitectónica da edificación, poderán empregarse outros materiais acordes cos valores naturais, a paisaxe rural e as edificacións tradicionais da contorna.

– Os peches e valados serán preferentemente vexetais, sen que os realizados con material opaco de fábrica excedan a altura de 1 metro, salvo en parcelas edificadas, onde poderán alcanzar 1,50 metros. En todo caso, deben realizarse con materiais tradicionais do medio rural en que se sitúen, non permitíndose o emprego de bloques de formigón ou outros materiais de fábrica, salvo que sexan debidamente revestidos e pintados na forma que reglamentariamente se determine.

d) Cumprir as seguintes condicións de posición e implantación:

– A superficie mínima da parcela sobre a que se situará a edificación será a establecida en cada caso pola Lei 9/2002, sen que para ese efecto sexa admisible a adscrición doutras parcelas.

– Os edificios situaranse dentro da parcela, adaptándose no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

– Os recuamentos das construcións aos lindes da parcela deberán de garantir a condición de illamento e en ningún caso poderán ser inferiores a 5 metros.

– As condicións de socalcamento obrigatorio e de acabamento dos socalcos resultantes deberán definirse e xustificarse no proxecto, de modo que quede garantido o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración da topografía natural dos terreos.

– Manterase o estado natural dos terreos ou, se for o caso, o uso agrario deles ou con plantación de arboredo ou especies vexetais en, polo menos, a metade da superficie da parcela, ou nun terzo dela cando se trate de infraestruturas de tratamento ou depuración de augas.

e) Farase constar obrigatoriamente no rexistro da propiedade a vinculación da total superficie real do predio á construción e uso autorizados, expresando a indivisibilidade e as limitacións concretas ao uso e edificabilidade impostas pola autorización autonómica.

f) En todo caso, o prazo para o inicio das obras será de seis meses, contado desde o outorgamento da licenza municipal correspondente, debendo concluírse as obras no prazo máximo de tres anos, contado desde o outorgamento da licenza.

g) Transcorridos os devanditos prazos, entenderase caducada a licenza municipal e a autorización autonómica, logo de expediente tramitado con audiencia da persoa interesada, e será de aplicación o disposto no artigo 203 da Lei 9/2002.

2. Ás obras de derruba e demolición que se pretendan realizar en solo rústico seralles de aplicación o disposto no artigo 26 da Lei 9/2002, do 30 de decembro.

Cumpriranse, ademais, as condicións adicionais para outras actividades construtivas non residenciais indicadas no artigo 44 da Lei 9/2002.

1. As construcións en solos rústicos distintas das edificacións destinadas a usos residenciais vinculados ás explotacións agrícolas ou gandeiras cumprirán:

a) A superficie da parcela en que se sitúe a edificación non será inferior a 3.000 metros cadrados, salvo nos supostos previstos no artigo 33.2, letras f e j, da Lei 9/2002 e no que se refire á ampliación de cemiterios e instalacións de tratamento e depuración de augas

b) Deberá de xustificarse cumpridamente a idoneidade do emprazamento elixido e a imposibilidade ou inconveniencia de situalas en solo urbano ou urbanizable con cualificación idónea. Tal xustificación non será necesaria cando se trate das construcións sinaladas no artigo 33.2, letras a, b c, d e f da Lei 9/2002.

2. Excepcionalmente poderá outorgarse licenza, sen necesidade de autorización autonómica previa, para a execución de pequenas construcións e instalacións ao servizo e funcionamento das infraestruturas e obras públicas, sempre que quede xustificada a construción ou instalación coa natureza, extensión e destino actual da leira en que se sitúe e non se superen os 50 metros cadrados de superficie total edificada nin a altura máxima dunha planta nin 3,50 metros. En todo caso, a tipoloxía da edificación e os materiais de construción serán os determinados no artigo 42 da Lei 9/2002.

3. As obras de simple conservación e as obras menores a que fai referencia o artigo 195.3 da Lei 9/2002 non precisarán autorización autonómica con anterioridade á obtención da preceptiva licenza urbanística municipal.

VI.2. Características técnicas e funcionais.

Dentro da denominada rede de abastecemento inclúense máis elementos á parte das tubaxes encargadas de conducir e distribuír a auga potable dentro dos núcleos de poboación. Consideráronse igualmente todas aquelas infraestruturas que permitan unha xestión integral da auga potable, desde a súa orixe até cada domicilio (ETAP, depósitos).

Nova ETAP en Rexa.

A nova estación de tratamento de auga potable (ETAP) deseñarase para o caudal de 60 l/s. Ao mesmo tempo preverase a posibilidade de ampliación até 120 l/s, cuxa futura construción será viable sen demolición parcial desta.

Os parámetros indicadores da calidade das augas serán conformes con:

● Directiva 98/83/CE do Consello, do 3 de novembro de 1998, relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano (DOCE n.º L 330, de 5.12.98).

● Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano, correspondente á transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva comunitaria 98/83/CE.

A ETAP constará dos seguintes procesos:

● Bombeo de auga bruta.

● Caudalímetro e totalizador de auga bruta.

● Análise da auga bruta: turbidez, pH, potencial redox e temperatura.

● Cámara de mestura de reactivos.

● Cámara de floculación.

● Decantación.

● Caudalímetro lodos.

● Espesamento de lodos.

● Deshidratación de lodos.

● Filtración dobre etapa area + zeolita.

● Recuperación de auga de lavado.

● Desinfección con ultravioletas.

● Desinfección con hipoclorito sódico.

● Análise da auga tratada: turbidez, cloro libre, pH e temperatura.

● Bombeo de auga tratada.

Dotarase o sistema dunha solución avanzada de telexestión e telecontrol orientada especificamente para o seu uso en instalacións hidráulicas, con capacidade de integrar na mesma plataforma todas as plantas que forman parte no ciclo de explotación da auga.

Depósito de cabeceira de rede.

Exponse o depósito de cabeceira de rede de formigón armado. Calcúlase segundo a normativa española EHE-08, considerando como hipótese de carga o estar cheo de auga, para o que deberá resistir o empuxe hidrostático sen xerar unha fisura superior a 0,1 mm.

Impídese a corrosión das armaduras así como a carbonatación do formigón, para o que se dispón dun formigón HA-30/IV+Qb. Impermeabilízase o seu interior mediante un primeiro parteamento para eliminar oquedades con mase epoxi e acabamento protector con certificado alimentario. Exteriormente aplícanse dúas mans de pintura plástica branca.

A entrada de auga realízase pola parte superior e disponse a saída de maneira que se garanta a mestura da auga. A soleira ten no seu punto máis baixo o desaugadoiro (50 cm por baixo da saída) e pendente mínima do 2% para permitir o mantemento e limpeza. O aliviadoiro sitúase polo menos cun resgardo de 50 cm respecto da placa.

Liñas de condución.

Proxéctanse conducións de diferentes diámetros para unha velocidade da orde de 1,0 m/s que impide a sedimentación de partículas, así como a erosión dos materiais.

O material é fundición dúctil recuberto exteriormente por unha pintura epoxi que impida a corrosión das tubaxes por correntes erráticas no terreo, e interiormente con argamasa de cemento.

As tubaxes e a súa execución cumprirán a normativa técnica española de referencia:

● Orde do 28 de xullo de 1974, de especificacións técnicas xerais para tubaxes de abastecemento de auga. MOPU.

● Norma UNE-EN 805:2000 de abastecemento de auga. Especificacións para as redes exteriores dos edificios e os seus compoñentes. Decembro 2000.

● Norma UNE-EN 545 de tubos, racores e accesorios de fundición dúctil e as súas unións para canalizacións de auga. Decembro de 2002.

As tubaxes serán aptas para o abastecemento, polo que se exixirá ao subministrador certificado alimentario.

VI.3. Condicións de deseño.

Para o deseño e dimensionamento da rede no seu conxunto seguíronse as Instrucións técnicas para obras hidráulicas en Galicia (ITOHG), elaboradas pola Administración hidráulica de Galicia en colaboración co hrupo FLUMEN da ETSICCP da Coruña.

A poboación máxima actual do catro parroquias en que se desenvolve o presente proxecto sectorial (San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante) determínase a partir dos datos e/ou hipóteses que se tiveron en conta na memoria de déficits do plan:

● Padrón: adóptase como poboación fixa e estaría afectada o coeficiente punta de variación estacional.

● Coeficiente punta de variación estacional: 1,4 (segundo as ITOHG).

● Vivendas das urbanizacións da costa: ocupadas no verán cun cociente de ocupación de 3 habitantes/vivenda.

Hostalaría:

– 1 praza de cámping = 0,5 habitantes equivalentes.

– 1 habitación de hotel = 0,67 habitantes equivalentes.

– Casaríos e cabanas = 2 habitacións de hotel = 1,33 hab. Equivalentes.

– Refuxios e albergues = 1 habitación de hotel = 0,67 hab. Equivalentes .

No cálculo de caudais, e de acordo coa ITOHG, consideraranse os seguintes datos de partida:

● Dotación de auga por habitante e día: 240 l/hab.día.

● Coeficiente punta de variación estacional (Cpest) de 1,4.

● Coeficiente punta de variación horaria:

missing image file

● Non hai caudais de orixe industrial.

A escavación das gabias realizarase de acordo coas especificacións establecidas no estudo xeotécnico. No seu interior, os tubos colocaranse sobre unha camada de area de 10 cm, e a seguir encherase a ambos os dous lados da condución con material granular seleccionado até cubrila un mínimo de 20 cm sobre a xeratriz superior. En todos os casos procurarase un recubrimento mínimo dun metro medido sobre a clave do tubo.

VII. Memoria descritiva das características técnicas das infraestruturas obxecto do proxecto sectorial.

VII.1. Localización das infraestruturas.

As liñas de abastecemento proxéctanse por camiños públicos municipais no seu maior parte. As estradas nacionais e provinciais cruzaranse mediante perforación horizontal por exixencia da autoridade competente. Hai, con todo, un tramo que discorre paralelo á estrada provincial LU-6103 desde o p.q. 16,413 até o p.q. 16,970, no cal a tubaxe se situará a 8 metros do eixo da vía, fóra da zona de servidume, ou ben, se non for viable, na berma da estrada. Así mesmo, proponse a primeira parte do percorrido da liña de adución polo camiño de servidume, no seu bordo exterior.

As parcelas afectadas polos servizos xerais de abastecemento para a instalación da nova ETAP e a construción do depósito de auga de 3.000 m3, son as seguintes:

Solo rústico:

N.º

Polígono

Parcela

Superficie (ha)

Uso

Ocupación

1

2

253

1,1138

Pasteiro e pasto arbustivo

0,6295

2

2

249

0,4726

Terras arables e forestal

0,1390

0,7685

Solo rústico:

N.º

Polígono

Parcela

Superficie (Ha)

Uso

Ocupación

3

49

644

0,3412

Forestal

0,3412

4

49

654

0,3963

Forestal

0,3963

0,7375

Localización da ETAP de Rexa

missing image file

Localización do depósito de cabecera de Celeiro

Do mesmo xeito, na impulsión desde a nova ETAP ao depósito de cabeceira de rede existe un tramo que xera unha servidume de paso nunha parcela privada (polígono 2, parcela 278). Dado que esta condución é paralela a dúas conducións que conectan a ETAP actual de Rexa co depósito de Celeiro, esta servidume de paso xa é existente.

Defínense as afeccións que se xeran nesta parcela 278:

– Servidume de paso: banda de 6 metros de largo centrada sobre o eixo da condución, que limita a construción de calquera elemento sobre ela e pola cal deberá permitirse a entrada de persoal de mantemento.

– Ocupación temporal: banda de até 20 metros de largo centrada sobre o eixo da condución, que puider necesitarse durante a execución das obras.

Solo rústico:

N.º

Polígono

Parcela

Superficie (ha)

Uso

Servidume de paso (ha)

Ocupación temporal (ha)

5

2

278

1,4036

Forestal

0,0452

0,1580

0,0452

0,1580

Todos os terreos ocupados pola nova rede de abastecemento situados fóra de camiños públicos deberán ser postos ao dispor das obras polo Concello de Barreiros, antes do inicio.

VII.2. Delimitación do ámbito territorial de incidencia do proxecto sectorial.

O obxecto final do presente proxecto sectorial é a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de abastecemento nos núcleos urbanos de San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante. Partindo disto, a delimitación do ámbito de actuación desde ser coincidente cos límites que establecen as normas subsidiarias de Barreiros para eses catro núcleos (ver planos X.3.1 e X.3.2).

En calquera caso e tal e como se comentou no apartado anterior, a necesidade de actuar na rede xeral abastecemento.

● Nova ETAP de Rexa, en Celeiro de Mariñaos.

● Novo depósito de cabeceira.

Amplía o ámbito territorial de incidencia deste proxecto sectorial, abranguendo o tramo comprendido entre a N-635 e a costa das parroquias de San Cosme de Barreiros, San Pedro de Benquerencia, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.

VII.3. Descrición e características técnicas das infraestruturas.

Para a garantía de abastecemento futuro do concello de Barreiros co crecemento esperado nos próximos 30 anos, proponse unha serie de actuacións que se enumeran a seguir:

● Construción dunha nova ETAP en Rexa para 60 l/s.

● Construción dun depósito de cabeceira de rede de 3.000 m3 de capacidade.

● Construción dunha liña de adución desde a ETAP até o depósito da Barranca.

● Renovación da captación Pena da Balsa.

● Construción de redes de distribución principal desde os depósitos até os núcleos urbanos.

● Construción de redes de distribución secundaria nos núcleos urbanos.

VII.3.1. Nova ETAP en Rexa.

Precísase a construción dunha nova ETAP, con equipamento para a potabilización dun caudal de 60 l/s, deixando espazo libre para unha posible ampliación da planta.

Albergarase nun edificio pechado a parte correspondente á filtración, dosificación de reactivos, deshidratación de lodos, control e vestiarios.

Proxéctase a ETAP cun recinto aberto en que se realiza a mestura de reactivos para a coagulación e floculación, seguida da decantación. O formigón será HA-30/IV+Qb, para permitir a súa maior durabilidade.

Así mesmo, a planta disporá de dous bombeos proxectados para o caudal de deseño de 60 l/s.

● Bombeo de auga bruta.

● Bombeo de auga tratada.

Debido á incerteza da demanda real na contorna de Barreiros no futuro a medio prazo, deséñase a obra civil para 120 l/s.

Os parámetros indicadores da calidade das augas serán conformes con:

● Directiva 98/83/CE do Consello, de 3 de novembro de 1998, relativa á calidade das augas destinadas ao consumo humano (DOCE n.º L 330, do 5.12.98).

● Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano, correspondente á transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva comunitaria 98/83/CE.

A ETAP constará dos seguintes procesos:

Liña de agua:

● Bombeo de auga bruta

● Caudalímetro e totalizador da auga de entrada

● Medición de turbidez, pH, temperatura e potencial redox da auga bruta.

● Mestura de reactivos.

● Floculación.

● Decantación.

● Filtración.

● Desinfección.

● Medición de turbidez, pH, temperatura e potencial redox da auga tratada.

● Depósito de auga tratada.

● Bombeo de auga tratada.

Liña de lodos.

● Bombeo de lodos.

● Espesamento.

● Acondicionamento químico.

● Deshidratación.

● Almacenamento.

Dotarase o sistema dunha solución avanzada de telexestión e telecontrol orientada especificamente para o seu uso en instalacións hidráulicas, con capacidade de integrar na mesma plataforma todas as plantas que forman parte do ciclo de explotación da auga.

No documento n.º 6 (prego de bases técnicas da ETAP) do documento técnico que forma parte do presente proxecto sectorial detállanse as características técnicas da ETAP de Rexa.

VII.3.2. Novo depósito de cabeceira de rede.

Construirase un novo depósito de cabeceira da rede de abastecemento, de 3000 m3 de capacidade útil á cota 150 m.

Estará composto por dous vasos independentes de 1.500 m3 cada un, cunha cámara de válvulas común que permitirá que funcionen independientemente.

A entrada de auga realizarase pola parte superior e disporase a saída de maneira que se garanta a mestura da auga. A soleira terá no seu punto máis baixo o desaugadoiro (50 cm por baixo da saída) e pendente mínima do 2% para facilitar o mantemento e limpeza. O aliviadoiro situarase, polo menos, cun resgardo de 50 cm respecto da placa.

Os depósitos construiranse de formigón armado HA-30 para ambiente IV+Qb. En todo caso, no seu interior impermeabilizaranse todas as súas superficies para a protección do formigón e do aceiro cun material que presente certificado alimentario e garantía de durabilidade mínima de 10 anos.

VII.3.3. Liña de adución.

Co obxectivo de garantir o abastecemento das poboacións máis orientais do municipio, proxéctase unha rede de adución nova que estará formada polos seguintes tramos:

● ETAP - Depósito de cabeceira de Barreiros DN300.

● Depósito de cabeceira - depósito da Folgueirosa DN300.

● Depósito da Folgueirosa - depósito da Barranca DN250.

En todos os casos o material das tubaxes será fundición e o diámetro garantirá os caudais de deseño establecidos.

Na derivación ao depósito da Folgueirosa disporase unha válvula sostedora de presión, con obxecto de garantir a subministración ao depósito da Barranca do caudal establecido.

Nos puntos baixos proxéctanse desaugadoiros, coas correspondentes válvulas de comporta a ambos os lados da liña de adución que permitan o seu baleiramento; nos puntos altos disporase ventosa DN60.

VII.3.4. Renovación da captación Pena da Balsa.

Aínda que a captación non funciona no verán, cando se incrementa a demanda de auga, a calidade da auga e a economía na dispoñibilidade da auga fan imprescindible a renovación desta captación en funcionamento desde hai 20 anos.

Por razóns sanitarias e para o incremento do caudal de captación, proponse a substitución da tubaxe FC125 por outra de fundición FD150 e a mellora do tratamento da ETAP da Barranca.

É necesario tamén realizar traballos de limpeza e saneamento do azuded: corta de arboredo, roza e retirada do material depositado por sedimentación ao longo dos anos.

VII.3.5. Rede de distribución principal.

Proponse a execución dos tramos da rede principal desde os depósitos até o núcleo urbano, os cales se enumeran a seguir:

Depósito da Folgueirosa-San Cosme

FD250

L = 1610m

San Cosme-San Pedro

FD200

L = 1790m

Depósito da Barranca-San Miguel

FD250

L = 1870m

San Miguel-Reinante

FD200

L = 1850m

Das liñas principais citadas sairán derivacións con tubaxes secundarias, nunca conexións domiciliarias unifamiliares directas, a fin de reducir o número de conexións. Tras a CHE de derivación colocarase unha arqueta con válvula de comporta, máis desaugadoiro se for o tramo ascendente.

Discorre a rede principal entre núcleos pola berma da estrada nacional N634, e non se invadirá a beiravía a non ser en contados casos por extrema necesidade.

VII.3.6.- Rede de distribución secundaria

Nos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel e Santiago de Reinante deséñase a construción de redes secundarias.

En varios puntos proxectouse o cruzamento da estrada nacional N634, o que se realizará mediante perforacións horizontais entubadas de PE300, cun resgardo de 2 metros mínimo. Dentro desta tubaxe aloxarase a tubaxe a presión de fundición e terá unha arqueta a cada lado do cruzamento, con desaugadoiro desde a que teña menor cota.

VIII. Prazo de execución das obras.

O prazo previsto para a execución das obras de ampliación e mellora da rede de abastecemento de Barreiros é de dieciseis (16) meses.

Adicionalmente, a Administración poderá ordenar ao contratista adxudicatario a redacción dun proxecto construtivo baseándose no da súa oferta. Para iso, prevese un prazo máximo de dous (2) meses desde a resolución do concurso.

En total, o prazo de execución das obras será de dezaoito (18) meses.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2012.

Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file