Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Xoves, 10 de maio de 2012 Páx. 17504

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 2 de maio de 2012 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 17 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

O día 28 de xuño de 2011, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 17 de xuño de 2011 (DOG núm. 123, do 28 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011.

No seu artigo 16 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes de axudas ao fomento da forestación no medio rural, no marco das axudas ao desenvolvemento rural en Galicia e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobouse o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Ao abeiro do artigo 16 da Orde do 17 de xuño de 2011 de axudas ao fomento da forestación (DOG núm. 123, do 28 de xuño), que establece que o orzamento se poderá ver incrementado, amplíase a dotación orzamentaria prevista para as axudas ao fomento da forestación da Orde do 17 de xuño de 2011, con Fondos Europeos Agrícolas de Desenvolvemento Rural (Feader), con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes, na aplicación 16.20.713B.770.0, no ano 2012, por importe de 1.592.000,00 €, dotación que poderá ser incrementada con fondos comunitarios, do Estado, ou da Comunidade Autónoma.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional primeira.

A ampliación do crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 17 de xuño de 2011.

Disposición adicional segunda.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar